CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O concursante do 'Coma un allo' Antonio Freire acada hoxe o límite de 50 programas como participante

04/02/2020

Na historia do concurso, en pantalla na TVG desde 2017, é a terceira vez que un competidor consegue o 'allo de ouro'

O concursante do 'Coma un allo' Antonio Freire acada hoxe o límite de 50 programas como participante

Santiago, 04.02.2020.-  O vigués Antonio Freire conseguirá este martes ser o terceiro concursante do 'Coma un allo' (15.40 h) en acadar o límite de 50 programas, tras os pasos de Alberto García, o primeiro en conseguilo, tamén de Vigo, e Adrián Estévez, de Pontevedra. É a terceira ocasión en que un participante logra acadar esta cifra nun formato apto para toda a familia, baseado na dinámica de preguntas e respostas, e que cada día trata de profundar nun tema de interese xeral.

Os aspirantes do 'Coma un allo', que hoxe chega á emisión número 474 presentado cada día na TVG por Bernardo Montaña, teñen que enfrontarse a preguntas de cultura xeral, ciencias e tamén a preguntas de proximidade, referidas á xeografía e á cultura galegas. No mínimo tempo posible deben resolver operacións aritméticas sinxelas, compoñer palabras agochadas e buscar o termo exacto para unha definición. Para iso, contan co asesoramento de dous expertos colaboradores: a escritora María Canosa e o científico e divulgador Jorge Mira.

Segunda ocasión como concursante do 'Coma un allo' 

Esta non é a primeira vez que Antonio Freire o intenta. Xa fora noutra ocasión, en maio de 2018, en que o concursante intentara conseguir un oco no chamado 'ranking histórico' do profesor Jorge Mira, pero daquela vez non tivera tanta sorte, sendo eliminado no seu terceiro programa, que por casualidades da vida, foi o número 50 de Alberto García.

Un ano máis tarde, exactamente o 19 de novembro de 2019, Antonio Freire probaba sorte de novo no programa. Nesta ocasión coincidía contra outro campión, Antonio Cid, con 49 programas. Desta vez foi Antonio Freire quen, no seu segundo programa, derrotou a Antonio Cid ás portas do 'allo de ouro'. Foi un concursante exemplar, rapidísimo nas contas.

Na súa traxectoria no programa, Antonio Freire acadou un bote de 6.500 € respondendo correctamente á pregunta: "Cales son os nomes dos satélites naturais de Marte?" Ti saberíalo?