CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas RG

A Radio Galega retransmite este xoves o partido de Liga entre o Celta e o Español

26/09/2019

A partir das 19.45 h, Paco Santos, Roberto Carlos Carballo, Víctor López e Moncho Carnero encargaranse da narración e dos comentarios técnicos nesta edición especial de Galicia en goles

A Radio Galega retransmite este xoves o partido de Liga entre o Celta e o Español

Santiago, 26.09.2019.-   A Radio Galega emite este xoves unha edición especial do programa Galicia en goles. Desde as 19.45 h, Paco Santos dirixe a retransmisión deste partido de Liga da Primeira División entre o Celta de Vigo e o Español de Barcelona, que se disputa no estadio municipal de Balaídos. Roberto Carlos Carballo, Víctor López e Moncho Carnero encargaranse da narración e dos comentarios técnicos.

ler máis

Alumnos e alumnas do CPI de Vedra, un dos premiados no I Concurso de Podcast da Radio Galega, visitaron a CRTVG

25/09/2019

Os podcasts deste centro e dos outros 7 gañadores foron emitidos no Día das Letras Galegas e poden escoitarse na web diariocultural.gal

O concurso estaba dedicado ao patrimonio material ou inmaterial de Galicia, temática escollida para esta primeira edición do certame

Alumnos e alumnas do CPI de Vedra, un dos premiados no I Concurso de Podcast da Radio Galega, visitaron a CRTVG

Santiago, 25.09.2019.- O alumnado do CPI de Vedra coñeceu hoxe as instalacións da Radio Galega e da Televisión de Galicia onde fixeron un percorrido para coñecer o traballo dos medios públicos galegos. Grazas á súa peza ‘Os xenerais’, este centro foi un dos oito gañadores do I Concurso de Podcasts, convocado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración coa CRTVG. 

ler máis

Os medios públicos galegos ofrecen este mércores, en directo, a primeira xornada do debate do estado da autonomía

24/09/2019

Desde o Parlamento de Galicia, a TVG e a Radio Galega retransmitirán as intervencións do presidente da Xunta e dos representantes dos grupos, en sesión de mañá e de tarde

Os medios públicos galegos ofrecen este mércores, en directo, a primeira xornada do debate do estado da autonomía

Santiago, 24.09.2019.-    Os medios públicos galegos, Televisión de Galicia e Radio Galega, ofrecen este mércores, en directo, o debate sobre o estado da autonomía desde o Parlamento de Galicia, o terceiro debate de política xeral da X lexislatura, o noveno con Núñez Feijóo como presidente da Xunta e o último antes dos comicios autonómicos previstos para o outono de 2020.

Este encontro político anual, comentado por Jesús Fontenla e que se emitirá en lingua de signos, arrancará sobre as 10.00 h co discurso do máximo mandatario autonómico, que subirá á tribuna do Parlamento para, sen límite de tempo, facer balance da súa xestión e esbozar os seus compromisos de cara ao futuro. A continuación, os voceiros de todos os grupos parlamentarios valorarán para a TVG o discurso.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 h, tomarán a palabra os representantes dos grupos parlamentarios, por orde de menor a maior importancia numérica, que terán a oportunidade de expoñer a súa visión da situación de Galicia e cos que Feijóo manterá un debate. A xornada do día 26 está reservada para que os grupos parlamentarios presenten as súas propostas de resolución, que serán debatidas e votadas na sesión do venres.

A Radio Galega tamén emitirá integramente o debate, tanto a intervención do presidente coma as dos grupos parlamentarios. Pero os oíntes terán información xa desde primeira hora, antes de que comece este encontro anual. O programa 'Galicia por diante' ofrecerá un previo sobre as expectativas dos grupos ante este debate do estado da autonomía, para a continuación transmitir a intervención do presidente da Xunta.

Ademais, ofreceranse dúas edicións especiais de 'A crónica'. Ás 14.00 h, o informativo, presentado por Silvia Pereira, será practicamente monográfico sobre o debate, con toda a información do discurso e as posicións ao respecto dos grupos parlamentarios. E ás 21.00 h, Celia Rúa achegará a análise e o resumo do máis relevante desta primeira xornada. O programa tamén contará cun faladoiro en que intervirán os xornalistas Roi Rodríguez, Fran Espiñeira, Julián Rodríguez e Susana Luaña e que será televisado a través da G2.

