CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Deportes

Hóckey a patíns, balonmán e fútbol, na oferta deportiva da CRTVG esta fin de semana

22/01/2021

Entre as transmisións futbolísticas, a G2 e a web dos medios públicos ofrecen este domingo o derbi provincial entre o Deportivo e o Compostela

Hóckey a patíns, balonmán e fútbol, na oferta deportiva da CRTVG esta fin de semana

Santiago, 22.01.2021.-  Fin de semana deportiva nos medios públicos galegos, que achegarán dous partidos destacados de fútbol galego na Segunda B e senllas citas coa Primeira División de hóckey a patíns e de balonmán feminino.

As transmisións futbolísticas comezan este sábado na G2 e na web da CRTVG, ás 17.30 horas, co partido de hóckey a patíns que xogarán en Riazor o Deportivo Liceo e o Igualada, correspondente á décimo sexta xornada da Ok Liga, na que o conxunto coruñés lidera a clasificación.

A Primeira feminina de balonmán copará tamén a atención dos medios públicos galegos, que ofrecerán, ás 19.00 horas, o partido estrela da Liga Guerreras Iberdrola, que disputarán as galegas do C. B. Atlético Guardés contra o Super Amara Bera Bera. O Guardés disputa este sábado un partido oficial na Sangriña fronte un dos conxuntos favoritos da competición, tras varios aprazamentos na Liga e a cancelación da eliminatoria europea nestes dous últimos meses.

Na xornada matinal do domingo, ás 12.00 horas, volve o fútbol ser protagonista da oferta deportiva da G2 e da web da CRTVG, co partido entre o Coruxo F. C.-Salamanca C. F.. Ambos conxuntos, en apuros, precisan esta vitoria para saír dos últimos postos da táboa.

No tempo de ‘A Liga das Cidades’, os afeccionados ao fútbol poderán seguir, en directo, o derbi provincial que xogarán, ás 17.00 horas, o R. C. Deportivo e o S. D. Compostela. Partido de máxima rivalidade, no medio da nova etapa que se vive en Riazor.

ler máis

A final da Copa Galicia de fútbol sala, baloncesto e fútbol, no abano deportivo desta fin de semana na CRTVG

08/01/2021

A G2 e a web da CRTVG ofrecerán tamén o sábado, en directo, o derbi entre o Leche Río Breogán e o Leyma Coruña

O domingo, o fútbol de 2ª B será protagonista absoluto das transmisións dos medios públicos, que comezan co derbi entre o Celta B e o Coruxo

A final da Copa Galicia de fútbol sala, baloncesto e fútbol, no abano deportivo desta fin de semana na CRTVG

Santiago, 08.01.2021.-  A fin de semana deportiva comeza este sábado nos medios públicos galegos coa final da XXIX Copa Galicia de fútbol sala. Ás 17.00 horas, o polideportivo municipal A Gándara, en Narón, acollerá o partido que disputarán o Burela Pescados Rubén e o Noia Portus Apostoli. O conxunto lucense buscará o seu segundo título nunha final histórica para o Noia, que afronta a súa primeira final nesta competición autonómica.

A continuación, ás 19.00 horas, a G2 e a web da CRTVG achegarán un novo derbi galego de altura, coa máxima rivalidade, entre o Leche Río Breogán e o Leyma Coruña, correspondente á LEB Ouro.

O fútbol de 2ª B será o protagonista absoluto o domingo das transmisións dos medios públicos. A primeira cita, ás 12.00 horas, traerá o rifado derbi vigués entre o R. C. Celta B–Coruxo F. C.. No tempo de ‘A Liga das Cidades’, ás 17.00 horas, ofrecerase o partido que xogará na casa o Rácing de Ferrol fronte ao Unionistas de Salamanca. Os galegos, situados no cuarto posto da clasificación, manterán un duelo goleador co conxunto líder da táboa.

A maiores, a través da web da CRTVG poderase seguir, en directo, ás 17.00 h, o Pontevedra C. F.-C. D. Guijuelo (ás 19.00 h, en diferido, pola G2), en que parte como favorito o club galego.

ler máis

Fútbol de Terceira División e a Supercopa de hóckey sobre patíns, na oferta deportiva da G2

01/01/2021

Os espectadores poderán ver este sábado, en directo, a semifinal da Supercopa de España, que disputará o galego Deportivo Liceo co Reus Deportiu e, ao día seguinte, a gran final

Fútbol de Terceira División e a Supercopa de hóckey sobre patíns, na oferta deportiva da G2

Santiago, 01.01.2021.-  O fútbol de Terceira División e o hóckey sobre patíns serán protagonistas das retransmisións deportivas na primeira fin de semana do ano nos medios públicos galegos. A G2 e a web da CRTVG comezarán a súa oferta achegando o sábado, en directo, a primeira semifinal da Supercopa de España de hóckey sobre patíns, que xogarán Reus Deportiu Miró-Deportivo Liceo (17.50 h).

