CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas TVG

As producións da Televisión de Galicia acumulan un total de 60 candidaturas para os XVIII Premios Mestre Mateo

10/02/2020

A canle autonómica destaca con 19 finalistas, entre as que figuran as longametraxes Quen a ferro mata, O que arde e Eroski-Paraíso, con 15, 12 e 7 candidaturas respectivamente

O thriller A Estiba conta con 6 destacados, incluído o de mellor serie de televisión

A Galega copa as categorías de mellor película, programa de televisión, realización e comunicador/a de televisión

As producións da Televisión de Galicia acumulan un total de 60 candidaturas para os XVIII Premios Mestre Mateo

Santiago, 10.02.2020.-    A Televisión de Galicia acudirá o vindeiro 7 de marzo á gala dos Premios Mestre Mateo cun total de 60 candidaturas. Na XVIII edición dos galardóns do audiovisual galego, que será emitida en directo pola canle autonómica, a TVG destaca con 19 producións finalistas. Delas, Quen a ferro mata, O que arde e Eroski-Paraíso, tres longametraxes que contan con participación ou colaboración da TVG, acaparan 15, 12 e 7 candidaturas, respectivamente. A serie Hierro, coproducida pola empresa galega Portocabo, é o proxecto con máis propostas para os galardóns, cun total de 16.

A película Longa noite, tamén participada pola TVG, completa o cuarteto de producións finalistas a mellor longametraxe, categoría copada pola canle pública galega, ao igual que ocorre no caso de mellor programa de televisión (ao que son candidatos ‘Cos Pés na Terra’, ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Malo Será!’ e ‘Segredos. Desmontando Galicia’), mellor comunicador/a de televisión (coas candidaturas de Lucía Regueiro por ‘Bamboleo’, Marta Doviro por ‘Malo Será!’, Neves Rodríguez por ‘Vin polo Vento’ e Rodrigo Vázquez por ‘Ti Verás’) e mellor realización, en que competirán tamén profesionais de espazos da Televisión de Galicia.

No apartado de mellor serie de televisión, son candidatas tres producións da TVG: ‘Os Mariachi’, ‘Serramoura’ e ‘A Estiba’, esta última cun total de seis propostas. Ademais, a ficción ‘Lobos e Cordeiros’ está proposta a mellor maquillaxe e peiteado e a mellor vestiario.

Nas categorías interpretativas, destacan as candidaturas, en producións da TVG, de Benedicta Sánchez, Cris Iglesias e Patricia de Lorenzo a mellor actriz protagonista; de Amador Arias, Luís Tosar e Miguel de Lira a mellor actor protagonista; de Desiré Pillado, María Vázquez e Paula Cereixo a mellor actriz de reparto e de Enric Auquer, Fran Lareu e Xan Cejudo a mellor actor de reparto.

Ademais, as producións ‘El futuro de la mente’ e ‘O reino suevo de Galicia’, ambas as dúas con participación da Televisión de Galicia, optan a mellor documental.

Os/as gañadores/as daranse a coñecer na gala que se celebrará o vindeiro 7 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, presentada pola actriz Patricia Vázquez, que será a anfitrioa dunha noite en que se fará un repaso do mellor da produción audiovisual galega do último ano e que será emitida en directo pola Televisión de Galicia.

ler máis

A CRTVG ofrece, en directo, o Deportivo-Valencia, partido de oitavos de final da Copa Raíña de Fútbol

10/02/2020

A G2 e a web dos medios públicos galegos transmiten mañá este encontro, a partir das 20.00 horas, desde Riazor

A CRTVG ofrece, en directo, o Deportivo-Valencia, partido de oitavos de final da Copa Raíña de Fútbol

Santiago, 10.02.2020.-  A segunda canle da Galega, a G2, e a web da CRTVG ofrecen este martes, en directo, o partido que disputarán o Deportivo e o Valencia, correspondente aos oitavos de final da Copa Raíña de Fútbol, competición nacional feminina, que se xoga a partido único e onde se enfrontan os 16 mellores clubs de España, integrantes da Primeira División.  

Os medios públicos galegos transmitirán, a partir das 20.00 horas, este partido histórico, primeiro en competición oficial que xogue o conxunto branco e azul feminino no estadio de Riazor, despois de acoller varios trofeos Teresa Herrera nesta categoría. O encontro contará cos comentarios de Roberto Prado e Rocío Candal.

