CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas CRTVG

'A illa das mentiras', película de Paula Cons coa participación da TVG, estréase o 24 de xullo na plataforma Filmin

25/06/2020

Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna son os protagonistas desta primeira longametraxe de ficción da directora galega
 
Baseado en feitos reais, este thriller é unha homenaxe a tres mulleres que se converteron en heroínas tras o naufraxio do buque Santa Isabel fronte ás costas galegas en 1921 e que foron inxustamente esquecidas pola historia

'A illa das mentiras', película de Paula Cons coa participación da TVG, estréase o 24 de xullo na plataforma Filmin

Santiago, 25.06.2020.-     A longametraxe A illa das mentiras, a ópera prima da directora galega Paula Cons, coa participación da TVG, estrearase o vindeiro 24 de xullo a través de Filmin, a principal plataforma dixital de cine independente en España. Este thriller conta nos papeis principais con Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna, xunto a Victoria Teijeiro, Ana Oca e María Costas.

A película está inspirada libremente en feitos reais, concretamente no afundimento do buque Santa Isabel fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921. Este é o punto de partida dun filme en que o máis interesante non é o naufraxio en si mesmo, senón as consecuencias que ten nun microcosmos tan pechado e peculiar coma o desta pequena illa. Tamén é unha homenaxe ás tres mulleres que salvaron a vida de 48 persoas e que foron inxustamente esquecidas pola historia.

‘A illa das mentiras’ comeza a madrugada do 2 de xaneiro de 1921, cando o transatlántico Santa Isabel, con destino a Bos Aires e 260 persoas a bordo, se afunde fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora. A falta de homes na illa, tres mozas, María, Josefa e Cipriana, deciden ir ao rescate, salvando case medio cento de persoas, nun acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, León, un periodista arxentino, acode a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades, chegando mesmo a sospeitar que o naufraxio puido ser provocado. Mentres tanto, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.

O filme está coproducido pola galega Agallas Films, a vasca Historias do Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación da TVG, RTVE e ETB e co apoio de AGADIC, Goberno Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués e o Programa Ibermedia.

ler máis

Os sete partidos convidados aos debates electorais na CRTVG acordan a súa participación e as normas dos mesmos

22/06/2020

Como é tradicional, logo de remitir o Plan de Cobertura á Xunta Electoral, os representantes dos diferentes partidos reuníronse esta tarde na CRTVG para pactar os parámetros dos debates

 

 

Os sete partidos convidados aos debates electorais na CRTVG acordan a súa participación e as normas dos mesmos

Santiago, 22.06.2020.-    Os A CRTVG convidou ao debate electoral do vindeiro luns 29 de xuño as sete formacións políticas que teñen en Galicia carácter de “grupo representativo” ou de “grupo político significativo”. Tanto a fórmula para a asignación de tempos a cada formación como o carácter dos diferentes grupos veñen establecidos pola Lei Orgánica de Réxime Electoral (LOREG) e as instrucións da Xunta Electoral Central. Este debate dos principais candidatos será o primeiro dos 9 encontros que se ofrece a organizar á CRTVG nos 15 días de duración da campaña.

ler máis

A RG e AGAL poñen en marcha o concurso 'Musicando Carvalho Calero' para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas

22/06/2020

Solistas e grupos de calquera estilo musical poderán presentar as súas cancións ata o 22 de setembro e as finalistas, seleccionadas por un xurado, pasarán por unha fase de votación popular na rede

O certame dá pé, desde este luns, a unha sección semanal no ‘Diario Cultural’, en que se irá debullando a vida e obra do autor e se escoitarán os temas da primeira edición do concurso, celebrada hai dez anos

A RG e AGAL poñen en marcha o concurso 'Musicando Carvalho Calero' para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas

Santiago, 22.06.2020.-    A Radio Galega e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) organizan o concurso ‘Musicando Carvalho Calero’, ao que poden presentarse solistas e grupos de calquera estilo musical e que ten como obxectivo dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.

