CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Gran despregamento da TVG para seguir o partido crucial do Lugo cara o ascenso e o Europeo de Tríatlon en Pontevedra

25/06/2011

A segunda canle transmitirá mañá en directo o encontro do conxunto lucense contra o Alcoyano

Ofrecerá tamén un programa especial de resumo da proba que se disputa en Pontevedra, coa presenza no estudio de Javier Gómez Noya

Gran despregamento da TVG para seguir o partido crucial do Lugo cara o ascenso e o Europeo de Tríatlon en Pontevedra

Santiago, 25.06.2011.-  O deporte galego ten esta fin de semana dúas citas importantes que serán protagonistas da programación da Televisión de Galicia. A canle autonómica seguirá moi de preto o Campionato de Europa de Tríatlon, que se celebra en Pontevedra, coa presenza dos galegos Javier Gómez Noya e Iván Raña; e ofrecerá en directo o domingo, a través da tvG2, o partido definitivo do Lugo na loita polo ascenso á Segunda División.

Durante toda a xornada de hoxe, a TVG estará moi pendente, a través dos seus servizos informativos e tamén con conexións no programa "A Revista Fin de Semana", do Campionato de Europa de Tríatlon, que converterá Pontevedra estes días nun escenario deportivo do máis alto nivel, cunha contorna excepcional: o parte histórica da cidade do Lérez e a súa área fluvial. Os mellores triatletas do vello continente estarán en Pontevedra para disputarse o título europeo e impedir que Javier Gómez Noya se consagre ante a súa xente co seu terceiro campionato continental. A proba contará tamén coa participación doutro peso pesado do tríatlon galego: Iván Raña.

Xa na xornada dominical, a segunda canle da Galega ofrecerá arredor das 18.00 h un programa especial cun resumo completo do acontecido o día anterior e cos mellores momentos captados polas cámaras da Televisión de Galicia. Este espazo, presentado por Carlos García-Verdugo, contará coa colaboración de distintos expertos e coa presenza do triatleta Javier Gómez Noya, quen comentará a súa participación no europeo.

A continuación deste programa, chegará o gran momento que a afección lucense leva agardando desde hai unha semana: o último e decisivo partido do Lugo na súa loita por regresar á Segunda División. Despois de perder o domingo pasado o primeiro partido da eliminatoria contra o Alcoyano, o conxunto lucense terá que remontar na casa. Aínda que o tanto de Fabiano e o gol anulado a Belfortti deixaron a eliminatoria costa arriba para os de Quique Setién, o Lugo apelará á súa fortaleza no Anxo Carro, que se encherá con 5.000 persoas, para ascender á categoría de prata do fútbol español 18 anos despois. Xosé Manuel Moldes, Luís Timiraos e Roberto Prado narrarán o partido, que contará tamén cos comentarios de Xulio Díaz, adestrador do Lugo no último ascenso; e Nacho, ex-xogador do Celta e do Compostela.

A oferta deportiva da tvG2 para esta fin de semana complétase coa transmisión en directo da carreira de Fórmula 2 que se disputará no circuíto belga SPA Francorchamps, a terceira do campionato e unha das citas máis esperadas do ano, en que competirá o galego Xosé Luís Abadín. A cita para os afeccionados a esta modalidade será o hoxe ás 14.00 h e mañá ás 14.15 h. Ademais, tamén se ofrecerán as probas correspondentes ao GT Open -sábado ás 16.30 h e domingo ás 13.00 h-, que se disputa no mesmo circuíto.