CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

María Solar conversa en 'Chamando á Terra' con Ledicia Costas sobre o seu novo libro

16/09/2017

A morte esta semana da poeta e académica Xohana Torres será recollida polo programa da Radio Galega, que fará un percorrido pola súa obra

María Solar conversa en 'Chamando á Terra' con Ledicia Costas sobre o seu novo libro

Santiago, 16.09.2017.-   O novo espazo sobre libros da Radio Galega 'Chamando á Terra', que dirixe e presenta María Solar, regresa este sábado, ás 15.00 h., cunha variada proposta literaria.

Nesta edición, 'Chamando á Terra' terá como protagonistas unha escritora galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil, Ledicia Costas, que saca novo libro, A señorita Bubble, e un mozo, Xosé Carlos Carracedo, que acaba de ver editado o seu primeiro traballo, un libro de relatos ilustrados coas fotografías do recoñecido fotógrafo Fuco Reyes.

A colaboradora Alba Cid achegará a obra da académica e poeta recentemente finada Xohana Torres, mentres que a crítica Malores Villanueva, que tamén contribuirá co seu gran de area sobre Xohana Torres, rescatará ademais un libro galego, Cabalos e Lobos, de Fran P. Lorenzo.

Coñecerase, amais, unha lectora nas redes, María Costas. Coñecida como cantante e actriz ten por costume compartir nas redes anacos do que le e escoitaranse "Cachiños de libros", desta volta de Miriam Ferradáns e María Victoria Moreno, a quen se lle dedicará o Día das Letras 2018.