CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Feijóo recorda na TVG un home "amable e tolerante" que "nunca interferiu" no seu liderado á fronte do PPdeG

18/01/2012

"Cando Fraga falaba, escoitábaselle en España", subliña o presidente, quen augura que a súa figura "se estenderá tras a súa morte"

O máximo mandatario do Goberno galego foi entrevistado esta mañá no espazo informativo “Bos Días” da Televisión de Galicia

Feijóo recorda na TVG un home "amable e tolerante" que "nunca interferiu" no seu liderado á fronte do PPdeG

Santiago, 18.01.2012 (Europa Press).- O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou este mércores por diferenciar entre a faceta pública do ex presidente Manuel Fraga e o seu lado "máis persoal" das comidas e dos despachos, onde aparecía, asegurou, un home "amable e tolerante" que ademais "nunca interferiu" no seu liderado como presidente do PPdeG, no que o sucedeu en xaneiro de 2006.

Nunha entrevista coa TVG, recollida por Europa Press, o presidente sinalou que "o Fraga coa porta pechada" era un home "tolerante e amable", aínda que tamén "esixente e rigoroso nos despachos". "Non lle gustaban as dúbidas e decatábase rapidamente se sabías ou non do que estabas a falar", subliñou Feijóo, que acompañou o político vilalbés na súa última etapa á fronte da Xunta.

"O personaxe público non tiña nada que ver co personaxe privado", sentenciou, antes de teimar en que comer ou despachar con el "era unha fonte de riqueza e coñecemento" polas súas "anécdotas", que podían mesturar vivencias en Londres con outras rexistradas "en calquera pobo de España" ou cun mandatario internacional acompañadas "do seu excelente sentido do humor".

A liña seguida, destacou que, malia as súas "dúbidas" de que puidese "controlar o hiperliderado que tivo durante 16 anos" en Galicia, despois de substituílo á fronte do PPdeG non tivo "absolutamente ningunha interferencia directa ou indirecta" do 'león de Vilalba'. "Nunca me enviou un só recado", aseverou.

Para ilustrar a súa afirmación, Núñez Feijóo recorreu a unha anécdota que tivo lugar, segundo explicou, cando tomou posesión do seu cargo como presidente da Xunta e mantivo unha comida en que participou o agora xefe do Goberno central, Mariano Rajoy, e tamén o ex presidente Fraga, quen lle pediu despachar con el.

"Pensei se me querería dar algún consello ou algún nome porque esa era a tarde en que eu tiña que decidir o Goberno. Pero trouxo uns recortes de prensa, foimos dando e díxome: vostede acaba de gañar a Xunta, espero que teña sorte, que se dedique ao seu mandato con todo interese; o único que lle vou pedir é que case. Non me deu ningún nome, só me dixo que cría que debía tomar esa decisión persoal", relatou.

"Escoitábaselle en España"

Núñez Feijóo, que coñeceu a Fraga sendo un técnico da Consellería de Facenda, subliñou, ademais, que o ex presidente é "un personaxe que quedará como parte da Historia". "A súa figura tras a súa morte vaise estender e será tan importante como durante a súa vida", remarcou, en referencia ao seu papel como un "dos pais da Constitución" e como "fundador do PP".

Así mesmo, destacou o seu papel como presidente do Goberno de Galicia durante case 16 anos e puxo o acento no "protagonismo" que lle deu á comunidade. "Cando Fraga falaba escoitábaselle en España e ese protagonismo que colleu Galicia é, sen dúbida, debido á súa obra", sentenciou o máximo mandatario autonómico.

Funeral en Santiago

Por último, referiuse ao funeral en memoria do ex presidente que acollerá este sábado a catedral de Santiago, ao que acudirá --sinalou-- Mariano Rajoy, xunto a outras autoridades, así como ao feito de que sexa despedido co compás das gaitas, que o acompañaron tamén nas súas catro tomas de posesión.

"Estamos a intentar interpretar o que quería, quería un funeral no ámbito familiar e tívoo. Agora entendo que lle gustaría despedirse con gaiteiros e invitarémolos. Ademais, Fraga quedará aquí, será un referente cada vez que pasemos por Perbes", resolveu o máximo mandatario galego.

 

Galería de imaxes