CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Dez horas de programación especial da Radio Galega este sábado dedicada ao noso derbi

20/12/2017

Ás 9.30 da mañá, o “Somos Quen” realizarase desde a Deportenda; desde as catro, o “Galicia en Goles” será o dono dos micros para ofrecer o partido da xornada
 

Dez horas de programación especial da Radio Galega este sábado dedicada ao noso derbi

Santiago, 20.12.2017.-  Radio Galega dedicaralle unha programación especial ao noso derbi este sábado. En total serán dez horas de emisión para acompañar os dous equipos galegos que disputarán o partido da xornada.

Ás 09.30 horas, María Xosé Rodríguez traslada o estudio de “Somos Quen” á Deportenda Abanca Riazor. Ata as doce da mañá, o magazine contará todo o que estea pasando na cidade herculina nas horas previas. Xoán Galán acompañará a directora do programa; Javi Torres e María Xosé Rivero moveranse polas billeteiras e a praza de Lugo, mentres que Pedro Pablo Alonso asistirá na Grela ao outro derbi, o dos artistiñas. Durante as dúas horas e media de emisión, Carlos Tresandí proporalles un divertido xogo aos oíntes, con tres premios espectaculares: entradas dobres de tribuna superior para asistir ao partido.

Desde as 14.00 h., a última hora do Dépor-Celta será punto principal no informativo “Crónica das Dúas”, con Celia Rúa, e no “Galicia en Goles Mediodía”, con Rodrigo Pérez Pardo.

A partir das 16.00 horas, Xoán Galán poñerase aos mandos da edición de tarde do “Galicia en Goles”, coa previa máis completa, as dúas horas de xogo e o segundo operativo desde a sala de prensa e a zona mixta. Os analistas Xosé Manuel Traba e Moncho Carnero reforzarán o equipo integrado por Javi Torres, Xaime Escudeiro, Pedro Pablo Alonso e César Méndez. A partir das nove da noite, o noso derbi continuará cun Faladoiro Especial, en que participarán Alfonso Núñez, Gonzalo Alonso, Emilio González e destacados adestradores do fútbol galego.