CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Co novo programa 'Os Cantos Rolados', a TVG ofrecerá unha escolma da mellor música galega contemporánea

16/10/2019

Presentado por Tuchiño, de Heredeiros da Crus, cada entrega será un monográfico dun estilo, cos máximos expoñentes dese xénero, con actuacións ao vivo e con curiosidades sobre o traballo dos grupos e artistas

Co novo programa 'Os Cantos Rolados', a TVG ofrecerá unha escolma da mellor música galega contemporánea

Santiago, 16.10.2019.-     A partir deste xoves, os espectadores da TVG poderán gozar dunha verdadeira escolma da mellor música galega contemporánea, interpretada ao vivo e pertencente a distintos xéneros musicais, no novo programa ‘Os Cantos Rolados’, que se ofrecerá despois do ‘Land Rober Tunai Show’ e que será presentado por Antonio Novo ‘Tuchiño’, de Heredeiros da Crus.

Cada entrega de ‘Os Cantos Rolados’, unha produción da Televisión de Galicia realizada por Casa de Tolos, é un monográfico dun estilo musical, cos máximos expoñentes galegos dese xénero.

O programa terá moita música, sempre gravada ao vivo en diferentes escenarios e localizacións, pero os espectadores tamén saberán como é proceso de composición e os ensaios, como é un día de concerto, cales son as posibilidades de profesionalización, como se relacionan as bandas cos seus seguidores, etc.

Na primeira entrega, dedicada ao rock, presentarase esta noite a actualidade musical de tres bandas consolidadas na oferta do pop-rock galego, pero de moi distinta procedencia: Furious Monkey House, un proxecto de banda infantil transformada nunha potentísima banda de rock; Triángulo de Amor Bizarro, un dos pioneiros na escena alternativa galega con moito tirón no mercado latinoamericano, e Agoraphobia, coa súa nova proposta, un novo estilo máis escuro e metaleiro. O erudito sobre este estilo musical co que contará o programa é Carlos Rego.