CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Programación TVG

'Na mente do asasino' retrotráese a setembro de 1925 para abordar o crime dos bebedores de sangue de Agolada

26/01/2021

Os Mejuto acabaron coa vida dun veciño de apenas dous anos para intentar curar o seu fillo enfermo de tuberculose

'Na mente do asasino' retrotráese a setembro de 1925 para abordar o crime dos bebedores de sangue de Agolada

Santiago, 26.01.2021.-  O programa ‘Na mente do asasino’ (22.20 h) lembrará hoxe un crime acontecido hai case un século. Na casa dos Mejuto, a tuberculose dun mozo de 15 anos converteuse nunha obsesión para a súa familia. De que xeito podían curar un mozo enfermo? Eran outros tempos en Agolada, setembro de 1925. Os Mejuto acabaron coa vida do pequeno Álvaro, un veciño de apenas dous anos, para sacarlle o sangue. Trátase dunha crenza estendida naquela época: o sangue, o unto e as súas propiedades curativas.

Coas intervencións do catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral; da historiadora Natalia Monje; do médico e antropólogo José Carro Otero e do forense Fernando Serrulla, o espazo da TVG intentará explicar de onde viña esa crenza e por que. A continuación, na mesa de análise sobre as personalidades psicopáticas, incorporaranse o fiscal Antonio Roma Valdés e a doutora en Medicina Ángela Torres.


ler máis

'Cos pés na terra' visita esta semana dous gandeiros que coidan dunha multitude de especies

25/01/2021

Os espectadores tamén coñecerán un labrego de Ortegal e un rapaz arxentino que saca do lixo comida para as plantas

'Cos pés na terra' visita esta semana dous gandeiros que coidan dunha multitude de especies

Santiago, 25.01.2021.-   O espazo 'Cos pés na terra' (22.30 h) ten hoxe unha cita con Antonio e a súa filla Sonia, gandeiros que teñen conta dunha multitude de especies. Na súa granxa hai de todo, por haber hai ata un burro contento.

Os espectadores da TVG tamén coñecerán a Sergio, un rapaz chegado de Bos Aires que un día imaxinou que moitas das cousas que tiramos poderían acabar sendo comida para as plantas.

Finalmente, o equipo do programa visitará a Chema, labrego da comarca de Ortegal, que achegará predicións do tempo, máis de 50 variedades de tomates e retos ben grandes.

ler máis

En 'O Final do Camiño', os escravos reclámanlle a Gonzalo que xulgue o seu irmán por asasinato

24/01/2021

Por outro lado, no concilio de Husillos dirímese o xuízo por traizón a Peláez e a elección dun novo bispo

En 'O Final do Camiño', os escravos reclámanlle a Gonzalo que xulgue o seu irmán por asasinato

Santiago, 24.01.2021.-    Despois da rebelión do bispo Peláez no capítulo anterior de ‘O Final do Camiño’ (23.20 h), a cidade de Compostela atópase agora na miseria. A situación é insostible, o que obriga a Gonzalo a facerse valer para evitar unha traxedia.

E sempre que a miseria campa ás súas anchas, hai alguén que saca beneficio. Neste caso, Tomás. A fame á que están sometidos os escravos musulmáns provoca que un neno roube pan no mercado e, na súa fuxida, un mercador remate morto. Para evitar ser acusado de causar os problemas da cidade, Tomás ofrece unha recompensa pola cabeza do mozo mouro.  

Mais este non é o único problema de Gonzalo. Os escravos reclaman xustiza para Ahmed e que Pedro sexa xulgado por asasinato. Gonzalo protexe o seu irmán enviándoo a custodiar a porta de entrada da cidade, sen saber que está a facilitar o plan dos almorábides para arrasar Compostela.