Na competición da Copa da Raíña, creada en 1983, o Real Club Deportivo acadou a condición de ‘Campión de España’ en 3 ocasións consecutivas. As coruñesas acoden agora esta cita situadas no quinto posto da táboa fronte ao posto de cola que ocupa o Valencia, nunha décimo cuarta posición, e cun xogo que está a sorprender a toda a afección na súa estrea na máxima categoría.

ler máis

A web da CRTVG emite este martes o Barça Lassa - Deportivo Liceo da OK Liga

10/02/2020

A web da CRTVG retransmitirá o partido que fora aprazado pola cicloxénese explosiva Fabien

Este encontro, clave para a resolución da OK Liga, comezará ás 20:30 horas, no Palau Blaugrana

A web da CRTVG emite este martes o Barça Lassa - Deportivo Liceo da OK Liga

Santiago, 10.02.2020.-    Este martes, a web da CRTVG emite o encontro en que o Barça Lassa recibe no Palau Blaugrana o Deportivo Liceo, partido que se tiña que disputar o pasado domingo 22 de decembro.

ler máis

Desavinzas coas propietarias, fibrocemento e un porco complican a reforma do 'Galicia bonita' en Forcarei

10/02/2020

Nesta emisión, Esther e Julia, nai e filla, non coinciden coas necesidades da obra que se vai levar a cabo na aldea de Córneas (22.30 h)

Desavinzas coas propietarias, fibrocemento e un porco complican a reforma do 'Galicia bonita' en Forcarei

Santiago, 10.02.2020.-  A arquitecta Rosa Facal e o seu equipo, encabezado polo albanel Javier, o carpinteiro Carlos e a decoradora Laira, teñen un prazo máximo dunha semana para levar a cabo a recuperación dunha vivenda de Forcarei e da súa contorna. Como é habitual, a reforma de hoxe do 'Galicia bonita' terá as súas complicacións, xa que os profesionais do programa deberán enfrontarse a unha palleira forrada de fibrocemento; a Pocholo, un porco nada amigable, e a Esther e Julia, nai e filla que non coinciden nas necesidades da obra a realizar na aldea de Córneas.

No 'Galicia bonita', Rosa e os seus axudantes, especialistas na recuperación de contornas no rural, viaxan por Galicia cada semana na procura de vivendas sen rematar, para contribuír a solucionar o feísmo galego, unha característica propia da paisaxe galega. Somieres de resortes utilizados como cancelas, bañeiras e lavabos como testos e todo tipo de materiais de construción utilizados como acabados en vivendas son algúns dos exemplos que se poden ver de xeito habitual en pendellos, palleiras e leiras de toda Galicia e contra os que loita o programa en cada emisión.

ler máis

As investigacións en 'Auga seca' céntranse nun posible asasinato, tras aparecer armas no piso do rapaz falecido

09/02/2020

A presenza da policía no porto fai que Mauro teña que pospoñer unha operación de tráfico de armas (22.30 h)

As investigacións en 'Auga seca' céntranse nun posible asasinato, tras aparecer armas no piso do rapaz falecido

Santiago, 09.02.2020.-  Tras aparecer no porto vigués un rapaz portugués morto, Paulo Duarte, na estrea de 'Auga seca', as investigacións actuais descartan o suicidio, xa que o inspector Viñas e a súa compañeira Gabriela atopan varias armas no piso do falecido e todo semella que o acontecido, en realidade, foi un asasinato.

ler máis

Verónica Romero e o cantautor Paolo Vallesi cantan a dúo 'Si te quedas', esta noite en 'Bamboleo'

08/02/2020

Monoulius DOP e a orquestra Marbella encherán tamén o programa (22.00 h) de festa coas súas actuacións

Verónica Romero e o cantautor Paolo Vallesi cantan a dúo 'Si te quedas', esta noite en 'Bamboleo'

Santiago, 08.02.2020.-  A cantante alacantina Verónica Romero, coñecida tras ser finalista na primeira edición de ‘Operación Triunfo’, hai xa 18 anos, volve ser esta noite convidada destacada no ‘Bamboleo’ da TVG cun novo sinxelo. A artista regresa a España tras un longo período nos Estados Unidos e Australia para presentar o seu novo traballo ‘Si te quedas’, xunto ao cantautor italiano Paolo Vallesi. Composto pola propia Verónica, o tema é unha balada pop e o vídeo musical conta cos dous artistas como protagonistas.

O espazo de entretemento da noite do sábado na Galega, que presenta Xosé M. Piñeiro, ofrecerá tamén as actuacións do grupo Monoulius DOP, coñecido polas súas versións satíricas de grandes éxitos da radiofórmula, e da orquestra Marbella, que nesta nova temporada incorporan dúas voces, a portuguesa Mónia Borges e a viguesa Sara Vázquez, que se suman ao trío de intérpretes formado por Nando Bouza, Carlos Lages e Raúl Campo.

No escenario tamén estarán dous aspirantes que competirán coas súas voces e interpretando dúas cancións de dous artistas coñecidos na proba do ‘Agora ou Nunca’. Carla Gil interpretará ‘Por la boca muere el pez’, de Fito y Fitipaldis, e Manuel Rodríguez cantará a versión de Manolo Escobar de ‘La salvaora’.
 