Os/as interesados/as en participar teñen que enviar unha canción en formato .mp3 a musicando@carvalho2020.gal. Os temas deberán estar licenciados baixo ‘Creative Commons’. As bases e recursos sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero pódense consultar en http://diariocultural.gal e tamén en http://musicando.carvalho2020.gal, onde se ofrece unha sección con material para elaborar os temas musicais e escoller o texto que mellor se adapte a cada estilo. Así, pódense musicar poemas completos ou fragmentos, modificalos, facer variacións de frases ou palabras -sen perder o significado xeral-, recurtar ou colar fragmentos de diferentes poemas, engadir frases propias que sexan concordantes co orixinal, etc.

O prazo para enviar as cancións remata o 22 de setembro. As cancións finalistas estarán colgadas na páxina web http://diariocultural.gal e no site http://musicando.carvalho2020.gal para que poidan ser escoitadas en todo o mundo. Un xurado, composto por persoas vinculadas ao mundo da música, ademais de a AGAL e á CRTVG, fará unha elección de 10 temas finalistas, que pasarán por unha fase de votación popular na rede para escoller a canción vencedora. Os nomes dos gañadores coñeceranse o 30 de outubro, 110º aniversario do nacemento de Carvalho Calero.

O premio para o grupo ou solista gañador, por parte da CRTVG, será promoción, entrevistas e actuación na Radio Galega e a TVG. O/a gañador/a poderá gravar o seu tema nos estudos de Radio Galega, incluída a gravación dun vídeo musical. Por parte de AGAL, a asociación entregará un premio metálico de 1.500 €.

A posta en marcha deste concurso dá pé, desde este mesmo luns, a unha sección semanal na edición matinal do programa ‘Diario Cultural’, en que se irá debullando a figura de Carvalho Calero, se explicarán as bases do certame e se animará a xente a participar.

Ademais, escoitaranse as cancións da primeira edición deste concurso, realizado hai dez anos por AGAL e ao que se presentaron formacións tan coñecidas na actualidade coma Ataque Escampe, Ruxe Ruxe, The Tetas Van e Esquíos, entre outros. O gañador daquela edición fora A Minha Embala, proxecto da angolana Aline Frazão e o segoviano César Herranz, coa súa versión do tema ‘Maria Silêncio’. Ademais, no ‘Diario Cultural’ iranse escoitando, a medida que se vaian coñecendo, as cancións finalistas do concurso ‘Musicando Carvalho Calero 2020’.

ler máis

O presentador Xosé Manuel Piñeiro, distinguido coa Medalla Castelao 2020

19/06/2020

Tamén reciben este galardón a xornalista Pilar Cernuda, a deportista Ana Peleteiro, ás asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e o grupo A Roda
 

O presentador Xosé Manuel Piñeiro, distinguido coa Medalla Castelao 2020

Santiago, 19.06.2020.-  O comunicador e showman dos medios públicos galegos Xosé Manuel Piñeiro, Superpiñeiro, acaba de ser distinguido coa Medalla Castelao 2020. O Goberno galego acordou conceder tamén estes galardóns á xornalista Pilar Cernuda, á deportista Ana Peleteiro, ás asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e ao grupo de música tradicional A Roda. O acto de entrega dos recoñecementos terá lugar o próximo 28 de xuño.

As Medallas Castelao son unha condecoración de carácter civil, coas que a Xunta de Galicia distingue cada 28 de xuño, coincidindo co retorno a Galicia dos restos de Castelao, a obra e o labor de entrega dunha vida, en calquera faceta da actividade humana, de galegos e galegas merecedores do recoñecemento do resto da sociedade.

ler máis

A CRTVG remite o Plan de Cobertura á Xunta Electoral de cara ás eleccións do 12 de xullo

19/06/2020

A CRTVG organizará 9 debates entre as forzas concorrentes ás eleccións, e realizará 14 entrevistas personalizadas nos 15 de días de duración da campaña

