CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas RG

Fútbol e baloncesto son protagonistas do 'Galicia en goles' esta fin de semana na Radio Galega

17/01/2020

Atenderase aos partidos dos clubs galegos de fútbol en 2ª, 2ª B e Terceira División, e ofreceranse os encontros do COB, Breogán e Marín na LEB Ouro de baloncesto  

Fútbol e baloncesto son protagonistas do 'Galicia en goles' esta fin de semana na Radio Galega

Santiago, 17.01.2020.- O sábado, desde as tres, Xoán Galán conduce as retransmisións do Lugo-Albacete, na Segunda División, do Fabril-Choco, de Terceira, e dos tres partidos na LEB Ouro de baloncesto: COB Ourense-Almansa, Breogán-Castelló e Marín-Valladolid. Ademais, o Liceo-Saint Omar, da Euroliga de hóckey a patíns, completa a oferta do día.

O domingo, ás doce, a edición matinal estará centrada no Andorra-Obradoiro, da Liga ACB de baloncesto. No fútbol destacan catro encontros: Melilla-Celta B, Inter-Coruxo, Silva-Somozas e Polvorín-Arousa. Desde as tres, a atención estará posta no Deportivo-Cádiz, de Segunda, e logo no Athlétic de Bilbao-Celta, de Primeira. Na Segunda B hai derbi entre o Rácing de Ferrol-Pontevedra, mentres na Terceira xogaranse sete partidos. O Deportivo-Betis, da Primeira feminina, será outro dos directos do programa.

Ao remate do xogo, adestradores e xornalistas debaterán primeiro no Faladoiro de 'Galicia en goles', ata as once da noite, e na última hora día en 'Ao contraataque’. As dúas emisións poden seguirse por streaming no Mira RG, a través da web da Radio Galega e da aplicación para o móbil.

O sábado, os amantes do deporte teñen outras opcións para estar ao tanto do que pasa no deporte galego. Á unha da tarde reúne no 'Convivir deportivo' á familia do Río Sar de Trazo, un club especializado na disciplina de tiro. Ás once da noite, Rodrigo Pérez informa da última hora do motor no 'Gas a fondo'. E ás once e media, Toni López continúa dando voz aos galegos que aspiran a competir nos Xogos de Toquio.

ler máis

A Radio Galega xa se pode oír desde os dispositivos intelixentes Alexa

14/01/2020

A emisora pública galega dá os primeiros pasos na súa distribución a través dos medios propiamente dixitais e achégase máis á cidadanía para que os oíntes escollan cando e onde oíla

A Radio Galega xa se pode oír desde os dispositivos intelixentes Alexa

Santiago, 14.01.2020.- A Radio Galega xa conta coa súa destreza para altofalantes intelixentes e pode escoitarse desde todas as plataformas habituais de consumo, en que se inclúen estes dispositivos intelixentes. Os oíntes que activen esta ferramenta poderán acceder á emisora pública desde calquera dispositivo Alexa dispoñible.

A emisora pública galega engádelle á audiencia a facilidade de poder escoitala  onde e cando queira desde os dispositivos e emuladores de Alexa, pertencentes a Amazon. Para conseguir isto, tan só hai que dicirlle a Alexa: “Alexa, pon Radio Galega Galega”, “Alexa, abre Radio Galega”, ou “Alexa, lanza emisión galega”, entre outras peticións. Esta ferramenta é totalmente de balde e, a través dela, poderase escoitar a Radio Galega en directo desde calquera lugar do mundo.

Deste xeito, a radio pública de Galicia dá os primeiros pasos na súa distribución a través dos medios propiamente dixitais. Ata o momento, só se pode oír a RG, pero Xosé Pereira, director da área de Innovación da CRTVG, asegurou en declaracións á Televisión de Galicia, que Radio Galega Música tamén estará dispoñible para os dispositivos Alexa proximamente.