A sesión do debate do estado da autonomía poderá seguirse tamén a través da páxina web da CRTVG, que realizará un seguimento intensivo e ofrecerá o minuto a minuto deste encontro anual.

ler máis

O xornalista da Radio Galega Anxo Quintela, galardoado co Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2019

24/09/2019

O xurado destacou a súa “continuada implicación no coñecemento e difusión da cultura rural, ás veces desatendida, contribuíndo á súa lexitimación” e recoñeceu a súa traxectoria nos medios públicos galegos

O Ministerio de Cultura resalta con este premio o labor de profesionais que fomentan as actividades culturais

O xornalista da Radio Galega Anxo Quintela, galardoado co Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2019

Santiago, 24.09.2019.-    O xornalista da Radio Galega Anxo Quintela foi galardoado co Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2019 pola súa “continuada implicación no coñecemento e difusión da cultura rural, ás veces desatendida, contribuíndo á súa lexitimación”. Así mesmo, o xurado recoñeceu a súa traxectoria en múltiples campos do xornalismo cultural en lingua galega, na Radio Galega, onde presentou o programa ‘Diario Cultural’, e na TVG, onde foi durante moitos anos o rostro de ‘O Agro’.

Concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte e dotado con 20.000 euros, o galardón recoñece a traxectoria xornalística no ámbito da cultura desenvolvida por un cidadán español cuxa actividade estea dedicada á información cultural, sexa cal for a lingua ou linguas do Estado utilizadas no desenvolvemento do seu labor. É a segunda vez consecutiva que un profesional da CRTVG recibe este recoñecemento, xa que o ano pasado foi premiada a xornalista Ana Romaní.

Nado en Vigo en 1960, Anxo Quintela é un xornalista cunha extensa traxectoria na radio e a televisión galegas, en que participou en programas sobre un amplo rango de manifestacións culturais, entre elas a cultura agraria galega. É tamén poeta, tradutor e actor e levou a cabo distintos proxectos culturais de difusión de poesía, música e lingua galega.

Ademais, foi guionista, director e realizador de distintos documentais e programas de televisión, redactor xefe da revista ‘Agrocultura’ e, entre 1988 e 1990, membro do consello de redacción de ‘Grial’, a máis importante e máis antiga revista cultural de Galicia. Entre 2003 e 2008 foi director de ‘Vieiros’, o primeiro xornal electrónico de Galicia, en que incluíu unha ampla oferta de contidos culturais.

Na súa faceta como escritor, destacan os libros de poesía ‘Á sombra dos pavillóns’  e ‘O asasino estrábico’. Tamén traduciu ‘A casa da madriña’, de Lygia Bojunga Nunes, e ‘Afinidades culturais Galicia-Irlanda’, de Elisabeth Frances Keating.

Este non é o único premio recibido por Anxo Quintela ao longo da súa carreira, xa que en 1982 foi galardoado co Premio Esquío por ‘Á sombra dos pavillóns’ e en 2005 co  Premio Leixaprén pola súa promoción e defensa da lingua galega.

ler máis

Xosé Manuel Piñeiro reaparece no 'Luar' e anuncia que presentará un novo programa na Radio Galega

23/09/2019

A partir do 4 de outubro, estará nas madrugadas dos venres e dos sábados cun espazo de entrevistas, humor e participación da audiencia

No seu agardado regreso, cantou, recibiu o agarimo do público, mantivo unha sincera e emocionada conversa con Gayoso e falou dos seus vindeiros proxectos

Xosé Manuel Piñeiro reaparece no 'Luar' e anuncia que presentará un novo programa na Radio Galega

Santiago, 23.09.2019.-    Despois de despedirse hai dez meses da audiencia da TVG no ‘Luar’, Xosé Manuel Piñeiro escolleu o escenario deste programa para a súa agardada reaparición, onde cantou, recibiu o agarimo do público, mantivo unha sincera e emocionada conversa co seu amigo Xosé Ramón Gayoso e falou dos seus vindeiros proxectos, entres os que se atopa un novo programa na Radio Galega.

O carismático presentador volveu como a el máis lle gusta, cantando, neste caso un popurrí de cancións de Juan Pardo, en primeiro lugar, e, máis tarde, ‘Quen dixo medo’, un tema cunha gran carga simbólica polos duros momentos que viviu durante o último ano debido á súa enfermidade.

