CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Hoxe de 12 a 2, hora recomendada para emitir os chíos da iniciativa #EnGalegoLeo polo Día do Libro

22/04/2014

A CRTVG e os escritores propoñen ademais que os usuarios engadan autofotos ou “selfies” con libros en galego

Un sitio habilitado na web do ente público recollerá todos os comentarios e elementos gráficos que achegue o público

Desde o anuncio da iniciativa xa se levan emitido máis de 2.000 chíos co hashtag #EnGalegoLeo e espérase que este mércores sexa o día de máis actividade

Hoxe de 12 a 2, hora recomendada para emitir os chíos da iniciativa #EnGalegoLeo polo Día do Libro

Santiago, 22.04.2014.-  Este mércores celébrase o Día do Libro e con tal motivo a CRTVG, xunto á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e á Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), recomendan que todas aquelas persoas que queiran homenaxear dalgún xeito os libros en galego emitan os seus chíos en Twitter, co hashtag #EnGalegoLeo, entre as 12 do mediodía e as 2 da tarde, tratando de acadar así a maior notoriedade posible para esta iniciativa. Ademais anímase a que os participantes inclúan os seus selfies ou autofotos acompañados dos libros en galego que queiran salientar ou comentar.

O proxecto está vixente desde que o pasado día 16 foi presentado polas tres organizacións mencionadas para fomentar a lectura en galego. Desde aquela, unha landing page (http://www.crtvg.es/especiais/dia-do-libro) habilitada desde o departamento de Innovación e Novas Canles da CRTVG está aberta a participación de todo o que o desexe e tamén desde o hashtag #EnGalegoLeo en Twitter para que "sexa un punto de encontro de toda a cidadanía que pode participar coas súas experiencias lectoras, recomendacións, comentarios e mesmo aportando vídeos ou fotografías", segundo detallou na rolda de prensa Fernando R. Ojea, director de Comunicación da CRTVG.

O chamamento xa tivo unha resposta moi significativa, xa que desde o día 16 xa se teñen twitteado ou retwitteado máis de 2.000 chíos con esta etiqueta, que tiveron un impacto potencial de máis de 2,2 millóns de impresións.

 Na presentación da iniciativa, Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, dixo que "esta nova liña de traballo será como unha gran xanela aberta ao través das redes sociais o que contribuirá a impulsar a literatura galega no mundo", mentres que Francisco Castro, presidente de Gálix, indicou que desta maneira vaise “visualizar moito o libro en galego, e máis en concreto o libro infantil e xuvenil, nun exercicio de modernidade propio do século XXI".