CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas TVG

'Segredos - Desmontando Galicia' porá este luns patas arriba A Coruña para descubrir os seus misterios agochados

18/10/2019

Con espectaculares recreacións en 3D de edificios e infraestruturas, imaxes aéreas e a opinión daqueles que a coñecen ben, o espazo da TVG explicaralles aos espectadores como chegou a ser a gran cidade que é hoxe

A nova aposta da canle autonómica amosa a comunidade dun xeito único, desde os puntos de vista máis abraiantes e inéditos na televisión

'Segredos - Desmontando Galicia' porá este luns patas arriba A Coruña para descubrir os seus misterios agochados

Santiago, 18.10.2019.-     O programa ‘Segredos - Desmontando Galicia’ seguirá este luns amosando a comunidade dun xeito único, desde os puntos de vista máis abraiantes e inéditos na televisión. Nesta ocasión, tocará ‘desmontar’ A Coruña. Con espectaculares recreacións en 3D, imaxes aéreas e a axuda daqueles que a coñecen ben, a partir das 22.15 h, o espazo da TVG explicaralles aos espectadores como chegou a ser a gran cidade que é hoxe.

‘Desmontando Galicia’ chega á cidade herculina para poñela patas arriba e descubrir algúns dos seus segredos mellor gardados. Como era A Coruña hai mil anos? Que pasa cando se pon bravo o mar? Ata onde chega a luz do faro da Torre de Hércules? Como se ergueu a cidade? Serán algunhas das preguntas que esta noite tratará de responder o programa, que, ademais, sorprenderá un dos coruñeses máis recoñecidos: Xosé Ramón Gayoso.

A nova aposta da TVG para a noite dos luns trata de descubrir os segredos das grandes infraestruturas e do patrimonio natural, urbanístico e cultural desde o punto de vista do entretemento. Con esta proposta innovadora, a Televisión de Galicia axudará a entender os xeitos de vida da nosa terra e a súa evolución sen límites espaciais e temporais grazas ás integracións 3D.

Despois do primeiro capítulo da semana pasada, dedicado ás riquezas patrimoniais de Lugo, o programa chegará en vindeiras edicións a outras cidades galegas e a comarcas como a Costa da Morte ou o Salnés.

ler máis

A TVG estrea este domingo 'Embarcados', que dará a coñecer a realidade dos mariñeiros no seu centro de traballo, os barcos

18/10/2019

Os espectadores saberán como é a súa vida mentres están no mar, como se realiza cada traballo e as distintas artes de pesca e cales son as historias persoais dos membros da tripulación

A TVG estrea este domingo 'Embarcados', que dará a coñecer a realidade dos mariñeiros no seu centro de traballo, os barcos

Santiago, 18.10.2019.-    Para dar a coñecer como é a vida das xentes do mar no propio centro da súa realidade, a Televisión de Galicia estrea este domingo á noite (23.15 h) o programa ‘Embarcados’, que se realizará integramente a bordo dun barco durante unha xornada de pesca. Así, os espectadores coñecerán como é vida dos mariñeiros mentres están no mar, como se realiza cada traballo e as distintas artes de pesca e cales son as historias persoais dos membros da tripulación.

En xeral, coñécese a realidade dos mariñeiros cando están en terra, pero é moito menos coñecido o seu traballo nos propios barcos, onde transcorre unha parte importante da súa vida. Deste xeito, ‘Embarcados’, un formato de Producións Celta para a TVG, presentado por Xosé H. Rivadulla Corcón, achegaralles aos galegos unha realidade fundamental na vida e na cultura do país, transmitindo toda a emoción das historias dos mariñeiros a bordo dos barcos.

Na primeira entrega do programa, o equipo de ‘Embarcados’ subirá ao cerqueiro Ardorán, con base en Portosín e patroneado por Eduardo Carreño. Nunha época en que a pesca escasea, os homes do Ardorán traballarán hoxe no caladoiro O Profundo, a 20 millas de Portosín, fronte ao cabo Fistera. O patrón do Ardorán, que vén de familia mariñeira, contará como comprou o barco e en que consiste o seu traballo, mentres que o seu irmán, Ismael Carreño, comentará a incerteza do mundo da pesca e o inconveniente que supón pasar tempo lonxe da familia.

