CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'O que arde', de Oliver Laxe e participado pola TVG, primeiro filme en galego en ser premiado no Festival de Cannes

24/05/2019

Alzouse esta noite co premio do xurado na sección oficial ‘Un certain regard’ do festival francés

A longametraxe, rodada nos montes dos Ancares, reflexiona sobre a problemática dos incendios forestais en Galicia, a piromanía e as relacións veciñais

 

'O que arde', de Oliver Laxe e participado pola TVG, primeiro filme en galego en ser premiado no Festival de Cannes

Santiago, 24.05.2019.- A película ‘O que arde’, dirixida por Oliver Laxe e participada pola Televisión de Galicia, alzouse esta noite co premio do xurado na sección oficial ‘Un certain regard’ (`Unha certa mirada´) no 72º Festival de Cannes, a cita cinematográfica máis prestixiosa e un dos eventos culturais máis mediáticos do mundo.

‘O que arde’, o primeiro filme rodado en galego que chega á meca gala do cinema, tamén logrou o “Premio ao mellor concepto sonoro” outorgado pola “Semaine du son”, no marco do festival.

A longametraxe, rodada nos montes dos Ancares, reflexiona sobre a problemática dos incendios forestais en Galicia e as relacións veciñais a partir da historia dun pirómano que volve á casa da súa nai despois de pasar polo cárcere. Amador Arias e Benedicta Sánchez son os protagonistas desta relación entre nai e fillo, en que a forza interpretativa está nos seus rostros.

As dúas anteriores películas de Laxe xa foran galardoadas no certame francés. Con ‘Todos vós sodes capitáns’ gañou en 2010 o premio da crítica da Quincena de Realizadores e repetiu con ‘Mimosas’, participada pola TVG e gañadora en 2016 do gran premio da Semana da Crítica.