As emisións da Radio Galega poden seguirse as 24 horas do día a través das tres canles na FM e na TDT, na web radiogalega.gal e a través dos dispositivos móbiles.

ler máis

O 'Galicia en goles' desta fin de semana virará arredor do baloncesto, o fútbol, o balonmán e o ciclocrós

10/01/2020

As retransmisións estarán dedicadas o venres ao baloncesto cos partidos da última xornada da primeira volta da LEB Ouro

O sábado e o domingo, os protagonistas serán o derbi de balonmán Porriño-Guardés e os encontros da Terceira de fútbol e da Copa do Rei

O 'Galicia en goles' desta fin de semana virará arredor do baloncesto, o fútbol, o balonmán e o ciclocrós

Santiago, 10.01.2020.- O 'Galicia en goles' do venres estará dedicado ao baloncesto. Desde as 20:30 hPaco Santos dirixe a retransmisión da última xornada da primeira volta na LEB Ouro, con atención especial aos partidos Ourense-LleidaBreogán-Almansa e Marín-Alacant. No programa tamén estarán pendentes do que suceda no Granada-Basket Coruña.

ler máis

Programación especial na CRTVG para ofrecer o debate de investidura, íntegro e en directo

03/01/2020

A G2 ofrece o debate o sábado e o domingo desde as 09.00 h pola mañá e, a partir das 16.00 horas, en sesión de tarde

Emitirá o debate completo coas intervencións de Pedro Sánchez e os grupos parlamentarios, as respostas do candidato e a posterior votación

A RG (08.00 h) e a web simultanean as emisións para ofrecer tamén en vivo todo o que aconteza no Congreso dos Deputados

Programación especial na CRTVG para ofrecer o debate de investidura, íntegro e en directo

Santiago, 03.01.2020.- Os medios públicos galegos realizan esta fin de semana unha programación especial para ofrecer, en directo, o Pleno de investidura de Pedro Sánchez como candidato á presidencia do Goberno. En caso de non conseguir a maioría absoluta, fixada en 176 votos, o debate continuará pasadas 48 horas, o martes día 7. A segunda canle da Galega, a G2, e a Radio Galega e a web da CRTVG, de xeito simultáneo, emiten o debate completo desde o sábado.

A transmisión íntegra da G2, inclúe a lectura inicial da proposta de candidato entregada polo Rei á presidenta do Congreso, a exposición do programa do goberno por parte de Pedro Sánchez, os discursos dos líderes do resto das forzas políticas, as respostas do candidato e a posterior votación, que se desenvolve o domingo. Deste xeito, a segunda canle da Galega ofrece o debate o sábado e o domingo desde as 09.00 h pola mañá e, a partir das 16.00 horas, en sesión de tarde.

Especial cobertura informativa na Radio Galega

ler máis

Fútbol, baloncesto e Cabalgatas de Reis no primeiro 'Galicia en Goles' do 2020

02/01/2020

O venres comezan as retransmisións co derbi da LEB Ouro de baloncesto entre o Basket Coruña e o Club Ourense Baloncesto, mentres que o sábado reinan as emisións dos encontros futbolísticos

O domingo, a partir das 20:00 h, toda a atención xirará arredor do Celta-Osasuna, en Balaídos

Fútbol, baloncesto e Cabalgatas de Reis no primeiro 'Galicia en Goles' do 2020

Santiago, 02.01.2020.- O primeiro 'Galicia en goles' do ano 2020 chega este venres ás 20:30 h. Pedro Pablo Alonso conduce a retransmisión do derbi da LEB Ouro de baloncesto entre o Basket Coruña e o Club Ourense Baloncesto, desde Riazor.

ler máis

A TVG despide 2019 cun 13,6% de audiencia no día, un dos maiores rexistros do ano

02/01/2020

En decembro incrementa a 9,3% a súa cota no conxunto do día e a 9,8% no  'prime time', e remata o ano como segunda canle máis vista das autonómicas

O 'Telexornal mediodía' é o único informativo que logra coarse na lista dos dez espazos máis vistos do mes de entre todas as canles. 7 dos 25 espazos máis vistos do mes son da TVG, preto do 30%