A media de idade da tripulación do Ardorán é moi baixa, arredor de 35 anos. Moitos menos ten Suso Avilés. O máis novo é Román Pouso, de 18 anos, que traballa de mariñeiro en cuberta e que agarda que sexa o traballo da súa vida, desexo que tamén comparte Juan Perol, de 19, que, aínda que está empezando no oficio, sabe ben o que é ser mariñeiro. O máis veterano é Rafael Rodríguez, que non vén de familia mariñeira, pero que se enrolou por amor, ao casar cunha rapaza de Portosín.

ler máis

Os medios públicos galegos centrarán a súa atención no atletismo, o baloncesto e o fútbol de 2ª B e Terceira División

18/10/2019

Tanto a G2 coma a web da CRTVG ofrecerán o sábado en directo a Milla Internacional de Berango, unha das probas máis prestixiosas do calendario, en que se darán cita os mellores especialistas do medio fondo

Os medios públicos galegos centrarán a súa atención no atletismo, o baloncesto e o fútbol de 2ª B e Terceira División

Santiago, 18.10.2019.-    O atletismo terá este sábado unha presenza destacada na oferta deportiva dos medios públicos galegos. Tanto a G2 coma a web da CRTVG ofrecerán ás 18.30 h a Milla Internacional de Berango, unha das probas máis prestixiosas do calendario, que este ano homenaxeará a José Manuel Abascal, bronce olímpico nos Ánxeles e un dos mellores mediofondistas españois de todos os tempos. No cartel da proba biscaíña figuran sete mundialistas en Doha e entre os favoritos están Kevin López, en homes, e Esther Guerrero, en mulleres.

A continuación, a partir das 20.00 h, será o momento do baloncesto, coa retransmisión do partido que disputará o Marín Peixe Galego contra o Delteco Guipuzkoa Basket, correspondente á LEB Ouro.

A quenda do fútbol de Segunda B e Terceira División chegará o domingo. Pola mañá retransmitirase o encontro R.C. Deportivo Fabril - Rápido de Bouzas e, pola tarde, ‘A Liga das Cidades’ ofrecerá un carrusel deportivo con conexións cos partidos Pontevedra C.F. - Xetafe, Coruxo C.F. - Real Madrid Castilla e Rácing de Ferrol - C. At. de Madrid.

Ademais, os afeccionados ao baloncesto poderán seguir en directo a través da web da CRTVG partido entre o Club Ourense Baloncesto e o Chocolates Trapa Palencia, que se retransmitirá ás 19.00 h.

O resumo da xornada, os goles, as mellores xogadas e os resultados nas disciplinas deportivas con equipos galegos implicados chegarán, coma sempre, ás 22.45 h no programa ‘En Xogo’, que se ofrece tanto pola segunda canle da TVG como por crtvg.gal.

ler máis

Nun programa dedicado á muller rural, 'Luar' recibirá a visita estelar do grupo Amaral e da cantante Helena Bianco

18/10/2019

Tamén están convidados esta noite o gaiteiro Cristian Silva, o artista Ortiga, a orquestra Los Satélites, o grupo portugués Crassh e a Agrupación Folclórica Santiaguiños de Boimorto, entre outros

Nun programa dedicado á muller rural, 'Luar' recibirá a visita estelar do grupo Amaral e da cantante Helena Bianco

Santiago, 18.10.2019.-     O programa ‘Luar’, que hoxe falará das mulleres rurais, sumándose así á campaña que a CRTVG está a desenvolver durante esta semana, recibirá a visita do grupo zaragozano de pop-rock Amaral, algunhas de cuxas cancións forman parte xa da memoria colectiva española. O dúo presentaralles aos espectadores o seu oitavo álbum de estudio, ‘Salto al color’, que ten relevancia galega, xa que a súa canción de apertura é ‘Ondas do mar de Vigo’, unha das máis recoñecidas e musicadas cantigas de amigo da lírica medieval galego-portuguesa.

No escenario estará tamén a cantante Helena Bianco, solista do lendario grupo dos anos 60 e 70 Los Mismos. Cunha traxectoria chea de éxitos, na súa voz soaron algúns dos temas máis emblemáticos da música española.

Tamén está convidado ao ‘Luar’ desta noite o gaiteiro Cristian Silva, cuxa forma de entender a gaita rompe con todo o estipulado, xa que busca novos ritmos e melodías, levando o son da gaita e a percusión tradicional a un plano diferente e innovador, cara a un son indie-pop.