A CRTVG remite o Plan de Cobertura á Xunta Electoral de cara ás eleccións do 12 de xullo

Santiago, 19.06.2020.- A Corporación Radio e Televisión de Galicia fará un intenso despregamento para ofrecerlle á cidadanía toda a información das diferentes opcións políticas que concorren ás eleccións do 12 de xullo en Galicia. No contexto dunha campaña de 15 días de duración, e á marxe dos espazos electorais nos diferentes informativos e os actos de apertura de campaña, a CRTVG comunica á Xunta Electoral o Plan de Cobertura, que inclúe 9 debates e 14 entrevistas personalizadas aos diferentes líderes políticos.

ler máis

O ciclo de cine galego en aberto 'Carteleira G' renóvase cun pack de películas sobre as relacións familiares

19/06/2020

Os usuarios da web da CRTVG poderán ver os filmes ‘Fisterra’, ‘A Atlántida’, ‘Lena’, ‘Voltar á casa’, ‘Máis ca irmáns’ e ‘Un conto para Olivia’

O ciclo de cine galego en aberto 'Carteleira G' renóvase cun pack de películas sobre as relacións familiares

Santiago, 19.06.2020.-    A CRTVG presenta desde este xoves na súa web, dentro do ciclo de cine galego en aberto ‘Carteleira G’, un novo pack de películas, que nesta ocasión expón seis xeitos ben distintos de falar dos lazos familiares.

A figura do pai ausente atópase, polo menos en tres dos filmes propostos. O primeiro deles é ‘Fisterra’ (Xabier Villaverde, 1999), Premio Agapi á mellor película e ao mellor director, que conta a historia dun rapaz (Enrique Alcides) que decide buscar o seu pai en Portugal para atopar as respostas dunha infancia ferida. Geraldine Chaplin interpreta a nai protectora e Nancho Novo, o irmán maior que acompaña con amor fraternal o protagonista na busca do imposible. Chete Lera estaraos esperando nunha praia de Lisboa. No cinema de Xavier Villaverde, a orfandade e as relación familiares son materia autoral.

En ‘A Atlántida’ (Belén Macías, 2005), Nancho Novo pasa de interpretar o fillo abandonado de ‘Fisterra’ para encarnar o pai desastroso que ten que axudar o seu fillo a recuperar a autoestima. O adolescente Manuel Lozano, cinco anos despois de ‘A lingua das bolboretas’, dálle a réplica a Novo. A Atlántida é o nome da casa familiar que os pais,  divorciados, van vender.

Lena’ (Gonzalo Tapia, 2002) foi o xubiloso debut de Marta Larralde, que interpreta aquí unha rapaza que ten que lidar cun pai complicado, o miserable delincuente ao que lle dá vida Manuel Manquiña, buscándose a vida nun Vigo fermosamente fotografado.

Outro dos títulos propostos neste ciclo dedicado ás familias é ‘Voltar á casa’ (Breogán Riveiro, 2009). Nel, os espectadores atoparán un pai protector e delicado (Santi Prego) que coida a súa filla autista de seis anos, unha nena moi amada que un día desaparece, o que dará lugar ao acoso da prensa amarela. María Salgueiro interpreta a nai e Nerea Barros fai o papel de xornalista.

Os usuarios da web da CRTVG tamén poderán ver ‘Máis ca irmáns’ (Ramón Costafreda, 2005), que conta a historia real dos chamados ‘irmáns de Cambre’, unha parella de noivos que descobren que son irmáns de sangue. No elenco están Félix Gómez, Bea Segura e Mabel Rivera.