Éxito de seguimento da gala de fin de ano da G

A TVG despide 2019 cun 13,6% de audiencia no día, un dos maiores rexistros do ano

Santiago, 02.01.2020.- Televisión de Galicia pechou 2019 cun dos maiores rexistros do ano. O día 31, a audiencia apoiou maioritariamente as propostas da canle pública galega outorgándolle un 13,6% de cota media no conxunto do día e un 16,6% no ‘prime time’. Na xornada de Noitevella foi tamén un éxito a emisión da gala de fin de ano, cun 18,9% de ‘share’ e unha audiencia media de 135.000 persoas, só superada polo especial de La1.

En decembro, por segundo mes consecutivo, a TVG experimentou un destacado incremento de audiencia no conxunto do día e obtivo un 9,3% de cota media; mentres que, no caso do 'prime time', esta ascendeu a un 9,8% de 'share'. O crecemento do seguimento respecto a novembro prodúcese en todos os días da semana, agás os sábados que se manteñen. No 'prime time' este aumento é moi notable, sobre todo os luns, que medran 1,3 puntos, os martes 3,7 puntos e os domingos 1,6 puntos.

Con relación aos datos do mes de decembro reflíctese tamén que a Galega remata o ano na segunda posición no conxunto do día dentro de FORTA, e supera a media do grupo en 1,1 puntos no ‘total día’ e 1,2 puntos no 'prime time'.

Na faixa informativa do mediodía (13.30 a 15.30 h), a TVG segue a ser líder cunha cota de 18%, superando en 3,6 puntos de 'share' a seguinte canle competidora (Tele5). Neste senso, cómpre salientar que só un informativo, o 'Telexornal Mediodía Fin de Semana', se coou entre os dez espazos máis vistos do mes de decembro, cunha cota de 25,8%. En total, 7 dos 25 espazos máis vistos do mes foron da TVG, o que supón preto do 30%.

Radio Galega histórica e proxectos dixitais de premio

CRTVG rematou un ano excelente en todas as súas canles de comunicación. Se a cota media acadada pola Galega foi de 9,3% en 2019, superando en máis dun punto a media da FORTA e cos informativos líderes destacados de audiencia, a Radio Galega pola súa banda asinou un ano histórico.

O último EXM de 2019 sinala que a audiencia da emisora pública galega se disparou ata obter as mellores cifras de audiencia desde 2014. En cifras, 181.000 oíntes escoitan cada día a Radio Galega de luns a venres, o que supón un incremento do 38% respecto a última onda do EXM. É o sexto mellor dato da historia da Radio Galega.

Tamén son históricas as cifras do grupo de emisoras públicas. Entre Radio Galega e Radio Galega Música supérase a barreira dos 200.000 oíntes, chegando aos 205.000 oíntes de luns a venres, un incremento do 35% respecto ao ano anterior. Cabe destacar a fortaleza do informativo 'Galicia por diante' que sumou 125.000 oíntes, o dobre que hai un ano, e tamén a consolidación da nova aposta dos espazos culturais, que aumentan nun 95% a súa audiencia con respecto ao modelo anterior, alcanzado os 60.000 oíntes semanais.

A aposta polas novas canles dixitais viuse reforzada con datos e premios neste 2019. O Instagal foi galardonado como o “Mellor Proxecto de Social Media” do ano nos Premios da Comunicación e o Márketing de Galicia, e a CRTVG é a canle de FORTA que máis medrou segundo o último informe elaborado pola canle de medición independente Comscore.

ler máis

O especial 'Feliz ano' dá a benvida a 2020, en directo, na Radio Galega

31/12/2019

A emisora pública inclúe tamén música e humor entre as súas propostas

O especial 'Feliz ano' dá a benvida a 2020, en directo, na Radio Galega

Santiago, 31.12.2019.- A Radio Galega ofrecerá unhas propostas moi festivas para celebrar a Noitevella, que darán comezo hoxe, ás 20.30 horas, cunha edición especial do divertido programa 'Como que non?'. Humor e tolemia sen fin para esta noite, baixo a batuta de Carlos Tresandí.  

