CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O 96% do que se emite na TVG está feito en Galicia e por empresas galegas

29/10/2020

Alfonso Sánchez Izquierdo presentou no Parlamento a memoria de servizo público correspondente a 2019

A TVG é desde abril deste 2020 a canle xeneralista máis vista polos espectadores novos (entre 13 e 24 anos de idade)

O 96% do que se emite na TVG está feito en Galicia e por empresas galegas

Santiago, 29.10.2020.- O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta mañá na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia para presentar a ‘Memoria de Servizo Público 2019’, nunha sesión que adoita ter lugar en xuño pero que este ano se atrasou ata outubro por mor do calendario do Parlamento de Galicia.

Na súa intervención, Sánchez Izquierdo salientou que no 2019, ano do inicio das emisións en HD da canle galega, o 96% dos contidos emitidos foron de orixe galega, algo insólito no panorama televisivo nacional. Nesta liña, dixo que “a produción propia interna da TVG e da G2 abrangue o 50,6% da grella. Segue en importancia a produción propia externa, cun 45,95% do total, e, en moita menor porcentaxe, a produción allea (4,35%). Isto quere dicir que a Televisión de Galicia é unha canle que nun 96% esta feita por produto esencialmente galego, xerado cos medios propios da CRTVG ou delegado no sector audiovisual galego”.

Deses contidos, o director xeral subliñou que as canles dixitais do Xabarín aumentaron o seu consumo nun 11% en 2019. A CRTVG conta, amais da G2, con ata catro canles dixitais 24 horas dedicadas aos máis cativos: a primeira atópase dentro da App CRTVG; a segunda, a App específica “Xabarín”, dispoñible e operativa para IOS e para Android; a terceira, a canle Xabarín da web crtvg.gal, e a cuarta, a canle de radio dixital Radio Picariña, un proxecto pioneiro con máis de mil cancións para nenos en galego. De feito, a TVG é desde abril deste 2020 a canle xeneralista máis vista polos espectadores novos (entre 13 e 24 anos idade) en Galicia.

No 2019, case 700.000 persoas contactaron co medio ao longo do día. Iso supón que máis dun 25% dos espectadores consumiron nalgún momento do día os contidos emitidos pola TVG a través do televisor por calquera das súas canles, o que a converte nunha das canles con máis impactos de España.

Izquierdo lembrou que os informativos da TVG son os elixidos maioritariamente polos galegos e líderes nas súas faixas horarias e que no 2019 foi reorganizado ese esforzo informativo coa creación de g24.gal, cunha estratexia conxunta de difusión de informacións de alcance, cun espazo web propio e sobre todo cunhas redes sociais moi áxiles centradas na información case en tempo real. Respecto da audiencia, Izquierdo lembrou que “a Radio Galega acadou unha cota acumulada de 164.000 oíntes, o mellor dato desde o 2013”. Neste mes de outubro de 2020 a TVG xa é de novo a segunda canle máis vista de FORTA superando o 10% de audiencia.

A intervención tamén se centrou en explicar o apoio da CRTVG á industria galega do audiovisual, coa promoción dos produtos en galego fóra das fronteiras do país nas novas plataformas de consumo, como Netflix, -en que se estreou a ficción ‘O sabor das margaridas’- e no mercado internacional que está a premiar títulos apoiados pola TVG (‘O que arde’, de Oliver Laxe, ou ‘A sombra da lei’, de Dani de la Torre; así como as estratexias para atraer públicos novos nacidas en 2019: o informativo de humor e actualidade ‘Malicia noticias’ ou a emisión de espazos innovadores arredor do patrimonio e a riqueza de Galicia, entre eles as estreas de ‘Segredos. Desmontando Galicia’ e ‘Un país en 360’.