CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O Breogán loitará polo ascenso á ACB en directo pola CRTVG

12/04/2018

O encontro entre o equipo lucense e o Iraurgi retransmitirase a través da tvG2 e nunha edición especial do 'Galicia en Goles' da Radio Galega

O Breogán loitará polo ascenso á ACB en directo pola CRTVG

Santiago, 12.04.2018.- O Breogán afronta  este venres un dos partidos máis importantes da súa historia recente. Tras a vitoria na última xornada e as derrotas dos seus perseguidores, o equipo galego ascenderá a  liga ACB se gaña ante o Iraurgi Sammic Hostelería. O vital partido poderase seguir en directo a partir das 21.00 horas na segunda canle da Galega, a tvG2. O equipo adestrado por Nacho Lezkano ten a oportunidade de retornar á  máxima categoría do baloncesto español doce anos despois do seu descenso.

Os medios públicos galegos transmitirán o partido dende un ateigado Pazo de Lugo, onde máis de 5.000 seareiros alentarán para lograr o ansiado ascenso, ademais de proclamarse campións da LEB Ouro. O Cafés Candela Breogán poría deste xeito o broche de ouro a unha fantástica temporada, logo de gañar a Copa Príncipe ante o Manresa. Roberto Prado e Edgar Paz  narrarán o encontro en directo na tvG2.

O Breogán – Iraurgi, protagonista na Radio Galega

Ademais, a partir das 20.30 horas, a Radio Galega pon en marcha unha edición especial do 'Galicia en Goles' para contar todo o que acontece dende o Pazo de Lugo. Roberto Carlos Carballo dirixe a retransmisión do partido que  pode significar o ascenso do Breogán á Liga ACB de baloncesto.

Alfonso Pardo narrará os corenta minutos de xogo, entre os lucenses e o Iraurgi de Azpeitia, apoiado por Emilio González co micrófono sen fíos a pe de pista. Xunto aos dous xornalistas estará un comentarista moi especial,  o ex adestrador Lisardo Gómez, que dirixiu o cadro de Lugo desde o Nadal de 2012 ata marzo de 2016, disputando o histórico play-off ante o COB Ourense, no que perdeu o ascenso no quinto e último encontro

Ademais do baloncesto, que centrará case todo o interese informativo, durante o programa tamén terá protagonismo o fútbol sala, con Pedro Pablo Alonso no Multiusos Fontes do Sar, onde o Santiago Futsal recibe o FC Barcelona. Os oíntes terán ademais información puntual do outro encontro da xornada, o Santa Coloma-O Parrulo Ferrol. A emisión do 'Galicia en Goles' prolongarase ata as doce da noite, para escoitar a todos os  protagonistas, xunto a última hora dos partidos destacados da fin de semana: Leganés-Celta, Athlétic de Bilbao-Deportivo e Numancia-Lugo.