CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Na terceira entrega de 'Milenio', fálase dos perigos do contacto cos mortos e da presenza de ovnis en Galicia

20/08/2019

A primeira parte do programa conta o caso dun grupo de militares que fixeron unha sesión de ouija nun cuartel da Coruña, con resultados fatais

Na terceira entrega de 'Milenio', fálase dos perigos do contacto cos mortos e da presenza de ovnis en Galicia

Santiago, 20.08.2019.-  'Milenio' (00.20 h.), o programa dedicado aos misterios de Galicia, regresa esta noite de martes á Televisión de Galicia con dúas novas reportaxes relacionadas co mundo dos mitos, crenzas e fenómenos estraños acontecidos no territorio galego.

A primeira parte do programa titúlase 'Agresores do alén' e aborda un dos temas máis incómodos das manifestacións do alén: as experiencias negativas. Nesta ocasión, 'Milenio' dá voz ás persoas que foron vítimas da presenza de entidades fantasmais. "Unha vez púxose enriba de min. Paseino moi mal", afirma unha das testemuñas que conta por primeira vez a súa experiencia diante das cámaras. Nesa mesma reportaxe cóntase o caso dun grupo de militares que xogaron á ouija nun cuartel da Coruña e case todos os participantes morreron traxicamente. A reportaxe contará tamén co testemuño doutros casos e a opinión de expertos.

Na segunda metade do programa, 'Milenio' abordará outro tema sorprendente, relacionado coa presenza de obxectos voadores non identificados nas rías galegas. Polo espazo pasarán diferentes testemuñas que relatarán a súa experiencia, comentarase un informe redactado pola Policía Local de Vigo e mesmo falarán diante da cámara persoas que teñen visto os enigmáticos tripulantes destes OVNIs, que dende hai décadas son observados polo ceo de Galicia.

Esta é a terceira entrega de ‘Milenio’, espazo semanal da TVG pensado para os amantes do insólito, os misterios e os fenómenos paranormais. Dirixido por Jorge Linares e producido por Volcán Producciones para a canle pública galega, ‘Milenio’ achega en cada emisión dous casos ou acontecementos que tiveron lugar en Galicia con protagonistas galegos. Cada tema é tratado con argumentos e testemuños, á parte de achegar datos, formularse interrogantes ou contar con opinións de expertos.