Na agardada entrevista con Gayoso, Piñeiro falou da súa recuperación e adiantou que axiña estará de volta, neste caso nas ondas da Radio Galega. A partir do 4 de outubro, presentará nas madrugadas do venres ao sábado e do sábado ao domingo o espazo ‘Bamboleo’. Baixo este título, que tanto éxito lle deu na TVG, proporá un programa con entrevistas, humor e participación da audiencia.

ler máis

Programa especial de 'Galicia por diante', o mércores en directo desde a Feira do Moble da Estrada

17/09/2019

De 9.30 h a 13.00 h, o espazo da Radio Galega falará con responsables do evento e cubrirá o acto oficial de inauguración

Programa especial de 'Galicia por diante', o mércores en directo desde a Feira do Moble da Estrada

Santiago, 17.09.2019.-   O programa da Radio Galega 'Galicia por diante' realízase este mércores en directo desde A Estrada, para compartir coa súa veciñanza a Feira do Moble de Galicia. Para realizar esta emisión especial desprazarase ata alí o presentador do espazo, Kiko Novoa, acompañado de Paco Lodeiro e Tonhito de Poi.

ler máis

O 'Galicia en goles' ofrece a final da Supercopa de fútbol sala feminino e o torneo de baloncesto de Vilagarcía

06/09/2019

O Deportivo-Albacete inicia as retransmisións o sábado na RG, que tamén contará con máis baloncesto, co partido de famosos en Vigo e coa estrea do Cangas na Asobal

O sábado regresa o 'Convivir deportivo', ás 13.00 horas, cun especial sobre Borja Golán, o mellor xogador de España de squash de todos os tempos  

O 'Galicia en goles' ofrece a final da Supercopa de fútbol sala feminino e o torneo de baloncesto de Vilagarcía

Santiago, 06.09.2019.- Desde hoxe, coa nova programación da Radio Galega, o 'Galicia en goles' amplía a edición dos venres. A partir das oito e media do serán e ata a medianoite, Toni López García dirixe as retransmisións da final da Supercopa de fútbol sala feminino e da segunda semifinal do torneo de baloncesto de Vilagarcía. Desde Las Rozas, Andrés Vieites contará o partido en que o Burela xoga polo título de supercampión de España ante o campión de Liga da temporada pasada, o Futsi Navalcarnero. O Obradoiro, mentres, inicia a pretemporada en Fontecarmoa ante o Betis.

Xa o sábado, Xoán Galán pon en marcha a fin de semana deportiva ás tres da tarde co Deportivo-Albacete desde Riazor. O equipo herculino afronta a cuarta xornada da Liga de Segunda con novos reforzos tras o peche do mercado de verán e co obxectivo de sumar a segunda vitoria do curso. O partido de famosos en Vigo a beneficio de NUPA, a estrea do Cangas ante o Granollers na Liga Asobal, a segunda xornada do torneo de Vilagarcía en que compite o Obradoiro e o Marín-Basket Coruña da Copa Galicia completan a oferta de eventos.

Os oíntes da Radio Galega teñen outras ofertas deportivas durante o sábado. Esta temporada, o 'Convivir deportivo', que percorre Galicia da man de Alfonso Pardo, emítese á unha da tarde e a primeira entrega do curso vai ter como protagonista o mellor xogador da historia do squash en España, o santiagués Borja Golán. Pola noite, Rodrigo Pérez segue conducindo a revista do motor 'Gas a fondo', mentres as once e media Toni López convida no 'Galicia en Toquio' os deportistas galegos que aspiran a competir nos próximos Xogos Olímpicos.

O domingo, a partir das doce, a primeira xornada da Liga feminina de fútbol protagonizará a sesión matinal co Deportivo-Español, de primeira, e o Friol-Alavés, de segunda. No fútbol masculino destacan o Las Rozas-Celta B e os encontros adiantados da preferente en Arteixo e Pontevedra. Ás tres, o Elxe-Lugo, na segunda, centrará a xornada da tarde, xunto o Coruxo-Rácing de Ferrol e o Pontevedra-Sporting B, na segunda B. Da xornada de terceira destaca o Compostela-Barco, no Vero Boquete.

