CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas CRTVG

O balonmán feminino e o fútbol son, esta fin de semana, os protagonistas das emisións en directo da G2 e da web da CRTVG

21/02/2020

O sábado, os medios públicos galegos emiten o  Conservas Orbe BM Porriño – Balonmano Salud Tenerife, da División de Honra Feminina de balonmán

O Compostela xógase o liderado da Terceira Galega ante o Rápido de Bouzas, o domingo ás 17:00 horas

O balonmán feminino e o fútbol son, esta fin de semana, os protagonistas das emisións en directo da G2 e da web da CRTVG

Santiago, 21.02.2020.-   Esta fin de semana, os afeccionados ao deporte estarán acompañados polos medios públicos galegos, que ofrecerán, pola G2 e pola web da CRTVG, a Liga Guerreiras Iberdrola de balonmán e as ligas de Segunda B e Terceira División de fútbol. 

ler máis

O 'Galicia en Goles' da Radio Galega comeza o sábado en Balaídos co Celta - Leganés

20/02/2020

As ligas de fútbol sala e de balonmán completan a oferta deportiva desta xornada

O domingo, a partir das 15.00 h, o protagonismo trasládase ao encontro entre o Zaragoza e o Deportivo, da Segunda División A de fútbol

O 'Galicia en Goles' da Radio Galega comeza o sábado en Balaídos co Celta - Leganés

Santiago, 20.02.2020.-   Esta fin de semana, o 'Galicia en Goles' da Radio Galega amplía a súa emisión. A edición do venres, coa análise da xornada, chegará á audiencia ás 20.30 horas ata as 23.59 h.

ler máis

A Galega, única televisión en España en ofrecer, en aberto e en directo, o Campionato do Mundo de Motocrós

20/02/2020

A G2 achegará, de xeito íntegro, o mundial de MXGP, co salto do lucense Jorge Prado á máxima categoría do motociclismo internacional
 
Cada unha das 20 probas ofreceranse en domingo, desde o 1 de marzo, comentadas por Alfonso Pérez e Roberto Prado

A Galega, única televisión en España en ofrecer, en aberto e en directo, o Campionato do Mundo de Motocrós

Santiago, 20.02.2020.-  Os afeccionados galegos ao motociclismo están de parabéns. A G2 transmitirá o Campionato do Mundo de Motocrós 2020, coa estrea do lucense Jorge Prado, bicampión do mundo de MX2, na máxima categoría MXGP, con monturas de 450 c.c. e cos mellores pilotos do mundo como rivais. A Galega é a única televisión no ámbito estatal que ofrecerá, en aberto e de xeito íntegro, toda a espectacularidade deste mundial desde o próximo 1 de marzo en Matterly Basin (Gran Bretaña).

Con Prado, todo un fenómeno do motociclismo de só 19 anos, considerado en 2018 e 2019 o mellor deportista galego, na categoría raíña do motocrós, regresa este ano a celebración do Gran Premio de España (19 de abril en Xanadú-Arroyomolinos, Madrid), onde poderá amosarlle a toda a afección o seu gran talento. Os xornalistas deportivos da canle pública Alfonso Pérez e Roberto Prado comentarán os domingos, en directo, a celebración dos 20 grandes premios deste torneo, estruturados cada un deles en dúas probas.

Tamén as redes sociais da CRTVG prestarán unha atención especial a cada unha das probas do torneo. Coa emisión deste mundial de motocrós, os medios públicos galegos volven apostar por distinguir unha práctica minoritaria, co fin de dar visibilidade a un destacado deportista galego. O Campionato do Mundo de Motocrós terá continuidade ata o 20 de setembro, coa celebración do Gran Premio de Emilia Romagna (Italia).

ler máis

CRTVG convida as principais forzas políticas galegas a un debate electoral o luns 23 de marzo

19/02/2020

Terá lugar na sede dos medios públicos en San Marcos, en horario de máxima audiencia

Retransmitirase pola TVG, a Radio Galega e en soportes dixitais, e será accesible en lingua de signos

 

 

CRTVG convida as principais forzas políticas galegas a un debate electoral o luns 23 de marzo

Santiago, 20.02.2020.-      A Corporación Radio e Televisión de Galicia convida as principais forzas políticas do país a participar nun debate electoral na sede dos medios públicos en San Marcos, o vindeiro luns 23 de marzo e en horario de máxima audiencia.

ler máis

O espazo 'A tarde' da Radio Galega súmase á celebración do Entroido desde Viana do Bolo

19/02/2020

O magazine da emisora pública realizará o xoves este especial, a partir das 16:00 h, desde a Praza Maior da localidade ourensá

O espazo 'A tarde' da Radio Galega súmase á celebración do Entroido desde Viana do Bolo

Santiago, 19.02.2020.-  O equipo do magazine A tarde da Radio Galega, con Antón Rebollido á fronte, trasládase este xoves ata a localidade ourensá de Viana do Bolo, onde se celebra o Xoves de Comadres e supón o tiro de saída dos días grandes do Entroido. Desde as 16.00 h, os oíntes da emisora pública contaxiaranse do ambiente desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia e coñecerán polo miúdo a programación destes días, as riquezas da zona, a oferta hostaleira e gastronómica e o Boteiro, a figura característica desta vila, que se move dando grandes brincos sobre a monca e cuxa máscara está pintada de negro.