Mentres, no Concilio de Husillos, dirímense dous asuntos de vital importancia: o xuízo por traizón a Peláez e a elección dun novo bispo para a cidade. Dous asuntos en que os intereses de Constanza, Xelmírez, Simón e Odamiro se enfrontan sen contemplacións.

ler máis

Festa por todo o alto en 'Bamboleo', que contará coas actuacións de Nuria Fergó, Javi Mota e El Combo Dominicano

23/01/2021

Os colaboradores do programa, Tamara e Claudio, farán das súas cos xogos que teñen preparados para os convidados e Isi compartirá co público as súas singulares e divertidas historias

Festa por todo o alto en 'Bamboleo', que contará coas actuacións de Nuria Fergó, Javi Mota e El Combo Dominicano

Santiago, 23.01.2021.-    A festa regresa esta noite á Televisión de Galicia con ‘Bamboleo’ (22.00 h). Xosé Manuel Piñeiro recibirá hoxe unha das participantes máis queridas da primeira edición dun prestixioso talent musical: Nuria Fergó. A andaluza visita o estudio para presentar un adianto do seu novo álbum, un tema moi especial en que comparte unha historia persoal e que leva por título ‘Quererme solo yo’. Ademais, interpretará outros éxitos como ‘La vida son solo dos días’, canción oficial da Vuelta a España, e ‘Bailando bajo la lluvia’, un tema moi bailable e alegre.

Os colaboradores do programa, Tamara e Claudio, farán das súas cos xogos que teñen preparados para a cantante, e Isi compartirá co público as súas singulares e divertidas historias.

‘Bamboleo’ contará tamén coa presenza de Javi Mota, cantante que triunfou na verbena galega e que actualmente arrasa coa súa carreira en solitario como cantante, bailarín, actor e modelo. Hoxe vén ao programa para presentar ‘El despertar’, un tema composto polo propio artista.

Ademais, unha das orquestras con máis éxito na verbena galega, El Combo Dominicano, estará esta noite no espazo da TVG para animar o espectáculo co seu ‘swing’ e interpretar unha variada selección de temas. Ademais, a emblemática compañía de baile Nova Galega de Danza presentará o seu novo espectáculo, ‘Leira’, e compartirá cos espectadores algunhas das súas vivencias polo mundo adiante.

No ‘Agora ou Nunca’, os participantes desta noite, Salomé Varela e Juanma Freiría, interpretarán os éxitos ‘Tough Love’, de Etta James, e ‘Me gusta todo de ti’, de Noche de Brujas.

Por outro lado, os representantes dos clubs deportivos de Patinaxe Artística Omega de Ames e o Club Taekwondo ITF Coirós enfrontaranse no karaoke de ‘A Jrileira’ co tema ‘Te vas’, de Américo, e adiviñando intérpretes. E na ‘ITV do Amor’ un concursante do público xogará contra Fani e tres posibles mozos para adiviñar cal dos tres é súa parella.

ler máis

Música variada esta noite en 'Luar', con Las Supremas de Móstoles, Gemeliers e Rodrigo Ramos como convidados

22/01/2021

As actuacións de Cristina Stop, da asociación de música e baile tradicional Fortín da Pomba e do grupo de gaitas Saudade de Ribadeo completan o elenco artístico (21.50 h)

Música variada esta noite en 'Luar', con Las Supremas de Móstoles, Gemeliers e Rodrigo Ramos como convidados

Santiago, 22.01.2021.-   ‘Luar’ chega, un venres máis, aos fogares galegos con Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez á fronte dunha nova edición, en que a música e o entretemento son os grandes protagonistas. Entre os convidados destacados, esta noite visitan o programa o explosivo trío de Las Supremas de Móstoles, cuxa calidade vocal e números artísticos garanten diversión en cada unha das súas actuacións, e Cristina Stop, a coñecida integrante do que fora o grupo de pop dos anos 70 Los Stop, traerá en solitario o seu éxito ‘Cuando te enamores’.

E dun trío de irmás ás propostas do dúo de irmáns sevillanos Gemeliers. Jesús e Daniel amosarán hoxe os seus últimos temas, onde os ritmos pop latinos, tamén bailables, lles achegan un estilo inconfundible.

