CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega aposta pola interacción e a proximidade para seguir sendo líder

30/08/2019

O 'Galicia por diante' de Xosé Valiñas contará cos analistas Fernando Ónega, Juan Capeáns e Venancio Salcines. 'A crónica' de Celia Rúa, cos divulgadores Ángel Carracedo, Jorge Mira e Laura Castro

O 'Pensando en ti' de Marcial Mouzo emitirase tamén pola G2

O proxecto #Cultura365 consolídase cun 'Diario cultural' reforzado pola audiencia

A Radio Galega aposta pola interacción e a proximidade para seguir sendo líder

Santiago, 30.08.2019.- A Radio Galega inicia o próximo 2 de setembro a súa nova programación cunha aposta por consolidar as estratexias da profunda transformación de grella implementada hai un ano. Coa continuidade das principais voces da radio pública de Galicia, incidirase nos contidos de proximidade con presenza en todo o territorio e na colaboración de voces de recoñecido prestixio nos ámbitos da política, a economía, a divulgación, o entretemento e o deporte.

Xosé Valiñas arrancará a xornada ás 6.00 h co informativo 'Galicia por diante', que este ano suma unha nova mesa de análise, ás 7.30 h, en que estará acompañado polo xornalista Manuel Estévez. Colaboradores como Fernando Ónega, Juan Capeáns e Venancio Salcines interpretarán cada día as claves políticas e económicas dun momento determinante para o futuro político de Galicia e do conxunto de España. Será o propio Xosé Valiñas, especializado en información política, quen asumirá cada domingo a entrevista da semana, pola que pasarán as principais voces do panorama político autonómico e nacional.

Os prestixiosos comunicadores Kiko Novoa e Cristina García tomarán a remuda cada día ás 9.30 h para seguir ofrecendo un relato xornalístico de proximidade con conexións en directo desde as catro provincias. O seu 'Galicia por diante' integrará ata as 14.00 h seccións especializadas de música, historia, saúde, animais, arte, sexo e humor, coa destacada participación de Paco Lodeiro cada mediodía.

'A  crónica', marca única dos informativos centrais

A Radio Galega reestrutura os seus informativos centrais para integrar todas as súas edicións baixo a marca 'A crónica'. Ofreceranse dúas emisións diarias, ás 14.00 h e ás 20.00 h, baixo a dirección das recoñecidas xornalistas Silvia Pereira e Celia Rúa, con ampla experiencia editorial.

No caso concreto da segunda edición de 'A crónica', entre as 20.00 h e as 23.00 h, integrarase a información xeralista e deportiva, así como un espazo destacado para a información social da man de Clara de Sáa e o seu 'Convivir'. Tamén neste amplo programa informativo serán protagonistas prestixiosas voces do ámbito divulgativo como o investigador Ángel Carracedo, o científico Jorge Mira, a profesora universitaria experta en redes Laura Castro ou o divulgador Marcus Fernández. Con eles, estarán presentes outras voces recoñecidas pola audiencia como Isabel Freire, Belén Regueira e Begoña Vázquez para completar o relato falando de historia, de emigración e de cine.

A partir das 22.00 h, Celia Rúa conducirá o último faladoiro da xornada. Emitirase simultaneamente por Radio Galega, a G2, a páxina web e dispositivos móbiles e contará coas achegas de destacados colaboradores como Javier Casqueiro, Ricardo F. Colmenero e Xosé Carlos Caneiro.

Javier Corral e Victoria Rodríguez, protagonistas da fin de semana

O 'Galicia por diante' manterá a súa edición de sábados e domingos entre as 8.00 h e as 12.00 h con Javier Corral e Victoria Rodríguez á fronte. O xornalista da TVG chega á Radio Galega para dirixir os informativos da fin de semana. Victoria Rodríguez seguirá dando personalidade ás mañás cun magazine en que primarán as conversas con pouso e que tan bo resultado obtivo no último EXM.

