CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os amantes do misteiro e os fenómenos insólitos teñen unha cita cada martes con 'Milenio' na TVG

05/08/2019

Na súa estrea, distintas persoas falarán das súas vivencias en experiencias próximas á morte e sobre o fenómeno ovni

Os amantes do misteiro e os fenómenos insólitos teñen unha cita cada martes con 'Milenio' na TVG

Santiago, 05.08.2019.-   Televisión de Galicia estrea este martes ‘Milenio’ (22.20 h.), un novo espazo semanal dirixido aos amantes do insólito, os misterios e os fenómenos paranormais. Na tradición galega, os ‘corpos abertos’ son persoas que teñen a facultade de ver e sentir o mundo do alén. Este concepto define a temática de ‘Milenio’, que centra os seus contidos en aspectos como a posibilidade de vida despois da morte, as aparicións de falecidos, os sinais e as premonicións de morte, entre outros temas relacionados co máis alá. Os ovnis, os sucesos insólitos, as lendas e os milagres tamén formarán parte das temáticas do programa.

Dirixido por Jorge Linares e producido por Volcán Producciones para a canle pública galega, ‘Milenio’ achegará en cada emisión dous casos ou acontecementos que tiveron lugar en Galicia, cuns protagonistas galegos. Cada tema trasladarase con argumentos e testemuños, amais de achegarse datos, formularse interrogantes ou contar con opinións de expertos.

Experiencias próximas á morte e o fenómeno ovni

‘Morrer e regresar para contalo’ é o primeiro tema de ‘Milenio’, en que se abordará o asunto das experiencias próximas á morte. Para tratar este tema, este primeiro programa incluirá testemuños de persoas que tiveron estas vivencias, como foi o seu regreso á vida cotiá e como mudou o seu xeito de entender a vida e a morte.

O segundo asunto que presenta hoxe o programa é a presenza de obxectos voantes non identificados, ovnis, que foron observados sobre bases militares de Galicia. Tamén nesta ocasión se contará con testemuños de primeira man, informes militares e de controladores aéreos que certificaron a presenza destes enigmáticos obxectos nas pantallas de radar mentres sobrevoaban o ceo galego.