Lloret de Mar acolle esta fin de semana a celebración da Supercopa de España entre os catro mellores conxuntos clasificados da OK Liga masculina na temporada 19/20: Barça, Deportivo Liceo, CE Noia Freixenet e Reus Deportiu Miró. O domingo poderase gozar tamén coa gran final, que se disputará a partir das 18.00 horas.

Na xornada do domingo, os afeccionados ao deporte rei poderán ver nos medios públicos o C. D. Choco-U. D. Atios (16.00 h), mentres que o F. C. Polvorín-S. D. Fisterra ofrecerase en directo, ás 17.00 h, só pola web (ás 20.00, en diferido na G2).

ler máis

Cinco derbis galegos de fútbol e baloncesto, destacados da G2 e da web da CRTVG esta fin de semana

04/12/2020

Os afeccionados ao deporte poderán seguir, en directo: Pontevedra-Deportivo, Celta B-Compostela, R. de Ferrol-Coruxo, Breogán-Ourense e Ourense C. F.-U. D. Ourense

Complétanse as transmisións deportivas, co partido de balonmán entre o Quabit Guadalaxara e Cangas Frig. do Morrazo, correspondente á Liga Asobal

Cinco derbis galegos de fútbol e baloncesto, destacados da G2 e da web da CRTVG esta fin de semana

Santiago, 04.12.2020.-  O fútbol pon en marcha os marcadores dos medios públicos esta fin de semana, que ofrecerán en directo cinco derbis entre clubs galegos. A forte primeira proposta da G2 e da web da CRTVG achegará o agardado partido de 2ªB entre os dous conxuntos líderes, o Pontevedra C. F. e o R. C. Deportivo, este sábado, ás 17.00 horas.

A continuación, ás 19.00 horas, os afeccionados ao baloncesto poderán ver unha nova cita de máxima rivalidade na categoría LEB Ouro, o derbi de altura en que o líder da clasificación, Leche Río Breogán, recibe o Ibereólica Renovables Ourense tamén entre os primeiros postos da táboa.

A web da CRTVG ofrecerá tamén, en directo, ás 16.50 horas, o apaixonante primeiro derbi do Couto entre un Ourense C. F. moi necesitado de puntos e unha U. D. Ourense, sempre competitiva, correspondente á 3ª División. Este mesmo partido poderase ver na G2, o domingo, ás 13.50 horas.

O domingo regresa o deporte rei á G2 e á web dos medios públicos galegos, cun novo derbi de 2ªB, o que disputarán Celta B e S. D. Compostela, ás 12.00 horas. No tempo de ‘A Liga das Cidades’, ás 17.00 horas, poderase asistir en directo a un novo encontro entre clubs galegos, que enfrontará na Malata o Rácing de Ferrol co Coruxo F. C., peor situado nun penúltimo posto.

A oferta deportiva da fin de semana complétase, ás 19.00 horas, coa transmisión do partido de balonmán, entre Quabit Guadalaxara e Cangas Frig. do Morrazo, correspondente á Liga Asobal.

ler máis

O derbi do Leyma Coruña contra o Breogán, en directo, nos medios públicos galegos

01/12/2020

A G2 e a web da CRTVG ofrecerán hoxe este duelo, ás 20.00 horas, desde o Pazo dos Deportes de Riazor
 

O derbi do Leyma Coruña contra o Breogán, en directo, nos medios públicos galegos

Santiago, 01.12.2020.-  O derbi galego Leyma Básquet Coruña-Leche Río Breogán dispútase hoxe, en directo, nos medios públicos galegos. O partido, aprazado na terceira xornada do campionato LEB Ouro por casos de coronavirus no conxunto lucense, xogarase ás 20.00 horas no Pazo dos Deportes de Riazor.

A G2 e a web da CRTVG ofrecerán este encontro de máxima rivalidade entre ambos conxuntos galegos, que se sitúan na metade da táboa, cos mesmos puntos na clasificación. A transmisión contará cos comentarios na cancha de Roberto Prado e Edgar Paz.  

ler máis

Dous derbis galegos de fútbol na 2ªB, entre a oferta deportiva destacada da G2 esta fin de semana

27/11/2020

O sábado ofrecerase Compostela-Pontevedra e o domingo, Deportivo-R. de Ferrol

Dous derbis galegos de fútbol na 2ªB, entre a oferta deportiva destacada da G2 esta fin de semana

Santiago, 27.11.2020.-  As transmisións deportivas volven esta fin de semana, en directo, á G2 e á web da CRTVG. A primeira cita levará os espectadores cara ao estadio Vero Boquete, onde o sábado, ás 17.00 horas, se disputa o derbi galego de fútbol de 2ªB, co S. D. Compostela e o Pontevedra C. F. como protagonistas. O conxunto picheleiro recibe na casa un equipo moi forte, que encabeza á clasificación.  