Ademais, o espazo da TVG ofrecerá a actuación de Ortiga, o novo proxecto de Manuel González, que anteriormente foi a metade do dúo Esteban & Manuel. O compostelán está a arrasar coa súa proposta fresca e desenfadada, entre a verbena, a salsa e o merengue.

O cartel musical deste venres pecha coa presenza da orquestra Los Satélites, da Banda Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal, da Agrupación Folclórica Santiaguiños de Boimorto, das Pandeireteiras da Grela e a Rexionalista, do grupo portugués Crassh e do monologuista Alberte Montes.

No tempo de ‘Recantos’, actuarán en solitario e a dúo Alberte Suárez, representante de Ourense Norte e finalista da última edición do concurso, e Patri da Silva, procedente da Mariña.

ler máis

Dous mitos da televisión, Bertín Osborne e Carlos Latre, chegan esta noite dispostos a revolucionar o 'Land Rober Tunai Show'

17/10/2019

Tamén visita o programa (22.15 h.) a presentadora Diana Nogueira, que se enfrontará ao ovo cru con vinagre no ‘Quen vés sendo?’

Dous mitos da televisión, Bertín Osborne e Carlos Latre, chegan esta noite dispostos a revolucionar o 'Land Rober Tunai Show'

Santiago, 17.10.2019.-     Dous mitos da televisión aterran este xoves no ‘Land Rober Tunai Show’ para argallar unha boa. O rei das rancheiras e anfitrión televisivo por excelencia, Bertín Osborne, vén dar que falar nunha noite en que visita por primeira vez o programa o mellor imitador do mundo, o gran Carlos Latre.

Bertín Osborne vai enfrontarse ao reto definitivo e, ademais, volven os duetos máis esperados con Carlos Latre. Que parellas artísticas deparará esta nova edición de ‘Duetos imposibles’?

Por se fose pouco, o espazo da TVG recibirá tamén a Diana Nogueira, presentadora do novo programa ‘Segredos - Desmontando Galicia’, que se vai enfrontar ao castigo do ‘Land Rober’ no ‘Quen vés sendo?’. Será quen de adiviñar que historia hai detrás da señora protagonista e librarase do ovo cru con vinagre?

Ademais, non faltarán á cita desta semana co mellor humor Eva Iglesias e David Perdomo para, xunto a Roberto Vilar, facer das súas co público máis entregado.

ler máis

Premiere mundial da serie da Televisión de Galicia 'Auga seca' no Mipcom de Cannes

16/10/2019

Esta coprodución galego-portuguesa é un drama policial sobre o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial

Neste mercado audiovisual converxe cada mes de outubro a industria global de medios e entretemento para compartir catro días de intercambio, reunións, proxeccións e conferencias e para tecer redes

Premiere mundial da serie da Televisión de Galicia 'Auga seca' no Mipcom de Cannes

Santiago, 16.10.2019.-    A serie da Televisión de Galicia 'Auga seca' presentouse hoxe mundialmente no Mipcom de Cannes, onde cada mes de outubro converxe a industria global de medios e entretemento para compartir catro días de intercambio, reunións, proxeccións e conferencias e para tecer redes. Deste xeito, esta coprodución entre a produtora galega Portocabo e a portuguesa SPi para a TVG e a RTP está presente no mercado audiovisual francés, un dos máis importantes do mundo.

O screening desta ficción no mercado posiciónase como un dos pratos fortes do Mipcom, ao lado da esperada serie belga 'Blackout' e a xaponesa 'An artist of the floating world', adaptación da novela homónima do Nobel de literatura Kazuo Ishiguro.

ler máis

Co novo programa 'Os Cantos Rolados', a TVG ofrecerá unha escolma da mellor música galega contemporánea

16/10/2019

Presentado por Tuchiño, de Heredeiros da Crus, cada entrega será un monográfico dun estilo, cos máximos expoñentes dese xénero, con actuacións ao vivo e con curiosidades sobre o traballo dos grupos e artistas

Co novo programa 'Os Cantos Rolados', a TVG ofrecerá unha escolma da mellor música galega contemporánea

Santiago, 16.10.2019.-     A partir deste xoves, os espectadores da TVG poderán gozar dunha verdadeira escolma da mellor música galega contemporánea, interpretada ao vivo e pertencente a distintos xéneros musicais, no novo programa ‘Os Cantos Rolados’, que se ofrecerá despois do ‘Land Rober Tunai Show’ e que será presentado por Antonio Novo ‘Tuchiño’, de Heredeiros da Crus.

