CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O peche da entrada dunha casa, unha viaxe a Suíza e unhas clases de canto estarán en liza en "Entre Familias Anda o Xogo"

31/05/2014

As familias Cortés, Fernández e Pérez competirán con moito humor esta noite ao carón de Roberto Vilar, o mestre de cerimonias (22.05 h.)

O peche da entrada dunha casa, unha viaxe a Suíza e unhas clases de canto estarán en liza en "Entre Familias Anda o Xogo"

Santiago, 31.05.2014.- A Televisión de Galicia ofrecerá esta noite unha nova edición do programa “Entre familias anda o xogo” (22.05 horas), presentado por Roberto Vilar, un concurso familiar, aderezado cunha importante dose de espectáculo, música e humor, en que cada semana participan tres parellas unidas por un vínculo familiar para conseguir un premio que desexan con forza ou que ten unha carga emocional moi significativa. 

No programa desta semana estará concursando a familia Cortés, de Vigo, representada por Uxía e Iolanda, dúas primas de 21 e 22 anos respectivamente, que teñen como obxectivo conseguir os cartos necesarios para pechar a entrada da casa dos pais de Uxía. É unha familia á que lle gusta moito organizar reunións e por motivo de espazo non poden. 

Outra das familias participantes serán os Fernández, unha parella de noivos de Ourense. O premio polo que concursan Adrián e Erika, de 26 e 24 anos respectivamente, son os billetes de avión para viaxar a Suíza. Alí naceu Erika, xa que os pais foron emigrantes, e por iso quere lembrar vellos tempos e ensinarlle o país ao seu noivo.

Finalmente, “Entre familias anda o xogo” recibirá a visita dos Pérez, procedentes do Rosal. Jose, de 19 anos e cantante do grupo Alaska Deluxe, concursa coa súa nai Milagros, de 59, por unhas clases de canto, xa que lle gustaría perfeccionar a súa técnica.