A web da CRTVG ofrecerá, amais, ás 16.30 h, o partido de voleibol Arenal Emeve–C. V. Guaguas, correspondente á Superliga masculina de voleibol. Este encontro poderase ver na G2 ás 19.00 horas.

O domingo haberá sesión matinal de fútbol de 2ª B nos medios públicos, que comezará ás 12.00 horas, entre un Coruxo F. C., que precisa gañar para fuxir do último posto da táboa, e un experimentado rival, o C. D. Guijuelo.

En ‘A Liga das Cidades’, carrusel futbolístico. O espazo terá toda a atención posta nos campos de Terceira División, en que xogarán: Arzúa-Viveiro, Estradense-Choco, Ourense-Arenteiro, Arousa-Atios e Bergantiños-Deportivo Fabril. E ás 19.00 horas, segundo derbi de fútbol da fin de semana, nesta ocasión provincial, entre R. C. Deportivo e Rácing de Ferrol.




ler máis

O derbi entre o Rácing de Ferrol e o Compostela xógase este sábado, en directo, nos medios públicos galegos

20/11/2020

Completa a oferta deportiva desta fin de semana, outro encontro de máxima rivalidade galega, entre Ibereólica Renovables Ourense e Leyma Coruña de baloncesto, e máis partidos de Segunda B de fútbol

O derbi entre o Rácing de Ferrol e o Compostela xógase este sábado, en directo, nos medios públicos galegos

Santiago, 20.11.2020.- As propostas deportivas da G2 e da web da CRTVG desta fin de semana arrancan este sábado co rifado derbi de Segunda B, que disputarán o Rácing de Ferrol e a S. D. Compostela, ás 17.00 horas, na Malata. Os dous conxuntos acumulan tres partidos consecutivos sen coñecer a derrota, pero os composteláns deberán afrontar este encontro con 4 baixas importantes.

Ao remate do fútbol, os medios públicos mudan de disciplina e de localidade para ofrecer, en directo, ás 19.00 horas, desde o Pazo Paco Paz outro derbi, pero esta vez de baloncesto, entre Ibereólica Renovables Ourense e Leyma Coruña, correspondente á liga LEB Ouro.

O domingo, o fútbol será protagonista absoluto, de novo, das transmisións da G2 e da web da CRTVG, xa desde a sesión matinal. Así, ás 12.00 horas, o R. C. Celta B buscará a súa primeira vitoria fronte ao Zamora C. F.. Pola tarde, o espazo ‘A Liga das Cidades’ achegará, a partir das 17.00 horas, unha nova cita do Pontevedra C. F., quen co seu xogo na casa buscará consolidarse nos primeiros postos da táboa, ante o Salamanca C. F. UDS.

ler máis

Ampla e variada oferta deportiva na G2 esta fin de semana, con fútbol sala, baloncesto, motocrós e fútbol de 2ª B e Terceira División

06/11/2020

O sábado destaca o partido Leche Río Breogán - R. Valladolid da LEB Ouro, mentres que o domingo ofrecerase o Deportivo - Coruxo e a 18ª proba do Campionato do Mundo MXGP

Ampla e variada oferta deportiva na G2 esta fin de semana, con fútbol sala, baloncesto, motocrós e fútbol de 2ª B e Terceira División

Santiago, 06.11.2020.-    A proposta deportiva da G2 e da web da CRTVG para esta fin de semana comezará o sábado coa retransmisión do partido da Primeira División de fútbol sala feminina que disputarán o Viaxes Amarelle e o Poio Pescamar a partir das 16.00 h. O conxunto herculino enfróntase a un equipo asentado na cateogoría, que loita nas últimas campañas polos postos altos da táboa, cun equipo que combina xuventude e experiencia a partes iguais.

A continuación, ás 18.00 h, será o momento da Segunda División B de fútbol, do encontro S. D. Compostela - C. D. Guijuelo. O cadro castelán afronta o partido con máis tranquilidade, tras a vitoria ante o Salamanca. Pola súa parte, o equipo galego aínda non coñece a vitoria, suma dous puntos, con dous empates a 0 nos últimos dous choques, e non conseguiu aínda anotar un gol no que vai de competición.

Esta intensa tarde deportiva completarase ás 19.45 h co partido da Liga LEB de baloncesto entre o Leche Río Breogán e o R. Valladolid. O equipo valisoletano, líder do grupo A da LEB Ouro con tres vitorias en tres encontros, buscará hoxe a cuarta consecutiva e a primeira no Pazo dos Deportes de Lugo, unha cancha onde non venceu nunca.

