CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Despregamento excepcional da CRTVG na xornada electoral, que disporá duns 50 puntos de directo

23/05/2019

Todas as canles da Corporación ofrecerán, desde primeiras horas, información puntual do que aconteza nos colexios e sedes dos partidos en Galicia, Madrid e Bruxelas
 
Ao peche das urnas, a TVG e a Radio Galega ofrecerán os datos dunha enquisa realizada a 9.500 persoas das sete cidades galegas

O programa 'Especial Eleccións' de TVG, de seis horas en directo, desenvolverá dúas mesas de análise sobre os resultados

Despregamento excepcional da CRTVG na xornada electoral, que disporá duns 50 puntos de directo

Santiago, 23.05.2019.-  Os medios públicos galegos desenvolverán este 26-M un despregamento único da xornada electoral, en que concorren os procesos electorais ao Parlamento Europeo, municipais e autonómicos en doce comunidades. Desde primeiras horas da mañá, a Televisión de Galicia, a Radio Galega e crtvg.gal realizarán un seguimento en tempo real, con 50 puntos de directo, de todo o que aconteza nos colexios e sedes dos partidos políticos en Galicia, Madrid e Bruxelas, para achegarlle á audiencia a información máis actual e próxima. Ao peche das votacións, ofrecerase o resultado dunha enquisa realizada a pé de urna a unhas 9.500 persoas, nun total de 79 colexios electorais das sete principais cidades galegas.

O seguimento dos comicios estará apoiado pola comunicación directa con equipos da canle pública, distribuídos en Bruxelas, coa correspondente Sabela Romar á fronte, para dar conta das votacións europeas; nas sedes principais de sete partidos en Galicia e de catro en Madrid; en sete colexios electorais galegos, e no Centro de Datos de Madrid. Nesta cobertura prestarase unha atención destacada ao transcurso da xornada nas sete grandes urbes galegas, amais tamén nas cidades máis poboadas de España e nas comunidades en que conflúen as autonómicas –todas salvo Galicia, Euskadi, Cataluña, Andalucía e Valencia-.

A programación especial dará comezo na TVG, ás 09.00 horas, cun ‘Especial Informativo’ presentado por Irene Lourido, en que se realizará unha rolda de conexións para informar da apertura dos colexios electorais. Ao longo da mañá, nos espazos informativos contactarase co Centro de Datos de Madrid para facilitar as cifras de participación e manterase a audiencia ao tanto da actualidade electoral, de igual xeito que no ‘Telexornal Mediodía’, que amplía a súa duración este domingo, ofrecerase unha completa información sobre a xornada, e as votacións dos candidatos e líderes. Arredor das 18.30 horas, nun novo ‘Adianto Informativo’, o Ministerio do Interior ofrecerá os datos de participación actualizados.

Enquisa e dúas mesas de análise no especial da TVG

A partir das 19.30 horas, e cunha extensión de seis horas en directo, a TVG realizará un programa especial. Desde o estudio 5 de San Marcos, as xornalistas Marta Darriba e Ana Celia Vázquez coordinarán este ‘Especial Eleccións’, en que se establecerán preto de 30 puntos de conexión en directo, esmiuzaranse os datos con analistas no propio estudio e nas sedes políticas e ofreceranse as reaccións dos gañadores e dos candidatos máis votados.

Ao peche das mesas electorais ofreceranse os resultados dunha enquisa a pé de urna, elaborada pola empresa de demoscopia GFK para a CRTVG. As consultas serán realizadas por entrevistadores a unha mostra mínima de 9.480 votantes e en 79 colexios electorais das sete cidades galegas.

No transcurso do Especial desenvolveranse no estudio dúas mesas de análise. Unha inicial, en que se debaterá sobre a previsión de resultados que ofrece a enquisa, integrada por Arturo González (consultor político), Matilde Massó (doutora en Socioloxía), Pablo Vázquez Sande (doutor en Comunicación Política) e Xosé Ramón Rodríguez Polo (doutor en Comunicación e profesor de CC da Comunicación), e, desde as 21.45 horas, unha segunda, coa participación de María Cadaval (economista e profesora da USC), Lara Graña (xornalista), Santiago Martínez (consultor político) e Eladio Jardón (consultor político).   

Máis de 20 puntos de directo na Radio Galega    

Ás 08.00 horas do domingo arrancará a programación especial da Radio Galega para dar cobertura á cita electoral. Desde ese momento, con Celia Rúa á fronte dunha edición especial do ‘Galicia Por Diante’, a emisora pública pulsará os primeiros compases da xornada de votación.

Ao mediodía, unha edición especial da ‘Crónica das Dúas’ avanzará o primeiro dato de participación e resumirá todas aquelas incidencias e mensaxes políticas da xornada.

Ás 19.45 horas comezará o programa especial, dirixido e presentado por Luis Ojea, con máis de vinte puntos de directo. Será ás 20.00 h. cando a Radio Galega avance tamén a sondaxe contratada polos medios públicos: unha enquisa compartida coa Televisión de Galicia e con outros medios autonómicos.

A evolución do escrutinio e as reaccións políticas serán o centro de análise, a partir das 21.00 horas, dunha destacada mesa de debate composta polos xornalistas Luís Pérez, Mapi Egea, Julián Rodríguez e Lalo Pavón.

Todos os contidos, en G24

A nova marca informativa dos medios públicos galegos, G24, centralizará todas as novas xeradas durante esta xornada, a través da páxina web (www.g24.gal) e das novas contas en redes sociais especializadas en noticias (twitter.com/g24noticias, facebook.com/g24noticias e instagram/g24noticias).