Para falar sobre os folións e boteiros, no set que o espazo ‘A Tarde’ disporá na Praza Maior de Viana contarase coa presenza de Jorge Domínguez, presidente da asociación Folións Rurais de Viana, e do boteiro Roberto Rábade. Con Nathalie Fouet, propietaria da pensión rústica O Trancallo, coñeceranse as propostas hostaleiras que se poden atopar na zona; con Gloria Fernández, dona do establecemento Os castiñeiros, e co tamén hostaleiro Eduardo Fernández Silva conversarase sobre a celebración da 50 edición da Festa da Androlla o domingo, así como de receitas para a súa preparación.

Polos micros de A tarde tamén pasará un estudoso de Viana do Bolo, Pedro Basalo; o alcalde da localidade, Secundino Fernández, e a concelleira de Cultura, Graciela Diéguez, que afondarán nas tradicións e actividades que se poden gozar nesta celebración, unha das máis antigas que se manteñen no Entroido ourensán. Cos alcaldes de Vilariño de Conso, Melisa Macía, e de Manzaneda, Amable Fernández, conversarase sobre os cometidos de ‘Terra do folión’, o proxecto conxunto sobre o Entroido que levan a cabo os tres concellos situados na zona oriental da provincia.  

A tarde recibirá, amais, a Lina García, responsable dunha explotación de vacún; a Xoán González Alonso, dunha gandería ovina, e o apicultor Xosé Luis Alonso para coñecer máis a fondo a situación económica da comarca. E como en toda celebración que se prece non faltará a música en directo, nesta ocasión, a cargo do grupo folk Tomalleoutra.

ler máis

O sector pesqueiro recoñece o labor de Xusto López Carril e o programa 'Mar de ardora' da RG

18/02/2020

Este espazo da emisora pública foi finalista nos III Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español por unha serie de tres programas dedicados a visibilizar o papel da muller na pesca e no marisqueo en Galicia

 

O sector pesqueiro recoñece o labor de Xusto López Carril e o programa 'Mar de ardora'  da RG

Santiago, 18.02.2020.-    O programa da Radio Galega Mar de ardora foi recoñecido na terceira edición dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español, convocados pola Confederación Española de Pesca (CEPESCA), que se entregaron hoxe en Madrid.

ler máis

A serie da TVG 'Os Bolechas' renova por dúas temporadas máis na televisión pública portuguesa, onde leva emitíndose cinco anos

18/02/2020

Os populares personaxes de Pepe Carreiro, que triunfan na Televisión de Galicia desde 2012, están a celebrar tamén o 20 aniversario do seu éxito sen precedentes entre a cativada galega

Para rememorar os clásicos e gozar das novas propostas deste fenómeno cultural, preparan unha chea de sorpresas para este 2020

A serie da TVG 'Os Bolechas' renova por dúas temporadas máis na televisión pública portuguesa, onde leva emitíndose cinco anos

Santiago, 18.02.2020.-     A popular serie da TVG Os Bolechas está de parabéns por partida dobre. En plena celebración do seu 20 aniversario, acaba de renovar por quinto ano consecutivo, e por dúas temporadas máis, na televisión pública portuguesa, onde se emite a diario baixo o nome de Os Bochechas.

En xaneiro de 2015 chegaba a Portugal a serie coa que Os Bolechas triunfaban xa, desde había tres anos, na Televisión de Galicia. O seu éxito trasladouse de inmediato ao país veciño, onde a popular familia xa era coñecida grazas aos máis de cen libros publicados en portugués.

O mesmo que en Galicia, a emisión das aventuras destes queridos personaxes na Radio e Televisão de Portugal (RTP) supuxo un novo impulso do proxecto, que se traduciu en novas propostas editoriais, concursos de enorme éxito nacional con milleiros de participantes e renovación da serie temporada tras temporada.

