CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Celta-Atlético de Madrid, Castellón-Lugo e a Segunda B, en 'Galicia en goles'

16/10/2020

A retransmisións deportivas da fin de semana na Radio Galega comezan xa o venres ao serán co seguimento do partido Levante-O Parrulo

Celta-Atlético de Madrid, Castellón-Lugo e a Segunda B, en 'Galicia en goles'

Santiago, 16.10.2020.-  'Galicia en goles' comeza as retransmisións da fin de semana o venres ás oito e media do serán, co seguimento do partido Levante-O Parrulo, da Liga Nacional de fútbol sala. O programa analizará tamén ata as 12 da noite a última hora do deporte galego cos protagonistas e os especialistas da Radio Galega.

O sábado, desde as 3, a atención estará posta no Celta-Atlético de Madrid, da Primeira División, xunto ao Castellón-Lugo, de Segunda División A. O Guijuelo-Celta B, de Segunda B, e o Obradoiro-Guipuzkoa, da Liga ACB de baloncesto, serán outras das retransmisións que ocuparán a grella de programación ata as 11 da noite.

Xa o domingo, a edición contará desde as 12 do mediodía a xornada matinal, con atención ao fútbol feminino, a Liga de Terceira e as competicións de baloncesto, balonmán e hóckey a patíns. A partir das 3, a sesión de tarde despregará amplos equipos técnicos e humanos no comezo da Segunda B, con catro encontros: Rácing de Ferrol-Pontevedra, Deportivo-Salamanca, Unionistas-Compostela e Coruxo-Zamora. A primeira xornada da Terceira ten como sobranceiro o Arousa-Arenteiro, no estadio da Lomba. Desde as 9 da noite, xornalistas, adestradores e árbitros xuntaranse arredor do faladoiro para debater sobre os resultados dos nosos equipos nun espazo de opinión que a audiencia pode ver tamén polo streaming Mira RG a través da web da CRTVG.

Ademais de 'Galicia en goles', a Radio Galega ofrece durante a fin de semana outros espazos de información deportiva. O sábado, á 1 do mediodía, Alfonso Pardo chega a Xove para difundir en 'Convivir deportivo' o fútbol gaélico. Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez resume en 'Gas a fondo' o rally San Froilán. E ás once e media, Toni López convida no 'Galicia en Toquio' a Antonio Serrat e Susana Rodríguez.

Por último, o domingo ás 11 da noite, Pedro Pablo Alonso pecha a programación da fin de semana coa mesa de debate de 'Ao contraataque'.