Antón Rebollido seguirá á fronte de 'A tarde', magazine de catro horas que manterá as conexións diarias con puntos de directo no territorio galego. Os espazos de participación da audiencia consolídanse para ofrecer consellos nos ámbitos da condución viaria, a medicina, a maternidade, o consumo e o dereito con persoas expertas nos distintos ámbitos. 

O programa líder da madrugada tamén se pode 'ver'

O 'Pensando en ti' seguirá baixo a dirección de Marcial Mouzo na súa edición semanal, mentres que Viti González será a voz das fins de semana. A duración manterase en cinco horas desde a 1.00 h, coa apertura das liñas telefónicas para a participación da audiencia. 

A gran novidade deste curso pasa pola emisión simultánea do programa a través da canle de televisión G2. Con esta destacada aposta pola súa difusión, a Radio Galega pretende achegar en maior medida o programa á súa ampla comunidade.

Consolidación da estratexia cultural

A cultura segue sendo un dos eixes capitais da Radio Galega para esta temporada coa consolidación da estratexia #Cultura365 implementada hai un ano, con programación cultural os 365 días do ano na CRTVG, baixo a coordinación da xornalista María Solar. Así, o 'Diario cultural' mantén as tres edicións de luns a venres, ás 10.30 h, 14.45 h e 17.30 h, para garantir o máximo impacto da información cultural no conxunto da audiencia. Este formato desenvolverase tamén na fin de semana, con dúas edicións ás 09.30 h, que se complementarán con outra máis dirixida a públicos alternativos o domingo de 14.15 h a 15.00 h. O veterano programa da Radio Galega consolidará este curso a canle dixital www.diariocultural.gal, como espazo de referencia da información cultural en Galicia, os mellores podcast e concertos. 

A estratexia cultural da Radio Galega compleméntase coa emisión dos concertos 'Medio bolo' por canles dixitais como a páxina web e o Facebook Live da emisora pública. Na mesma liña, continuará a retransmisión de concertos de jazz vinculados ao programa de Radio Galega Música 'Notas de jazz'. O ano pasado esta nova aposta acadou a cifra histórica de 145.000 oíntes no último EXM de 2018.

O deporte conquista máis espazo na grella. O mítico 'Galicia en goles' consolida a edición dos venres, de 21.00 h a 00.00 h, e mantén a programación das fins de semana, a partir das 15.00 h, da man de Xoán Galán, xefe de Deportes da emisora pública. Así mesmo, continúa a edición matinal dos domingos, entre as 12.00 h e as 14.00 h. Alfonso Pardo seguirá achegando a ollada social do deporte no 'Convivir deportivo' os sábados ás 13.00 h.

 Os xornalistas deportivos Carlos Alonso e Pedro Pablo Alonso seguirán poñendo a sintonía dos deportes durante a semana. O primeiro co programa 'Zona mixta', de 15.00 h a 16.00 h, e o segundo con 'Ao contraataque', de domingo a xoves, de 23.00 h a 00.00 h. A estas dúas edicións, que se converteron en auténtica referencia informativa no último curso, súmase agora unha terceira, entre as 20.30 h e 21.00 h, presentada por Paco Santos e integrada no programa 'A crónica'.

A información especializada

A programación especializada da Radio Galega volverá estar liderada polos programas 'Ferrado e medio' e 'Mar de Ardora', sábados e domingos ás 07.00 h. respectivamente, baixo a dirección de Xusto López Carril. Continuarán tamén en antena os programas 'Un país mundial', de Belén Regueira; 'Arredor de nós', de Isabel Freire; 'Lambóns dixitais', de Carlos García Verdugo; 'Sala 5', de Begoña Vázquez; e 'Efervesciencia', de Manuel Vicente.  

E mentres, a Radio Galega seguirá apostando polo humor a partir da medianoite de venres e sábado con 'Déitate', de Carlos Jiménez, e o domingo con 'Como que non?', de Carlos Tresandí.