Este quinto aniversario na RTP coincide con outra celebración moi especial: o 20 aniversario dos Bolechas. Non podía imaxinar Pepe Carreiro no ano 2000, cando publicou a primeira historia, que a súa familia se convertería nun éxito sen precedentes para a cativada galega e nun referente cultural. Desde aquela primeira historia van máis de 650 títulos publicados, ademais de numerosos produtos audiovisuais e dixitais, espectáculos, pasacalles e infinidade de actividades didácticas específicas para o alumnado de Educación Infantil e Primaria de Galicia.  

Desde que comezaron a publicarse, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno cultural en Galicia, onde forman parte xa da memoria colectiva de varias xeracións. Teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, ben da televisión, ben nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa. Neste éxito resultou esencial a capacidade de reunir diversión e formación en todas as propostas da popular familia, e iso convértea nun excelente medio para achegarlle á poboación infantil valores universais e tamén coñecementos achegados á nosa cultura. E todo na lingua propia de Galicia. Isto complementouse coa serie de televisión creada en 2012, que deu lugar despois a outros contidos audiovisuais específicos.

Sorpresas para o 20 aniversario

Para rememorar os clásicos e gozar das novas propostas, Os Bolechas preparan unha chea de sorpresas neste 20 aniversario. A primeira foi a reedición de catro das primeiras historias nun libro que inclúe un código de descarga para escoitalas en formato audioconto, unha nova forma de achegarse aos Bolechas que fomenta a imaxinación e a inclusión sen perder a esencia da popular familia. Decontado sairán novos volumes desta colección, cada un con outros catro títulos daquelas primeiras aventuras ideadas por Pepe Carreiro, e moitas outras sorpresas coas que celebrar estes 20 anos de éxitos.

ler máis

A programación da CRTVG sobre as Letras Galegas chegará este ano con máis intensidade aos máis novos a través das redes sociais

17/02/2020

Programas monográficos, estreas de cine, cápsulas coa voz de Carvalho Calero recuperadas do Arquivo Sonoro, un xogo en Instagram e unha campaña corporativa arredor do autor homenaxeado son as principais apostas dos medios públicos

No Museo Centro Gaiás avanzouse hoxe un conxunto de accións que abrangue máis de 200 iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, educativo, empresarial, musical, escénico, plástico e acadé

A programación da CRTVG sobre as Letras Galegas chegará este ano con máis intensidade aos máis novos a través das redes sociais

Santiago, 17.02.2020.-  Os medios públicos galegos desenvolverán o mes de maio unha programación especial arredor do Día das Letras Galegas 2020. Esta foi presentada hoxe no Museo Centro Gaiás, nun acto en que se expuxo o programa de actividades institucionais e no cal participaron o conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez, o presidente da Real Academia Galega Víctor F. Freixanes, familiares de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado este ano, e representantes de distintas institucións relacionadas coa cultura e a lingua galega. Como explicou a xefa de RSC e Asesoramento Lingüístico da CRTVG, Marta Fernández, “o obxectivo da Corporación é difundir todas as accións anunciadas hoxe e facer chegar esa mensaxe a todos os públicos, na radio, na televisión e, con máis intensidade este ano, nas canles dixitais, para estender a comunicación cos galegos e galegas, especialmente cos máis novos, nos formatos e coa linguaxe á que están máis afeitos”.

Un xogo sobre Carvalho Calero no Instagram
    
A Corporación vaille dar especial importancia á comunicación nas redes sociais, nas que xa existen proxectos para divulgar a lingua (#Instagal e #DígochoEu). Crearase un vídeo, en formato para redes sociais, para divulgar o perfil e o traballo do escritor e tamén se proporá un xogo sobre Carvalho Calero, a través de stories de Instagram e do IGTV. Este xogo comezará semanas antes do 17 de maio. Ademais, este ano aproveitarase o #DigochoEu, espazo divulgativo arredor da lingua nas redes sociais da TVG, para espallar o legado de Carvalho Calero.
    
Arredor deste día, a CRTVG desenvolverá, coma cada ano, unha das súas campañas de Responsabilidade Social Corporativa. Complementará así toda a cobertura que os medios públicos dedican ao día da lingua e a literatura galegas. A campaña terá toda a súa proxección nos medios públicos e contará con soportes para todas as plataformas: cortinas para televisión, cuñas radiofónicas, web específica dentro de #AcciónsG e difusión nas redes sociais.

Televisión de Galicia e Radio Galega
    
O informativo cultural Zigzag realizará o domingo 17 de maio un programa monográfico sobre Ricardo Carvalho Calero. O día anterior, o sábado 16, o espazo Vivir Aquí será tamén un especial sobre o autor, "Os lugares polos que pasou Ricardo", que lembrará as distintas etapas da súa vida. Tamén, ao redor do 17 de maio programaranse dúas películas baseadas en libros galegos: a estrea na TVG de A estación violenta (novela de Manuel Jabois) e A praia dos afogados, baseada no libro de Domingo Villar. Pola súa parte, a G2 programará unha semana enteira as Noites Temáticas das Letras, en que se incluirán documentais sobre homenaxeados en anos anteriores, programas en que se afonda na lingua galega e máis títulos de cine galego.

