CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Debates electorais, en desconexión, para A Coruña, Santiago, Vigo, Lugo e Ourense, esta noite na TVG

09/05/2011

Moderados por Alfonso Hermida, Alfonso Pérez, Ana Pérez, Tati Moyano e Jaime Arias, respectivamente

Comezarán as 23.45 h e terán unha duración de 45 minutos, ao igual que os debates para Ferrol e Pontevedra, emitidos onte

Santiago, 09.05.2011.- A Televisión de Galicia continuará esta noite coa serie de debates electorais para as grandes cidades galegas, que se emiten en desconexión territorial. Despois de ofrecer onte os respectivos debates locais para Ferrol e Pontevedra, a canle autonómica galega emitirá hoxe os correspondentes ás cidades da Coruña, Santiago, Vigo, Lugo e Ourense, coa presenza dos representantes das principais forzas que obtiveron concelleiros nas eleccións municipais de 2007 e que se presentan aos comicios do vindeiro 22 de maio.

Os debates comezarán ás 23.45 h e terán unha duración de 45 minutos. A orde de intervención dos participantes irá de maior a menor para abrir o debate, e de menor a maior para pechalo, segundo a porcentaxe de votos obtidos por cada forza política no respectivo concello nas anteriores eleccións. Unha vez comezado o debate, os tempos non se marcarán senón que serán libres.

O debate referido á cidade da Coruña será moderado polo xornalista Alfonso Hermida, mentres que Alfonso Pérez fará o propio en Santiago. Ana Pérez, Tati Moyano e Jaime Arias serán os encargados de conducir os debates en desconexión para Vigo, Lugo e Ourense, respectivamente.

RADIO GALEGA

A Radio Galega tamén realizará un debate en desconexión local en cada unha das 7 grandes cidades galegas. Cunha duración de 45 minutos, ofreceranse os vindeiros sábado e domingo, 14 e 15 de maio, a partir das 09.05 horas.