CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O partido do Liceo da Euroliga de Hóckey centra a atención na cobertura deportiva da CRTVG esta fin de semana

06/04/2018

O balonmán, todo o fútbol galego e o piragüismo completan a oferta da tvG2

O partido do Liceo da Euroliga de Hóckey centra a atención na cobertura deportiva da CRTVG esta fin de semana

Santiago, 06.04.2018.- Esta fin de semana, o mellor deporte volve ser protagonista na CRTVG cunha oferta moi variada. A xornada deportiva dá inicio o sábado 7 na tvG2 ás 17.00 horas ca “Liga das Cidades”. O encontro entre o Fabril e o Unión Adarve marca o comezo da xornada de Segunda B. Os coruñeses seguen loitando polo ascenso ante un rival situado no medio da táboa. A partir das 18.00 horas e tamén na tvG2 emítese o Rácing de Ferrrol-Toledo. Os galegos buscarán afastarse do descenso ante outro dos rivais teoricamente máis sinxelos. Ás 20.00 horas é a quenda do piragüismo, coa emisión pola tvG2 da segunda entrega do programa “Padexando”.

A partir das 20.45 horas chega o prato forte da fin de semana, o partido do Liceo loitando por acceder á Final Four da Euroliga de hóckey patíns. O equipo galego enfróntase ao Reus Deportivo tras gañar no partido de ida por un contundente 4-1. A través da tvG2 os espectadores poderán ver un dos encontros do ano, no  que os  homes de Juan Copa buscarán acceder a final do torneo europeo por excelencia. Simultaneamente poderase seguir pola web da CRTVG o Castela - Cerceda, que se repetirá en diferido pola tvG2 o domingo ás 20.15 horas.

O domingo, o deporte comeza con balonmán feminino. A partir das 12.00 horas pola tvG2 terá lugar o encontro Bera Bera–Balonmán Porriño. As galegas afrontan un partido complicado antes as segundas clasificadas. Xa na xornada vespertina, é o tempo para o fútbol co programa “A Liga das Cidades” na tvG2. A partir das 16.30 horas os espectadores gozarán do S.D. Compostela-Alondras de Terceira División. A partir das 18.15 horas é o tempo do  Coruxo–Celta B pola tvG2, un derbi vigués moi interesante en que ambos buscan os 3 puntos, os locais para seguir afastándose do descenso e o filial do Celta por seguir soñando co ascenso. O deporte remata ás 22.45 horas na tvG2 ca emisión do “En Xogo”, con todos os resumos do fútbol e de toda a fin de semana deportiva en xeral.