Cada entrega de ‘Os Cantos Rolados’, unha produción da Televisión de Galicia realizada por Casa de Tolos, é un monográfico dun estilo musical, cos máximos expoñentes galegos dese xénero.

O programa terá moita música, sempre gravada ao vivo en diferentes escenarios e localizacións, pero os espectadores tamén saberán como é proceso de composición e os ensaios, como é un día de concerto, cales son as posibilidades de profesionalización, como se relacionan as bandas cos seus seguidores, etc.

Na primeira entrega, dedicada ao rock, presentarase esta noite a actualidade musical de tres bandas consolidadas na oferta do pop-rock galego, pero de moi distinta procedencia: Furious Monkey House, un proxecto de banda infantil transformada nunha potentísima banda de rock; Triángulo de Amor Bizarro, un dos pioneiros na escena alternativa galega con moito tirón no mercado latinoamericano, e Agoraphobia, coa súa nova proposta, un novo estilo máis escuro e metaleiro. O erudito sobre este estilo musical co que contará o programa é Carlos Rego.

ler máis

O Auditorio de Cangas recibe esta noite o elenco de 'Malo será!, ao que se une o actor Carlos Blanco

16/10/2019

A partir das 22.30 h., a audiencia será testemuña dunha despedida de solteira, dos milagres de Deus nun concesionario evanxélico e de como funciona un negocio moi peculiar de conversas

O Auditorio de Cangas recibe esta noite o elenco de 'Malo será!, ao que se une o actor Carlos Blanco

Santiago, 16.10.2019.-   Carlos Blanco unirase hoxe como convidado especial ao elenco de actores e actrices habitual do programa 'Malo será!', que, liderado por Federico Pérez e pola presentadora do formato, Marta Doviro, chega esta noite ao Auditorio de Cangas, onde o público e os espectadores da TVG asistirán a dúas horas de humor cos mellores cómicos da escena galega.

Neste programa, a audiencia será testemuña dunha despedida de solteira, dos milagres de Deus nun concesionario evanxélico e de como funciona un negocio moi peculiar de conversas. Ademais, gozarán, unha noite máis, da música, con Paula Pier interpretando un tema composto para esta ocasión: 'Percorremos Galicia'.

Federico Pérez, Lucía Veiga, Cristina Andrade, Paula Pier, Eva Barreiro, Marita Martínez e Carlos Blanco son as actrices e actores cos que poderán gozar os espectadores este mércores na Televisión de Galicia.

ler máis

Da man de Víctor Fábregas e Ledicia Sola, 'Vou que teño que ir', convida os espectadores da TVG a viaxar aos recunchos menos explorados de Galicia

15/10/2019

Nesta travesía polo mapa galego, el achegarase á cultura popular, ás tabernas tradicionais e aos sendeiros pola natureza, mentres que ela buscará alternativas culturais e históricas, con parada en restaurantes de vangarda (23.05 h)

Da man de Víctor Fábregas e Ledicia Sola, 'Vou que teño que ir', convida os espectadores da TVG a viaxar aos recunchos menos explorados de Galicia

Santiago, 15.10.2019.-     Erguerse do sofá para viaxar aos recunchos menos explorados de Galicia. Isto é o que lles propón a TVG aos seus espectadores co novo programa ‘Vou que teño que ir’, onde Víctor Fábregas e Ledicia Sola os convidarán a descubrir o mesmo municipio ou comarca de xeitos ben diferentes.

Conscientes de que Galicia non comeza nin remata coa catedral de Santiago e as Illas Cíes, estes aventureiros investigarán lugares pouco masificados. Nesta travesía polo mapa galego, el achegarase ás tascas e tabernas máis tradicionais, á cultura popular, ás festas e costumes e aos sendeiros pola natureza, buscando plans atrevidos ou de risco e procurando non rascar moito o peto. Mentres, Ledicia buscará alternativas culturais e históricas, con visitas máis confortables e luxosas e con parada en restaurantes coa gastronomía máis vangardista.

Os presentadores proporán tamén as formas máis sostibles para viaxar e con menos impacto ecolóxico. Desde o medio de transporte empregado para chegar ata alí -coche privado ou transporte público- facilitarase toda a información posible para viaxar en parella, con nenos, con amigos, con persoas maiores ou dependentes.