En representación da música da nosa terra, contarase no estudio coa presenza do músico e cantautor de Silleda Rodrigo Ramos, quen presentará ‘Subiote’, un tema íntimo con carácter pop-folk, incluído no seu terceiro álbum en solitario, e adaptación do poema  de Xosé Neira Vilas. Completa o elenco a asociación de música e baile tradicional Fortín da Pomba e o grupo de gaitas Saudade de Ribadeo.

Por outra parte, no certame de novos talentos ‘Recantos’ competirán Yago Martínez, de Terras de Pontevedra, e Belehm, de Lugo sur. Completan o elenco de convidados, o humor dos cómicos Brandariz e Ángela Triana. Unha edición máis, Gayoso intentará que algún espectador sexa quen de facerse cos 1.500 euros do bote do concurso telefónico e cos xamóns que se sortean no certame de adiviñas do programa.

ler máis

'Land Rober Tunai Show' pon esta noite a proba as habilidades da cantante India Martínez

21/01/2021

Ademais, a presentadora do ‘Dígocho Eu’, Esther Estévez, participará no ‘Quen vés sendo?’, un dos xogos máis queridos do programa (22.10 h)

'Land Rober Tunai Show' pon esta noite a proba as habilidades da cantante India Martínez

Santiago, 21.01.2021.-    ‘Land Rober Tunai Show’ recibe este xoves a visita da cantante India Martínez. Como está demostrado que o de cantar se lle dá ben, o equipo do programa vai ir máis aló e poñer a proba as súas habilidades cun Land Rover de por medio.

Por se fose pouco, esta noite volve un dos xogos máis queridos: o ‘Quen vés sendo?’, en que participará Esther Estévez, do ‘Dígocho Eu’. Que historia incrible terá a señora que visita hoxe o programa?

Ademais, o show da TVG presentado por Roberto Vilar contaremos coa familia de mariscadores máis divertida. Disque Josiño ten algo en mente para asaltar... e non é o Capitolio! E, seguindo o transcurso da actualidade, ‘Land Rober Tunai Show’ poralle cara ao último vacinado da Covid.

ler máis

A Ribeira Sacra é esta semana o escenario de 'Come a Comarca. As Batallas', cun enfrontamento entre Chantada e a Terra de Lemos

20/01/2021

O gañador deste duelo disputará a final da provincia de Lugo fronte á Terra Chá

A Ribeira Sacra é esta semana o escenario de 'Come a Comarca. As Batallas', cun enfrontamento entre Chantada e a Terra de Lemos

Santiago, 20.01.2021.-   A Ribeira Sacra é a espectacular paisaxe que comparten as comarcas protagonistas da nova batalla de ‘Come a Comarca’: Chantada e a Terra de Lemos. O presentador do espazo da TVG, Fran Cañotas, percorrerá as fermosas ribeiras do río Miño, que pasa ao carón de Chantada, e as do Cabe, en Monforte, para dar cos seus mellores cociñeiros. Nesta zona, son omnipresentes as vides da viticultura heroica, que rematan en mencías e godellos excelentes.

Pero non só de bos caldos presumen ambas as dúas zonas. En Chantada, a busca dos mellores profesionais dos fogóns ten parada en Airas Moniz, explotación de vacas ‘jersey’ que pode presumir de elaborar o mellor queixo azul de España. Os espectadores percorrerán ademais en barca o Miño, con parada no Cabo do Mundo, o famoso meandro que o curso das augas fan xa preto do Saviñao. Esa curva fluvial é unha das paisaxes máis icónicas da redonda. Pola súa parte, a Terra de Lemos será zona de traballo labrego e nela haberá que recoller nabizas nas leiras de María Castaña, produtores de agricultura ecolóxica. E se de premios se trata, en Bóveda, o programa visitará Gutrei Galicia, medalla de ouro no campionato do mundo da carne.