A xornada do domingo comezará coa Segunda B de fútbol, en que ás 12.00 h se mide o Deportivo da Coruña co Coruxo, que acudirá a Riazor decidido a rematar cos seus malos resultados nas tres primeiras xornadas, xa que é colista e aínda non marcou un só gol.

A partir das 14.00 h, regresa o Campionato do Mundo de Motocrós MXGP á segunda canle da Galega, coa 18ª proba, que se disputará en Garda, na rexión italiá de Trentino. A competición xa ten gañadora, posto que o esloveno Tim Gajser se proclamou o pasado mércores campión do mundo na xornada de Pietramurata, en que ademais subiu ao máis alto do podio. É a terceira vez e a segunda consecutiva que revalida o título.

Xa pola tarde, no carrusel de Terceira División da ‘Liga das Cidades’, os espectadores poderán seguir o decorrer dos partidos C. D. Barco - Arousa S. C., C. D. Arenteiro - U. D. Atios e Bergantiños C. F. - R. C. Vilalbés.

ler máis

Fin de semana multideportivo na G2, cos mellores encontros galegos de balonmán, fútbol sala, motocrós e fútbol

30/10/2020

Entre todos eles, tres derbis galegos: Poio Pescamar-Cidade das Burgas, Coruxo-Compostela e Pontevedra-Celta B

Fin de semana multideportivo na G2, cos mellores encontros galegos de balonmán, fútbol sala, motocrós e fútbol

Santiago, 30.10.2020.-  Nova fin de semana deportiva nos medios públicos, que achegarán algúns dos partidos máis destacados, con representación galega, de fútbol, balonmán, fútbol sala e motocrós. As transmisións na G2 e na web da CRTVG comezarán o sábado, ás 17.00 horas, co Dicsa Modular Cisne BM-Barça, correspondente á Liga Asobal de balonmán. A continuación, ofrecerase tamén, en directo, o Poio Pescamar F. S.-Cidade das Burgas GLS (19.00 h), da Primeira División de fútbol sala feminino.

A programación deportiva dominical iniciarase cun novo derbi galego, pero da 2ªB de fútbol, o que disputarán Coruxo F. C.-S. D. Compostela (12.00 horas). O deporte rei continuará pola tarde en ‘A Liga das Cidades’ (16.30 h), co choque de máxima rivalidade provincial, entre o Pontevedra C. F. e o R. C. Celta B, a partir das 17.00 horas. Á mesma hora, poderase seguir, en vivo, pola web da CRTVG o R. Ferrol-Zamora C. F. (en diferido, ás 19.00 horas pola G2).

A G2 volverá achegar o domingo, desde as 14.00 horas, o Campionato do Mundo de MXGP. O lucense Jorge Prado volverá loitar contra os mellores por facerse con esta décimo sexta proba, que se compite desde Trentino (Italia), escenario das últimas tres probas do mundial.

ler máis

Fútbol, baloncesto, motocrós e fútbol sala feminino, na oferta deportiva da G2 esta fin de semana

23/10/2020

Inícianse as transmisións co Leyma Coruña, á que seguirán senllas novas citas do Mundial de Motocrós e do Poio Pescamar, así como os derbis: Celta B-R. Ferrol e Compostela-Deportivo

Fútbol, baloncesto, motocrós e fútbol sala feminino, na oferta deportiva da G2 esta fin de semana

Santiago, 23.10.2020.-  Os medios públicos galegos poñen en marcha os marcadores o sábado, ás 17.00 horas, coa transmisión do partido Leyma Coruña-Clínica Sur-Aspasia RVB, correspondente á categoría LEB. Tras este encontro, a partir das 19.00 h, os espectadores poderán seguir tamén en directo o Poio Pescamar F. S. –STV Roldán F. S. da Primeira División de fútbol sala feminino.

O domingo, a G2 e a web da CRTVG ofrecerán dous dos partidos máis destacados da xornada na 2ª B de fútbol, os derbis que disputarán R. C. Celta B – Rácing Ferrol (12.00 h) e o S. D. Compostela-R. C. Deportivo (17.00 h). No espazo ‘A Liga das Cidades’ estableceranse tamén conexións co estadio municipal de Pasarón, onde Pontevedra C. F. xoga os puntos contra o Unionistas de Salamanca C. F.

O Campionato do Mundo de MXGP volverá ser protagonista na G2 este domingo, a partir das 14.00 horas. O lucense Jorge Prado volverá loitar por facerse con esta décimo quinta proba, que se compite de novo na localidade belga de Lommel.

ler máis