CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Ao contraataque' traslada hoxe o estudio á Sede do Celta

05/09/2019

O programa da Radio Galega farase en directo desde Vigo, con entrada de balde para todos aqueles que queiran asistir

'Ao contraataque' traslada hoxe o estudio á Sede do Celta

Santiago, 05.09.2019.-  Pedro Pablo Alonso traslada hoxe o estudio de 'Ao contraataque' ao salón rexio da Sede do Celta, con entrada de balde para todos aqueles seareiros que queiran asistir en directo. O programa xirará en torno ao novo proxecto do equipo vigués coa canteira como foco de atención.

O equipo de 'Ao contraataque' desprázase á cidade olívica para vivir unha xornada moi especial onde os grandes protagonistas serán dous dos xogadores que volveron ao club este verán: Santi Mina e Denis Suárez. Ademais, o programa contará coa actuación musical dos Ruxe-Ruxe e moitas máis sorpresas. A cita será o xoves ás 23.00 h., nas emisións pola FM, TDT, radiogalega.gal, aplicación para o móbil e por streaming a través da conta de Twitter @aocontraataque.

Esta semana comezou a programación de outono-inverno da Radio Galega e a oferta deportiva medra coa incorporación dun novo espazo polo serán, dentro de 'A crónica', entre as oito e media e as nove da noite. Continúan a diario 'Zona mixta' ás tres da tarde e 'Ao contraataque' ás 23.00 h. E 'Galicia en goles' aumenta media hora a edición dos venres, de oito e media a doce da noite, mentres na fin de semana principia ás tres os sábados e xa ás doce do mediodía os domingos.

Ademais, os sábados hai tres espazos deportivos máis. 'Convivir deportivo' á unha da tarde, 'Gas a fondo’ ás once da noite e a partir das once e media da noite, 'Galicia en Toquio'.