CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O cantante David Civera presenta esta noite o seu novo disco en 'Bamboleo'

25/05/2019

O programa conducido por Lucía Regueiro ofrecerá tamén as actuacións da orquestra Solara e da banda Festicultores Troupe

O cantante David Civera presenta esta noite o seu novo disco en 'Bamboleo'

Santiago, 25.05.2019.-  'Bamboleo' (22.00 h.), o programa da Televisión de Galicia da noite dos sábados, recibirá hoxe no escenario a David Civera, que lle presentará ao público e aos espectadores o seu novo sinxelo, ‘Mundo diverso’, un dos temas máis fondos, persoais e reivindicativos do artista, cargado de solidariedade e diversidade. Trátase da primeira entrega do seu novo EP, ‘Empatía’, que se publicou o pasado mes de abril. Este novo proxecto do cantante turolense chega tras a publicación en 2017 de ‘15 años’, un álbum co que quixo celebrar o seu 15º aniversario na música e en que, ademais de incluír os temas de máis éxito da súa traxectoria, incluíu algunhas composicións inéditas.

O programa presentado por Lucía Regueiro ofrecerá tamén as actuacións da orquestra Solara e da banda Festicultores Troupe, que converte cada festival ou verbena pola que pasan na maior pista de baile do mundo. Os espectadores poderán gozar coa súa mestura de humor, performance e música festeira, que non deixa ninguén indiferente.

Ademais, ‘Bamboleo’ contará hoxe, coma cada sábado, coas súas seccións habituais. En ‘Agora ou Nunca’, dous participantes, Yeni Paz e Carmelo Escudero, amosarán os seus dotes artísticos. A primeira, interpretando ‘Sueños rotos’, de La Quinta Estación, e o segundo, con ‘Mal de amores’, de Julio Iglesias.

Na ‘ITV do amor’, o obxectivo será  acertar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas. ‘Déixate de juasá!’ animará a Fernando Cuadrado a prescindir de trebellos tecnolóxicos e dicirlles as cousas aos seus colegas á cara, e ‘A Jrileira’ enfrontará ao karaoke a Melinda e José Manuel, que cantarán ‘Yo no te pido la luna’, de Daniela Romo. Ademais, en ‘Dirtidansi’, a parella formada por Pablo e Raquel bailará bachata.