A última proposta deste novo ciclo é ‘Un conto para Olivia’ (Manane Rodríguez, 2007), unha película que fala con graza dunha familia atípica. Manolo Cortés e Paulina Gálvez son unha parella que adopta unha nena suramericana de cinco anos. A película presenta con humor crítico e surrealista os mil problemas aos que debe enfrontarse a nena na súa nova vida. A interpretación da pequena Luisiana Álvarez é sorprendente.

ler máis

Outra fin de semana chea de fútbol no 'Galicia en Goles'

19/06/2020

O espazo deportivo da Radio Galega seguirá de preto os encontros que disputarán o Lugo, o Deportivo da Coruña e o Celta

 

Outra fin de semana chea de fútbol no 'Galicia en Goles'

Santiago, 19.06.2020.- Continúa o maratón da Liga de fútbol e ‘Galicia en Goles’ non para na Radio Galega. O venres, desde as 20:30 horas, Roberto Carlos Carballo conduce a apertura da terceira xornada da nova normalidade. Ata as 23:59 h analizará os partidos con presenza galega na fin de semana e prestará atención ao Sevilla-Barcelona, da Primeira División.

ler máis

As autonómicas entréganse a apoiar o sector do turismo

18/06/2020

Os medios de comunicación englobados en FORTA lanzan iniciativas e campañas para apoiar o turismo

A TVG estreou en xuño 'O sol sae para todos', programa de actualidade que narra a reactivación dos sectores social, cultural e turístico, e os espazos 'Actualizad@s' ou 'A revista' tratan a diario a volta á nova normalidade nestes eidos

As autonómicas entréganse a  apoiar o sector do turismo

Santiago, 18.06.2020.- As radiotelevisións membros da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas (FORTA) comprométense cos sectores máis afectados pola crise derivada da pandemia mundial, lanzando unha serie de iniciativas de apoio a diferentes sectores económicos. Entre elas atópase o sector turístico, un dos que máis está sufrindo nesta situación e unha peza fundamental na economía do país; en 2019 supuxo o 12% do PIB nacional, e o 13% do emprego en España.  

ler máis

Televisión de Galicia prepara xa a segunda temporada de 'A miña familia pola túa', que se estreará no outono

16/06/2020

O equipo de cásting comezou a selección de 16 familias que estean dispostas a intercambiar un dos seus membros e vivir unha experiencia única

A primeira temporada, emitida o inverno pasado, conseguiu un importante éxito de audiencia, especialmente entre o público novo

Televisión de Galicia prepara xa a segunda temporada de 'A miña familia pola túa', que se estreará no outono

Santiago, 16.06.2020.-    Tras o éxito da primeira temporada do programa ‘A miña familia pola túa’, este formato internacional producido por Dlo/Magnolia e La Región TV terá unha segunda temporada na Televisión de Galicia, que xa se atopa en fase de preprodución e que chegará ás pantallas o vindeiro outono.

Así pois, o equipo de cásting de ‘A miña familia pola túa’ xa está a seleccionar participantes para esta segunda quenda de programas, 16 familias que estean dispostas a intercambiar un dos seus membros durante unha semana e vivir unha experiencia única.

Nesta temporada, seguirá habendo familias moi tradicionais e outras máis modernas, con profesións tan variadas como mariscadores, amas de casa e camioneiros ata vendedoras de cosmética e influencers moi activas nas redes sociais. Buscarase en todo momento o contraste entre xeitos de vivir, de pensar e de sentir, con dicotomías tan marcadas como a afección do Deportivo e do Celta ou coa presenza de familias de vilas rivais.

O programa chegou aos fogares galegos o pasado mes de xaneiro despois de triunfar en países como Francia, Australia ou os Estados Unidos. En Galicia o éxito non foi menor, xa que acadou importantes cotas de pantalla na súa faixa de emisión e logrou captar a atención do público novo.

ler máis

A Liga continúa o martes e o mércores na Radio Galega

15/06/2020

Nesta xornada, os tres equipos galegos deberán puntuar para afastarse dos postos de descenso

A Liga continúa o martes e o mércores na Radio Galega

Santiago, 15.06.2020.- O fútbol entra nas dez últimas xornadas da Liga. O martes e o mércores, a Radio Galega ofrece desde as 19:00 h ata as 22:00 horas edicións de ‘Galicia en goles’ para contar o que suceda nos partidos dos nosos equipos.

ler máis