Ademais, coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘A Jrileira’, con Sara e Natalia competindo no karaoke con ‘Las flechas del amor’, de Karina, e ‘Dirtidansi’, onde unha parella deleitará a audiencia coa execución de diferentes bailes de salón.

ler máis

Escolares de Verín aprenden sobre lingua e xornalismo co proxecto da CRTVG nas redes sociais #DígochoEu

07/02/2020

O alumnado do IES Xesús Taboada Chivite de Verín (Ourense) participou nunha das gravacións deste espazo dos servizos informativos da canle pública, que se emitirá a semana que vén

Creado o 1 de xaneiro, #DígochoEu propón á audiencia cada día unha peza para promover a aprendizaxe e a corrección do galego, e converteuse no máis visto no Instagram

Escolares de Verín aprenden sobre lingua e xornalismo co proxecto da CRTVG nas redes sociais #DígochoEu

Santiago, 07.02.2020.-    A CRTVG levou hoxe venres o seu proxecto divulgativo nas redes sociais sobre a lingua, #DígochoEu, ao IES Xesús Taboada Chivite de Verín (Ourense), onde o coordinador dixital dos Informativos da CRTVG, Carlos Amado, e a xornalista Esther Estévez participaron en dúas charlas sobre xornalismo e redes sociais dirixidas ao alumnado de 1º ESO e 1º de bacharelato.

ler máis

Os medios públicos galegos centrarán esta fin de semana a súa atención na 2ª B e 3ª División de fútbol e na Liga LEB

07/02/2020

Ourense C. F. - Polvorín C.F., R. C. Celta B - S. C. R. Peña Deportiva, C. D. Choco - U. D. Ourense e Leyma Coruña - Levitec Huesca son as retransmisións máis destacadas

Os medios públicos galegos centrarán esta fin de semana a súa atención na 2ª B e 3ª División de fútbol e na Liga LEB

Santiago, 07.02.2020.-    A oferta deportiva dos medios públicos galegos comezará o sábado ás 17.00 h, cando a G2 e a web da CRTVG retransmitirán en directo o partido entre o Ourense C. F. e o Polvorín F. C., correspondente á 23ª xornada de Liga na Segunda División B.

A seguinte cita co fútbol será xa o domingo, a partir das 12.00 h, cando a segunda canle da Galega ofrecerá o encontro de Segunda B que disputarán o R. C. Celta B e a S. C. R. Peña Deportiva. Despois de tres partidos sen gañar, o conxunto vigués buscará no Municipal de Barreiro os tres puntos ante un rival esixente para achegarse á zona de salvación.

Durante esta retransmisión, que se ofrecerá integramente, estableceranse conexións cos partidos, tamén de Segunda B, Spórting de Xixón B - Rácing de Ferrol, U.D. Ibiza - Coruxo C.F. e C.D. Atl. Baleares - Pontevedra C.F.

Pola tarde, en ‘A Liga das Cidades’, será protagonista, a partir das 17.00 h, o partido de Terceira División entre o C. D. Choco e a U. D. Ourense. Unha vez rematada esta retransmisión, será quenda da Liga LEB de Baloncesto, co encontro Leyma Coruña - Levitec Huesca.

ler máis

O Granollers - Cangas da Liga Asobal de balonmán, este venres, en directo, na web da CRTVG

06/02/2020

O partido disputarase ás 20.00 h no Palau D’Esports de Granollers

O Granollers - Cangas da Liga Asobal de balonmán, este venres, en directo, na web da CRTVG

Santiago,  06.02.2020.-     Este venres, os afeccionados ao deporte e, en concreto, ao balonmán, poderán asistir á retransmisión, en directo, do partido Granollers-Cangas da Liga Asobal a través da web da CRTVG.

ler máis

Mar España: "Igual que aprenden seguridade viaria é importante saber que límites non hai que pasar en Internet"

06/02/2020

A entrevista completa pode verse nesta ligazón

Mar España: "Igual que aprenden seguridade viaria é importante saber que límites non hai que pasar en Internet"

Santiago, 06.02.2020.- Mar España Martí, directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), foi entrevistada hoxe no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia sobre as medidas e solucións para evitar a difusión de contidos sexuais en Internet e a ferramenta creada para xestionar as solicitudes de retirada de contidos: “Lanzamos unha canle prioritaria e urxente para casos especialmente graves de violencia dixital en Internet. Calquera persoa pode denunciar e nós ordenamos a retirada dos contidos de maneira urxente ás empresas de Internet e, en paralelo, investigamos se pode haber unha infracción”, sinalou España Martí. 

ler máis