CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Este venres, o Sevilla-Celta, na Radio Galega

27/08/2019

A emisora pública ofrecerá tamén na fin de semana, entre outros partidos, o Celta B-Melilla, Rácing de Ferrol-Pontevedra, Raio Vallecano-Deportivo e Lugo-Alcorcón

Este venres, o Sevilla-Celta, na Radio Galega

Santiago, 27.08.2019.-   A terceira xornada da Liga de fútbol na primeira división comeza este venres co partido no Sánchez Pizjuán entre o Sevilla e o Celta de Vigo. Desde as 19.00 h., Pedro Pablo Alonso dirixe unha edición especial de 'Galicia en goles', que se prolongará ata a medianoite. Ata a cidade hispalense desprázase Roberto Carlos Carballo para retransmitir os noventa minutos de xogo, arroupado nos comentarios por Víctor López e Jorge Paz.

Tras as dúas primeiras xornadas de campionato, o Sevilla comparte o liderado co Atlético de Madrid, tras sumar seis puntos. O Celta, mentres, afronta a primeira saída do curso tras derrotar o Valencia o pasado sábado e perder ante o Real Madrid na estrea ligueira. Logo desta fin de semana, a competición parará polos compromisos internacionais da selección española e ata o domingo 15 o equipo de Escribá non volverá xogar, será ante o Granada en Balaídos.

A transmisión do Sevilla-Celta poden seguila os oíntes a través da FM, a TDT, a web radiogalega.gal, a aplicación para o móbil e tamén na canle de audio de Movistar La Liga, televisión propietaria dos dereitos.

Na fin de semana, as transmisións comezan o sábado ás 12.00 horas co Celta B-Melilla en Barreiro. Desde as 15.00 h., a edición da tarde estará dedicada ao derbi da segunda B entre o Rácing de Ferrol e o Pontevedra, xunto á presentación do Breogán ante o Benfica e as semifinais da Copa Galicia de balonmán.

O domingo tamén haberá programa dobre de 'Galicia en goles'. Desde as 12.00 horas, o protagonismo será para os encontros da terceira galega, mentres que a partir das 15.00 h. a segunda división contará co Raio Vallecano-Deportivo e o Lugo-Alcorcón.