CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

No comezo da Festa dos Callos, 'A tarde' realiza o seu programa desde Salceda de Caselas

29/08/2019

No especial deste venres falarase da tradición que ten este prato no municipio, así como dos actos que se celebran desde hoxe ata o domingo coa degustación gastronómica

No comezo da Festa dos Callos, 'A tarde' realiza o seu programa desde Salceda de Caselas

Santiago, 29.08.2019.-  O magazine 'A tarde' da Radio Galega trasládase este venres á localidade pontevedresa de Salceda de Caselas, onde hoxe comezan os festexos da vixésimo sétima edición da Festa dos Callos e acada o seu punto álxido na xornada do domingo coa degustación gastronómica. O equipo do programa radiofónico, dirixido por Vituco Neira, realizará este especial, en directo, desde as 16.00 horas.

Para coñecer máis sobre a historia desta festa gastronómica, que ten unha gran tradición neste municipio pontevedrés, achegaranse ata micros do set de 'A tarde' Alejandro Alonso e Antonio Méndez. Tamén a alcaldesa da localidade, Loli Castiñeira, falará dos actos lúdicos e culturais destes días de festa, así como dos atractivos turísticos que ofrece Salceda de Caselas. O arqueólogo Mario César, pola súa parte, intervirá no programa da Radio Galega para afondar no patrimonio, a historia e a arqueoloxía do concello.

A música será outro dos ingredientes destacados deste especial, que contará coa presenza de tres formacións de Salceda de Caselas: a banda de música municipal, a Charanga SGHAE e A Banda dos Insectos. Por último, hoxe non podía faltar en 'A tarde' a intervención do pregoeiro da Festa dos Callos deste ano, o versátil Paco Lodeiro, coñecido músico, colaborador e presentador nos medios públicos galegos.