Ademais, tirando do arquivo sonoro da Radio Galega, a CRTVG recuperará a voz de Carvalho Calero para preparar cápsulas que se emitirán ao longo de toda a programación e que se empregarán tamén en reportaxes e entrevistas. E o magazine matinal da RG Galicia por Diante emitirase en directo o domingo 17 desde o lugar onde se celebre o acto central da Real Academia Galega. O resto do mes, toda a programación estará salferida de contidos relacionados coas letras e con Carvalho Calero, con entrevistas aos autores das publicacións sobre a vida e obra do autor.

ler máis

Grandes intrigas e paixóns, desde o luns na G2, coa estrea da serie 'Ouro Verde'

14/02/2020

A ficción, de factura portuguesa, foi considerada a mellor telenovela nos Premios Emmy e converteuse na novela máis vista da canle lusa TVI

Grandes intrigas e paixóns, desde o luns na G2, coa estrea da serie 'Ouro Verde'

Santiago, 14.02.2020.-  O luns 17 de febreiro estréase na segunda canle da Galega ‘Ouro Verde’ (20.45 h), unha das telenovelas máis destacadas dos últimos tempos, avaliada por un grande éxito internacional. Esta serie, a máis vista da canle portuguesa TVI, poderase seguir na G2, cada serán, de luns a venres. Creada por Maria João Costa, conta con Diogo Morgado e Joana de Verona como protagonistas principais e está producida por Plural Entertainment Portugal.

‘Ouro Verde’ narra a historia de Jorge Monforte (Diogo Morgado), un brasileiro que é o dono do imperio Ouro Verde, líder mundial no mercado agrícola. Acaba de adquirir unha participación importante nunha empresa familiar dirixida polo poderoso banqueiro portugués Banco Brandão Ferreira da Fonseca (BBFF), Miguel Ferreira da Fonseca (Luís Esparteiro), gañando un asento no consello restrinxido de directivos da institución. A nova non é ben acollida na familia do banqueiro, que sospeita das intencións reais do estranxeiro. O xiro argumental sucede cando o espectador descobre que Jorge Monforte é a nova identidade de Zé Maria Magalhães, dado por morto hai 15 anos, que volve agora para facer xustiza polo asasinato da súa familia.

Esta nova ficción, que promete grandes intrigas e paixóns, obtivo nos Premios Emmy de 2018 o galardón á mellor telenovela internacional, sendo esta a segunda ocasión en que Plural e TVI obteñen este recoñecemento aos mellores programas de televisión producidos e distribuídos fóra dos Estados Unidos.

ler máis

O programa da RG 'Mar de Ardora', finalista dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español

14/02/2020

Convocados pola Confederación Española de Pesca (CEPESCA), teñen como obxectivo recoñecer o labor dos medios de comunicación na difusión e mellora do coñecemento da actividade pesqueira

O espazo presentado por Xusto López Carril opta a este galardón por unha serie de tres programas dedicados a visibilizar o papel da muller na pesca e no marisqueo en Galicia

O programa da RG 'Mar de Ardora', finalista dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español

Santiago, 14.02.2020.-    O programa da Radio Galega 'Mar de Ardora' é un dos finalistas da terceira edición dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español, convocados pola Confederación Española de Pesca (CEPESCA), que se entregarán o vindeiro martes en Madrid, na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o labor dos medios de comunicación e dos profesionais da información na difusión e mellora do coñecemento da actividade do sector pesqueiro.

Presentado por Xusto López Carril, 'Mar de Ardora', que se emite os sábados de 07:00 a 08:00 h, é un programa centrado no mundo do mar, con bloques de noticias, reportaxes, entrevistas e relatos de historias humanas.

A candidata aos premios de CEPESCA é unha serie de tres programas emitidos arredor do 8 de marzo de 2019 dedicados a visibilizar o papel da muller na pesca e no marisqueo en Galicia e a lembrar a súa potencialidade no mundo do mar.

Para isto, 'Mar de Ardora' ofreceu un mosaico do traballo das mulleres no mar, falando con redeiras, mariscadoras, traballadoras de conserveiras, percebeiras, ouriceiras, peixeiras, directoras de empresas comercializadoras, armadoras, patroas maiores de confrarías, tituladas náutico-pesqueiras, biólogas e mulleres que ocupan cargos na Administración pesqueira. Os seus testemuños foron recollidos en Boiro, Corme, Camariñas, Vigo, Cambados, San Cibrao, Malpica e A Coruña.

ler máis