CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O Lugo xógase o ascenso nas cámaras da tvG2 a partir das sete da tarde

26/06/2011

A narración do partido contra o Alcoyano terá como convidados a Xulio Díaz e Nacho

O Lugo xógase o ascenso nas cámaras da tvG2 a partir das sete da tarde

 

Santiago, 26.06.2011.- Esta tarde, a partir das 19.00h, as cámaras da tvG2 levarán aos televisores o gran momento que a afección lucense leva agardando desde hai unha semana: o último e decisivo partido do Lugo na súa loita por regresar á Segunda División. Despois de perder o domingo pasado o primeiro partido da eliminatoria contra o Alcoyano, o conxunto lucense terá que remontar na casa.

Aínda que o tanto de Fabiano e o gol anulado a Belfortti deixaron a eliminatoria costa arriba para os de Quique Setién, o Lugo apelará á súa fortaleza no Anxo Carro, que se encherá con 5.000 persoas. O premio que está en xogo non é pequeno: ascender á categoría de prata do fútbol español 18 anos despois e competir na mesma liga co Celta e co Deportivo.

Un equipo da Televisión de Galicia formado por Xosé Manuel Moldes, Luís Timiraos e Roberto Prado ocuparase da narración do partido, mentres que os comentarios dos expertos correrán a cargo de Xulio Díaz, adestrador do Lugo no último ascenso, e Nacho, ex-xogador do Celta e do Compostela.

Unha hora antes do encontro, a tvG2 ofrecerá un programa especial cun resumo completo do acontecido onte no Campionato de Europa de Tríatlon e cos mellores momentos captados polas cámaras da Televisión de Galicia. Este espazo, presentado por Carlos García-Verdugo, contará coa colaboración de distintos expertos e coa presenza do triatleta Javier Gómez Noya, quen comentará como foi a proba e as dificultades físicas e competitivas que atopou para non acadar nesta ocasión un lugar no podio da proba.