CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa "Luar" contará coas actuacións de María José Cantudo, Sabela e Luar na Lubre

06/06/2014

O programa, que presentan Xosé R. Gayoso e Lucía Regueiro, volve esta noite á Galega con máis música, entretemento e moito humor (22.05 h.)

O programa "Luar" contará coas actuacións de María José Cantudo, Sabela e Luar na Lubre

Santiago, 06.06.2014.- Música, diversión, humor, maxia, folclore, tradición... Estes serán un venres máis algúns dos ingredientes do programa “Luar” (22.05 horas), que esta noite recibirá a visita de Luar na Lubre, a banda folk máis internacional de Galicia, que desde hai preto de 30 anos levan recorrendo o planeta achegando a música e a cultura galegas a través da súa proposta. Ademais de deleitar os espectadores coa súa música, falarán do seu novo espectáculo, “Torre de Breoghán”, que gravarán dentro dun par de semanas xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia.

Polo escenario de “Luar” tamén pasarán hoxe tres mulleres de bandeira: a cantante, vedette e actriz María José Cantudo, a cantante galega de música lixeira Sabela e María Chenlo, unha artista con alma de roqueira que transmite unha grande enerxía sobre o escenario.

Ademais, o espazo da TVG presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro contará coas actuacións da Unión Musical de Meaño, dos Peleriños de Sarria, das Repeniqueiras de Urdilde e da Banda de Gaitas A Beira do Avia. A maxia de Luís de Matos e o humor de Campos e Crespo completan a proposta de “Luar” para este venres.

Finalmente, seguirán o seu curso habitual os concursos “Vai de Gaita”, en cuxas semifinais participarán hoxe Laura Suárez e Víctor Antelo, e “Recantos”, inmerso nos seus cuartos de final e que nesta ocasión enfrontará a Lorena Ferro, representante da comarca da Arousa, e Rubén, procedente de Terras de Compostela.