CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'Diario cultural' ofreceuse o xoves, en directo, desde o Festival de Cans

22/05/2019

Vituco Neira falou co coordinador do Festival, Abel Gallego; co realizador Adrián Canoura, que presenta a curtametraxe 'Caerán lóstregos do ceo'; coa actriz Mariana Carballal, responsable do Proxecto Orballo; con Gaspar Broullón, director de produción de Eroski Paraíso; e coa directora de fotografía Lucía Catoira

O programa 'Diario cultural' ofreceuse o xoves, en directo, desde o Festival de Cans

Santiago, 24.05.2019.-    O programa 'Diario cultural' saíu este xoves dos estudios da Radio Galega e estivo en directo na aldea porriñesa de Cans, que acolle unha primavera máis o festival de cine máis singular e pintoresco de España: o Festival de Cans. Como vén sendo habitual, o certame ofrece na súa décimo sexta edición unha mestura de agroglamour coas últimas novidades cinematográficas e culturais, cun papel moi destacado da música.

O presentador Vituco Neira estivo en Cans falando cos protagonistas desta xornada, que desfilaron polos micrófonos da RG. Un dos convidados foi o realizador burelense Adrián Canoura, que presenta na competición de non ficción FuraCans a curtametraxe 'Caerán lóstregos do ceo', un traballo experimental e vangardista que explora o mundo dos mitos, neste caso a Santa Compaña.

Pola súa parte, a actriz e profesora da Universidade de Vigo Mariana Carballal falou da estrea de Proxecto Orballo, un obradoiro que dirixe e que pretende revisar secuencias de filmes clásicos e de series de televisión desde a perspectiva de xénero.

Os protagonistas da xornada tamén foron Abel Gallego, coordinador do Festival; Gaspar Broullón, director de produción de "Eroski Paraíso"e coa directora de fotografía Lucía Catoira.