CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os medios públicos galegos convértense en altofalantes das reaccións polo pasamento de Manuel Fraga

16/01/2012

Tanto a TVG coma a Radio Galega están a realizar un amplo seguimento nos seus espazos informativos, así como especiais sobre o seu perfil político e humano 

Na sección “Arquivo” da web da CRTVG inclúese un apartado especial con material audiovisual sobre a traxectoria de Fraga nos 26 anos de historia da Galega

Os medios públicos galegos convértense en altofalantes das reaccións polo pasamento de Manuel Fraga

Santiago, 16.01.2012.- Tanto a Televisión de Galicia coma a Radio Galega están a converterse en altofalantes das numerosas reaccións que a morte de Manuel Fraga está a suscitar nos diferentes ámbitos. Tras coñecerse a noticia, os medios públicos galegos fixeron un alto na súa programación para dar conta da noticia do pasamento do ex presidente da Xunta de Galicia, ofrecendo contidos especiais sobre a súa figura. Atendendo os desexos da familia, de velorio e soterramento íntimos, a radio e a televisión autonómicas están a realizar un seguimento nos seus espazos informativos, achegando reportaxes sobre o seu perfil político e humano e declaracións de variadas personalidades. Con este cometido, a TVG e a Radio Galega manteñen continuos puntos de directo en Madrid, Perbes e Vilalba.

 Durante a xornada de hoxe, a Televisión de Galicia ofreceu no “Bos Días” a comparecencia en directo, arredor das 10.00 horas, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Pazó de Raxoi, establecendo conexións co domicilio familiar en Madrid, onde se instalou a capela ardente do ex presidente da Xunta de Galicia, e ofrecendo as primeiras reaccións das personalidades que ata alí acudiron para dar o seu pésame. O espazo “A Revista” tamén centrou os seus contidos en torno ao pasamento de Manuel Fraga, con conexións con Madrid, Vilalba e Perbes, do mesmo xeito que o “Telexornal Mediodía”, para dar paso a continuación á emisión dun especial “Reporteiros”, en que se realizou un percorrido en profundidade sobre a figura do político de Vilalba. Ao longo dos distintos espazos informativos, a TVG está a ofrecer distintas reportaxes especiais sobre o perfil histórico de Manuel Fraga, dada a súa longa traxectoria na actividade institucional e política, e referidas ao seu perfil máis humano, relacionadas coas características máis singulares que marcaron a súa personalidade. Xa en horario de noite, a canle pública galega ofrecerá unha edición de “Foro Aberto”, en que persoas que tiveron unha relación directa co político recentemente finado intercambiarán impresións sobre el. Neste programa intervirán Javier Sánchez de Dios, Xabier Navaza, Xosé Luís Gómez, Xaime Pita, Alberto Fernández e Juan Fernández.

 O martes, a TVG seguirá pendente desde primeiras horas da mañá, no “Bos Días”, pasando polos distintos espazos informativos. A partir das 17.00 horas, emitirase un avance informativo e no tempo de “A Solaina” realizaranse continuas conexións con Perbes, con motivo do soterramento do ex presidente da Xunta de Galicia. Esta mesma noite, ao remate da nova entrega da serie “Matalobos”, ás 23.35 horas, a TVG ofrecerá un amplo resumo con todas as reaccións e valoracións xurdidas en torno ao seu pasamento.

Programación especial na emisora pública

 Pola súa parte, a Radio Galega está a abordar unha programación case ininterrompida sobre o acontecemento, combinando a última actualidade, información biográfica e as reaccións que a morte de Manuel Fraga está a suscitar en toda Galicia, con reporteiros desprazados nos distintos focos da noticia.

 Ao pouco de coñecerse a lutuosa noticia, a emisora pública suspendeu a súa programación habitual para achegar un especial coa súa biografía, momentos da súa vida en voz e varias entrevistas realizadas a distintas personalidades do ámbito político de Galicia e de fóra. Hoxe, desde as 06.00h, continuou esta programación especial con conexións en directo coas súas tres localidades de referencia e coas declaracións de varios persoeiros da vida política e cultural do país.

 Mañá a Radio Galega ten previsto dar conta tamén, xa desde primeiras horas da mañá, de todas as voces que vaian xurdindo e se acheguen ao velorio e ao seu posterior funeral en Perbes.

 Pola súa parte, a páxina web da CRTVG (www.crtvg.es) abriu un capítulo especial na súa sección "Arquivo", en que se recolle unha escolma de noticias, entrevistas, reportaxes emitidas por TVG e material audiovisual en bruto, así como outros documentos referentes á traxectoria de Manuel Fraga nos 26 anos de historia da televisión pública galega.