CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Programación especial na TVG e na Radio Galega sobre o pasamento de Manuel Fraga. Conexións en directo este luns desde as 10h.

15/01/2012

A Televisión de Galicia emitiu un amplo adianto informativo pasadas as 23h e un especial "Reporteiros" desde antes da media noite.

Este luns ás 10h a Galega seguirá en directo a comparecencia do presidente da Xunta e a apertura da capela ardente en Madrid. Tamén emitirá documentais e unha edición especial de "Foro Aberto"

A Radio Galega mantén unha programación case ininterrompida sobre a última actualidade e as reacció

Programación especial na TVG e na Radio Galega sobre o pasamento de Manuel Fraga. Conexións en directo este luns desde as 10h.

Santiago, 15.01.2012.-   Os medios públicos galegos están a facerse eco da noticia do pasamento do ex presidente da Xunta de Galicia con cambios na súa programación para acoller contidos especiais. Desta maneira pasadas as 23h a Televisión de Galicia interrompeu a emisión de "Libro de Familia" para incluír un amplo avance informativo e pouco antes da media noite deu paso a un programa especial "Reporteiros" presentado por Encina Ramos, cun percorrido en profundidade sobre a figura de Fraga.

Ás dez da mañá deste luns a Galega estará no foco da lutuosa noticia cunha conexión en directo para emitir a declaración do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Pazo de Raxoi, así como a apertura da capela ardente de Manuel Fraga no seu domicilio de Madrid.

A TVG ten previsto ademais emitir nas próximas horas un documental sobre o perfil histórico de Manuel Fraga, dada a súa longa traxectoria na actividade institucional e política, e outro referido ao seu perfil máis humano, relacionado coas características singulares que marcaron a súa personalidade, e este luns incluirá unha edición de "Foro Aberto" en que persoas que tiveron unha relación directa co político recentemente finado intercambiarán impresións sobre el. Entre os convidados previstos están Javier Sánchez de Dios, Xabier Navaza, Xosé Luís Gómez, Xaime Pita, Alberto Fernández e Juan Fernández.

A Radio Galega aborda unha programación case ininterrompida sobre o acontecemento, combinando a última actualidade, información biográfica e as reaccións que a morte de Manuel Fraga está a suscitar en toda Galicia, con reporteiros desprazados nos distintos focos da noticia.

Esta web, pola súa parte, abriu un capítulo especial na súa sección "Arquivo" en que se recolle unha escolma de noticias, entrevistas, reportaxes emitidas por TVG e material audiovisual en bruto, así como outros documentos referentes á traxectoria de Manuel Fraga nos 26 anos de historia da televisión pública galega.