CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'Pensando en ti' ofrécese en directo tamén pola G2

01/09/2019

A partir da madrugada do luns ao martes, a audiencia poderá seguir cada emisión por todos os soportes dos medios públicos galegos

O espazo pode seguirse a diario, ata o de agora, a través da Radio Galega e polo servizo da páxina web Mira Radio Galega

O programa 'Pensando en ti' ofrécese en directo tamén pola G2

Santiago, 01.09.2019.-   'Pensando en ti' é o primeiro programa de entretemento da Radio Galega que se emitirá cada día, en directo e de xeito íntegro, por todos os soportes dos medios públicos galegos. O programa radiofónico, que ata o de agora se transmite tamén polo servizo da páxina web Mira Radio Galega, ofrecerase desde a próxima semana pola segunda canle da Televisión de Galicia, a G2.

A CRTVG amplía, deste xeito, o servizo dos medios públicos para facer visual a oferta da Radio Galega, a partir da madrugada do luns ao martes, no horario habitual de emisión, de 1.00 a 6.00 horas da madrugada e de luns a venres.

'Pensando en ti' é un dos programas máis antigos da Radio Galega e un dos preferidos pola audiencia, líder da súa faixa na madrugada. Dirixido e presentado por Marcial Mouzo, acaba de facer 21 anos en antena cedéndolle o protagonismo absoluto á participación dos oíntes, que comparten en directo e a través do teléfono, nun ton distendido, experiencias persoais e opinións sobre todo tipo de temas. É tal o éxito do espazo radiofónico que os seus ouvintes levan 15 anos celebrando unha xuntanza festiva para poñerlle a guinda a cada temporada.

Máis interacción

Con esta incorporación de 'Pensando en ti' á grella da G2, os medios públicos galegos continúan a establecer pontes de cara a un servizo público máis completo e próximo á audiencia. 'A crónica' foi o primeiro espazo informativo e de análise da Radio Galega que estivo presente cada xoves nas emisións da G2, amais tamén de ofrecerse o seu faladoiro vía streaming. Tamén o programa de humor 'Como que non?' formou parte da programación nocturna dos venres da segunda canle da Galega. A maiores, o 'Galicia por diante' da RG abre fiestras informativas en distintos espazos da TVG, como 'A revista' e o 'Bos días', para achegar os temas máis relevantes do día.