Despois do seu encontro matinal, Ledicia Sola e Víctor Fábregas separarán os seus camiños en visitas cruzadas con dúas actividades conxuntas onde cada un terá a posibilidade de levar ao seu terreo e poñer a proba o compañeiro, co humor e as bromas entre eles sempre presentes. Un veciño ou guía especializada acompañará cada un dos viaxeiros no seu percorrido, amosando a cara máis xenuína dos diferentes lugares visitados.

Ribadavia é o primeiro destino ao que se enfrontarán hoxe os viaxeiros. Aínda que a primeira hora se darán cita na Praza Maior, o berce do Ribeiro será visitado de xeito ben diferente. Da man de Ledicia, os espectadores percorrerán a zona antiga, descubrindo a ligazón da vila coa comunidade xudía e un segredo histórico que demostrará a valentía das mulleres de Ribadavia. Pola súa parte, Víctor percorrerá os sendeiros que desembocan na espectacular ponte de San Clodio, rodeados de hectáreas de vides que xa se cultivaban hai case 2.000 anos. A intensa xornada abriralles o apetito aos dous, aínda que a carteira separaraos para comer segundo o seu orzamento e preferencias. Xuntos, divertiranse practicando barranquismo e tamén haberá tempo para o relax cun baño nas termas de Prexigueiro.

ler máis

'Vou que teño que ir' convida os espectadores da TVG a viaxar os martes pola Galicia máis descoñecida

14/10/2019

Nesta travesía polo mapa galego, Víctor Fábregas achegarase á cultura popular, ás tabernas tradicionais e aos sendeiros pola natureza, mentres que Ledicia Sola buscará alternativas culturais e históricas, con parada en restaurantes de vangarda

'Vou que teño que ir' convida os espectadores da TVG a viaxar os martes pola Galicia máis descoñecida

Santiago, 14.10.2019.-      Erguerse do sofá para viaxar aos recunchos menos explorados de Galicia. Isto é o que lles propón a TVG aos seus espectadores co novo programa ‘Vou que teño que ir', que se estrea este martes á noite e onde Víctor Fábregas e Ledicia Sola os convidarán a descubrir o mesmo municipio ou comarca de xeitos ben diferentes.

Conscientes de que Galicia non comeza nin remata coa catedral de Santiago e as Illas Cíes, estes aventureiros investigarán lugares pouco masificados. Nesta travesía polo mapa galego, achegaranse ás tascas e tabernas máis tradicionais, á cultura popular, ás festas e costumes e aos sendeiros pola natureza, buscando plans atrevidos ou de risco e procurando non rascar moito o peto. Tamén buscarán alternativas culturais e históricas, con visitas máis confortables e luxosas e con parada en restaurantes coa gastronomía máis vangardista.

Os presentadores proporán tamén as formas máis sostibles para viaxar e con menos impacto ecolóxico. Desde o medio de transporte empregado para chegar ata alí -coche privado ou transporte público- facilitarase toda a información posible para viaxar en parella, con nenos, con amigos, con persoas maiores ou dependentes.

Despois do seu encontro matinal, Ledicia Sola e Víctor Fábregas separarán os seus camiños en visitas cruzadas con dúas actividades conxuntas onde cada un terá a posibilidade de levar ao seu terreo e poñer a proba o compañeiro, co humor e as bromas entre eles sempre presentes. Un veciño ou guía especializada acompañará cada un dos viaxeiros no seu percorrido, amosando a cara máis xenuína dos diferentes lugares visitados.

Ribadavia é o primeiro destino ao que se enfrontarán os viaxeiros. Aínda que a primeira hora se darán cita na Praza Maior, o berce do Ribeiro será visitado de xeito ben diferente. Da man de Ledicia, os espectadores percorrerán a zona antiga, descubrindo a ligazón da vila coa comunidade xudía e un segredo histórico que demostrará a valentía das mulleres de Ribadavia. Pola súa parte, Víctor percorrerá os sendeiros que desembocan na espectacular ponte de San Clodio, rodeados de hectáreas de vides que xa se cultivaban hai case 2.000 anos. A intensa xornada abriralles o apetito aos dous, aínda que a carteira separaraos para comer segundo o seu orzamento e preferencias. Xuntos, divertiranse practicando barranquismo e tamén haberá tempo para o relax cun baño nas termas de Prexigueiro.

ler máis