CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O 'Galicia en goles' ofrece a final da Supercopa de fútbol sala feminino e o torneo de baloncesto de Vilagarcía

06/09/2019

O Deportivo-Albacete inicia as retransmisións o sábado na RG, que tamén contará con máis baloncesto, co partido de famosos en Vigo e coa estrea do Cangas na Asobal

O sábado regresa o 'Convivir deportivo', ás 13.00 horas, cun especial sobre Borja Golán, o mellor xogador de España de squash de todos os tempos  

O 'Galicia en goles' ofrece a final da Supercopa de fútbol sala feminino e o torneo de baloncesto de Vilagarcía

Santiago, 06.09.2019.- Desde hoxe, coa nova programación da Radio Galega, o 'Galicia en goles' amplía a edición dos venres. A partir das oito e media do serán e ata a medianoite, Toni López García dirixe as retransmisións da final da Supercopa de fútbol sala feminino e da segunda semifinal do torneo de baloncesto de Vilagarcía. Desde Las Rozas, Andrés Vieites contará o partido en que o Burela xoga polo título de supercampión de España ante o campión de Liga da temporada pasada, o Futsi Navalcarnero. O Obradoiro, mentres, inicia a pretemporada en Fontecarmoa ante o Betis.

Xa o sábado, Xoán Galán pon en marcha a fin de semana deportiva ás tres da tarde co Deportivo-Albacete desde Riazor. O equipo herculino afronta a cuarta xornada da Liga de Segunda con novos reforzos tras o peche do mercado de verán e co obxectivo de sumar a segunda vitoria do curso. O partido de famosos en Vigo a beneficio de NUPA, a estrea do Cangas ante o Granollers na Liga Asobal, a segunda xornada do torneo de Vilagarcía en que compite o Obradoiro e o Marín-Basket Coruña da Copa Galicia completan a oferta de eventos.

Os oíntes da Radio Galega teñen outras ofertas deportivas durante o sábado. Esta temporada, o 'Convivir deportivo', que percorre Galicia da man de Alfonso Pardo, emítese á unha da tarde e a primeira entrega do curso vai ter como protagonista o mellor xogador da historia do squash en España, o santiagués Borja Golán. Pola noite, Rodrigo Pérez segue conducindo a revista do motor 'Gas a fondo', mentres as once e media Toni López convida no 'Galicia en Toquio' os deportistas galegos que aspiran a competir nos próximos Xogos Olímpicos.

O domingo, a partir das doce, a primeira xornada da Liga feminina de fútbol protagonizará a sesión matinal co Deportivo-Español, de primeira, e o Friol-Alavés, de segunda. No fútbol masculino destacan o Las Rozas-Celta B e os encontros adiantados da preferente en Arteixo e Pontevedra. Ás tres, o Elxe-Lugo, na segunda, centrará a xornada da tarde, xunto o Coruxo-Rácing de Ferrol e o Pontevedra-Sporting B, na segunda B. Da xornada de terceira destaca o Compostela-Barco, no Vero Boquete.

A partir das nove menos cuarto, os expertos analizarán a xornada dos equipos galegos no Faladoiro. Ás once da noite, o deporte continuará a mesa de debate de 'Ao contraataque', da man de Toni López García.