A partir das nove menos cuarto, os expertos analizarán a xornada dos equipos galegos no Faladoiro. Ás once da noite, o deporte continuará a mesa de debate de 'Ao contraataque', da man de Toni López García.

ler máis

'Ao contraataque' traslada hoxe o estudio á Sede do Celta

05/09/2019

O programa da Radio Galega farase en directo desde Vigo, con entrada de balde para todos aqueles que queiran asistir

'Ao contraataque' traslada hoxe o estudio á Sede do Celta

Santiago, 05.09.2019.-  Pedro Pablo Alonso traslada hoxe o estudio de 'Ao contraataque' ao salón rexio da Sede do Celta, con entrada de balde para todos aqueles seareiros que queiran asistir en directo. O programa xirará en torno ao novo proxecto do equipo vigués coa canteira como foco de atención.

ler máis

O programa 'Pensando en ti' ofrécese en directo tamén pola G2

01/09/2019

A partir da madrugada do luns ao martes, a audiencia poderá seguir cada emisión por todos os soportes dos medios públicos galegos

O espazo pode seguirse a diario, ata o de agora, a través da Radio Galega e polo servizo da páxina web Mira Radio Galega

O programa 'Pensando en ti' ofrécese en directo tamén pola G2

Santiago, 01.09.2019.-   'Pensando en ti' é o primeiro programa de entretemento da Radio Galega que se emitirá cada día, en directo e de xeito íntegro, por todos os soportes dos medios públicos galegos. O programa radiofónico, que ata o de agora se transmite tamén polo servizo da páxina web Mira Radio Galega, ofrecerase desde a próxima semana pola segunda canle da Televisión de Galicia, a G2.

A CRTVG amplía, deste xeito, o servizo dos medios públicos para facer visual a oferta da Radio Galega, a partir da madrugada do luns ao martes, no horario habitual de emisión, de 1.00 a 6.00 horas da madrugada e de luns a venres.

'Pensando en ti' é un dos programas máis antigos da Radio Galega e un dos preferidos pola audiencia, líder da súa faixa na madrugada. Dirixido e presentado por Marcial Mouzo, acaba de facer 21 anos en antena cedéndolle o protagonismo absoluto á participación dos oíntes, que comparten en directo e a través do teléfono, nun ton distendido, experiencias persoais e opinións sobre todo tipo de temas. É tal o éxito do espazo radiofónico que os seus ouvintes levan 15 anos celebrando unha xuntanza festiva para poñerlle a guinda a cada temporada.

Máis interacción

Con esta incorporación de 'Pensando en ti' á grella da G2, os medios públicos galegos continúan a establecer pontes de cara a un servizo público máis completo e próximo á audiencia. 'A crónica' foi o primeiro espazo informativo e de análise da Radio Galega que estivo presente cada xoves nas emisións da G2, amais tamén de ofrecerse o seu faladoiro vía streaming. Tamén o programa de humor 'Como que non?' formou parte da programación nocturna dos venres da segunda canle da Galega. A maiores, o 'Galicia por diante' da RG abre fiestras informativas en distintos espazos da TVG, como 'A revista' e o 'Bos días', para achegar os temas máis relevantes do día.

ler máis

Raio-Dépor e Lugo-Alcorcón, destacados na Radio Galega

31/08/2019

O domingo, a partir das 15.00 h, o fútbol da segunda división será o protagonista do 'Galicia en goles', que realizará un programa dobre

 

Raio-Dépor e Lugo-Alcorcón, destacados na Radio Galega

Santiago 29.08.2019.- Tras a retransmisión o venres do Sevilla - Celta, a fin de semana deportiva continúa na Radio Galega o sábado desde as 12.00h. A esa hora, a emisora autonómica pon en marcha o 'Galicia en goles', que dirixe Xoán Galán, co seguimento ao partido de Segunda División B entre o Celta B e o Melilla, correspondente á segunda xornada. A partir das 15.00 h, o programa estará pendente da semifinal do torneo de Milán de fútbol sala feminino entre o Burela e o campión da copa de Rusia. A Copa Galicia, mentres, será protagonista coas semifinais de balonmán e os oitavos de final de fútbol sala. Desde as 20.00h toda a atención estará posta no derbi galego da Segunda B entre dous históricos, o Racing de Ferrol e o Pontevedra.

ler máis