Cando Cañotas complete os equipos comarcais, con cadanseus cinco cociñeiras e cociñeiros, chegará o prato forte de ‘Come A Comarca. As Batallas’: o duelo entre as dúas formacións, onde só unha acadará a clasificación para a fase final. Para facelo terá que elaborar o menú que presenten os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, con diferentes retos culinarios e sempre no tempo marcado. Unha trepidante contra o reloxo entre tixolas e potas en que os concursantes terán que elaborar 15 racións de cada un dos pratos (primeiro, segundo e sobremesa). Estas elaboracións serán sometidas a un esixente xurado, formado por 15 expertos en gastronomía, que nunha cata a cegas terán que decidir se, ben Chantada ou ben a Terra de Lemos, acadaron o sabor agardado.

O conxunto chantadino está capitaneado por Antonio Lorenzo, de A Faragulla, que contará coa súa nai, Ana María, de axudante experimentada. Roberto Iglesias, xerente de Os Pendellos; Michele Salucci, de rutas fluviais Quinta Sacra, e Xesús Mazaira, de Airas Moniz, completan a formación.

Os da Terra de Lemos teñen como xefe de equipo a Manuel Fernández, de Manuel Bistró, que terá de axudante a María del Carmen González. Acompañarannos Manuel Rodríguez, da Tapería Brancellao; Brais Gómez, de Trespés Comidas e Petiscos, e Manuel Moure, da pastelería El Parque.

16 comarcas cos seus respectivos equipos participan en ‘Come A Comarca. As Batallas’. O gañador do enfrontamento desta semana disputará a final da provincia de Lugo fronte á Terra Chá. Os gañadores das catro provincias darán paso ás finais da zona norte e sur e, finalmente chegarase á finalísima do programa. O equipo que acade este obxectivo levará 5.000 euros, suma que se multiplica por tres se resulta vencedor.

ler máis

'Na Mente do Asasino' aborda este martes o asasinato, por parte dos GRAPO, de dous gardas civís en Santiago en 1989

19/01/2021

Ademais de afondar no caso e no detalle dos feitos, o programa (22.20 h) explicará como funcionaba esta organización terrorista

'Na Mente do Asasino' aborda este martes o asasinato, por parte dos GRAPO, de dous gardas civís en Santiago en 1989

Santiago, 19.01.2021.-    Banco de España, na praza das Praterías, en Compostela. 10 de marzo de 1989. Un comando dos GRAPO formado por cinco terroristas, entre eles o que sería seu xefe de comandos, o galego Fernando Silva Sande, entra a tiros. Asasinan os dous gardas civís que custodiaban a entrada: Constantino Limia e Pedro Cabezas. Buscaban un botín de 15.000 millóns de pesetas, 90 millóns de euros. Silva Sande segue na prisión de Teixeiro condenado polo asasinato de sete persoas, ordenar o doutras dúas e polo secuestro de  Publio Cordón.

Como funcionaban os GRAPO? Teñen algo en común os asasinos que matan en nome dunha organización terrorista? Estas e outras cuestións atoparán resposta este martes nunha nova entrega do programa ‘Na Mente do Asasino’.

Para isto, o espazo da TVG contará coas intervencións do catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral, dos xornalistas José Benito García e José Andrés Vázquez e do escritor Antonio Cendán Fraga, que afondarán no caso e nos detalles dos feitos.

A continuación, na mesa de debate de ‘Na Mente do Asasino’, moderada por Pablo Carballo, participarán expertos de diferentes ámbitos: o policía nacional Roberto González, o criminólogo Luís Alamancos, o garda civil José Luis Limia e a psicóloga clínica María Eugenia Insua.

ler máis

Os espectadores de 'Cos Pés na Terra' descubirán como se producen 'microvexetais' e como se elabora a cervexa artesá ecolóxica

18/01/2021

O programa (22.30 h) tamén ten unha cita cunha gandeira nova que artellou un concurso de cociña a base de produtos lácteos

Os espectadores de 'Cos Pés na Terra' descubirán como se producen 'microvexetais' e como se elabora a cervexa artesá ecolóxica

Santiago, 18.01.2021.-   Os espectadores de ‘Cos Pés na Terra’ verán hoxe un xeito novo de cultivar. Daniel vailles ensinar a súa produción de ‘microvexetais’, un super alimento, pequeno en tamaño, pero grande en sabor e propiedades.

Ademais de algo para comer, no programa desta semana tamén haberá de beber. ‘Cos Pés na Terra’ coñecerá a Pablo, impulsor dunha cervexa artesá ecolóxica que elabora co seu propio lúpulo e coa axuda da familia.

ler máis

No segundo episodio de 'O Final do Camiño' Peláez enfróntase a Gonzalo e intenta asegurar o seu poder

17/01/2021

Os espectadores tamén verán esta noite (22.30 h) como o exército de Afonso VI chega a Compostela disposto a arrasar a cidade

No segundo episodio de 'O Final do Camiño' Peláez enfróntase a Gonzalo e intenta asegurar o seu poder

Santiago, 17.01.2021.-   No segundo episodio de ‘O Final do Camiño’, que a TVG ofrece esta noite, Diego Peláez continúa coa teima de poñer a García no trono. Para iso precisa a alianza con Guillerme de Normandía, que fraguará por medio da súa filla Adela, que chega a Compostela e que se converterá na arma que Peláez necesita para convencer os nobres de Galicia. Con todo, isto debe facelo ás costas de Gonzalo, que agora cumpre unha misión para a raíña Constanza que ten que ver con el. A situación entre Peláez e Gonzalo axiña se complica e o bispo comeza a planear a forma de asegurarse o poder.

Unha vez recuperado da súa reclusión en Toledo, Pedro comeza a sentirse atraído por Elvira. Esta decátase e trata de evitalo, para evitar un conflito con Gonzalo, pero, con Efraim preso, precisa consultar o libro de medicamentos, escrito en árabe, e a única persoa que coñece capaz de axudala é o seu cuñado. Ademais, Pedro e Animal céntranse en investigar a morte de Ahmed, asasinado polo primeiro, que sabe que se Animal o descobre, haberá de levalo ante a xustiza representada polo seu irmán, Gonzalo.

Estevo goza cada vez de maior prestixio grazas ás indicacións do misterioso monxe, ao que semella non coñecer ninguén e que, nesta ocasión, vai mostrar algo moito máis alá do que Estevo podería imaxinar e que o levará aos límites da súa cordura.

Mentres todo isto sucede en Compostela, en Sevilla, Yusuf, co seu exército almorábide, vaise facendo co poder sen atopar demasiada oposición e deixando un rego de sangue ao seu paso. Ante esta situación, Ao-Mutamid decide gañar o favor de Alfonso VI enviándolle á súa fermosa filla Zaida como ofrenda de paz.

A continuación, no seguinte capítulo, o exército de Afonso VI chega ás portas de Compostela disposto a arrasar a cidade. O seu obxectivo é poñer fin á traizón de Peláez. Gonzalo, escondido no monte co que resta da garda, consegue que se lle concedan dous días para deter o bispo e, así, impedir que o pobo sufra as consecuencias dunha guerra. Xunto co seu irmán Pedro, penetra nas murallas de Compostela para depoñer a quen un día foi o seu Dómine e pai. Pero a cidade está tomada polos mercenarios de Tomás e os  poucos aliados que lle quedan a Gonzalo ou están mortos ou van camiño diso.

Pola súa parte, os nobres galegos, reunidos no palacio de Peláez, esperan a que o rei García volva ocupar o trono de Galicia para sublevárense contra Afonso. Pero primeiro deben liberalo. Nuno, acompañado dos seus mellores homes, agarda acampado nas inmediacións do Castelo de Lúa, onde García está preso. Pero entrar non vai ser tan doado como tiñan planeado, xa que alguén informou das súas intencións.

Alleo a todo isto, Estevo continúa inmerso na construción da súa catedral. As innovacións do monxe cada vez son máis espectaculares e arriscadas e os canteiros dan en dubidar de que as súas propostas sexan viables. Estevo, cegado pola súa fe no monxe, impón as súas ideas pola forza sen ter en conta os perigos que iso pode carrexar.

ler máis