A partir das 23.30 horas, María Xosé Rodríguez porase á fronte de 'Feliz ano', o especial de fin de ano da emisora pública, en directo, que pouco antes da media noite conectará coa retransmisión das badaladas da TVG.

Moncho Lemos e a súa selección musical nunha edición única de 'Fondos reservados' acompañarán os oíntes desde as 3.00 horas da madrugada.

Na xornada festiva do 1 de xaneiro, o programa 'Efervesciencia' ofrecerá ás 20.10 h un especial sobre o mellor do ano na ciencia galega, dirixido por Manuel Vicente. De novo, 'Fondos reservados' será a sintonía da Radio Galega, desde as 22.00 h ata as 1.00 horas, que dará comezo o primeiro 'Pensando en ti' do novo ano.

ler máis

O xornalista da Radio Galega Alfonso Pardo, distinguido pola Federación Galega de Karate

29/12/2019

O acto de entrega do prmio celebrouse este domingo no centro Torrente Ballester de Ferrol, no marco da Gala do Karate Galego e das súas disciplinas asociadas

O xornalista da Radio Galega Alfonso Pardo, distinguido pola Federación Galega de Karate

Santiago, 29.12.2019.-    O xornalista da Radio Galega Alfonso Pardo foi galardoado este domingo pola Federación Galega de Karate, que entregou os galardóns correspondentes ao período comprendido entre o 1 de xullo de 2018 e o 8 de decembro de 2019.

A Federación outorga este premio a Alfonso Pardo polo seu labor xornalístico na difusión desta disciplina, concretamente, pola reportaxe emitida o pasado 22 de outubro sobre o Club de Karate San Francisco Teo. O xornalista da Radio Galega é director e presentador do programa 'Convivir deportivo', que amosa a actualidade do deporte desde a óptica social e narra cada fin de semana historias de superación e voluntariado, entre outros contidos, como o deporte base.

A entrega deste galardón tivo lugar no centro Torrente Ballester de Ferrol, no marco da IX Gala do Karate Galego e Disciplinas Asociadas. Neste acto, tamén se recoñeceu o labor doutros medios de comunicación, administracións e organismos oficias, técnicos, árbitros, cubes e deportistas de karate, kenpo e nihon tai-jitsu.

Esta distinción a Alfonso Pardo súmase á obtida o pasado 20 de decembro na Gala do Piragüismo Galego 2019 pola difusión desta disciplina deportiva, que ten moita presenza nos medios públicos galegos, e en que tamén foron recoñecidos outros dous xornalistas da emisora autonómica: Roberto Carlos Carballo e Carlos Alonso.

ler máis

Baloncesto, fútbol sala e ciclocrós, no 'Galicia en goles' da Radio Galega

27/12/2019

Retransmite esta fin de semana os encontros dos equipos galegos de fútbol sala e balonmán feminino

Ademais, o sábado e o domingo haberá unha edición especial do 'Galicia en Toquio' ás 15.00 horas

Baloncesto, fútbol sala e ciclocrós, no 'Galicia en goles' da Radio Galega

Santiago, 27.11.2019.- O 'Galicia en goles' non para no Nadal. Este venres, desde as 20.30 h, Toni López conduce a primeira edición da fin de semana, coa retransmisión desde Betanzos do partido Galicia - Madrid, correspondente á primeira xornada do Campionato de España de fútbol sala feminino na categoría sub-19. O programa tamén estará en Vigo, no torneo de fútbol que organizan a fundación Vide e a asociación de fútbol afeccionado, Afavi.

ler máis

Carlos Alonso, Alfonso Pardo e Roberto Carlos Carballo, da RG, recollen o premio da Federación Galega de Piragüismo

23/12/2019

Os tres profesionais da emisora pública foron recoñecidos na Gala do Piragüismo galego polo seu labor xornalístico cubrindo durante anos a actualidade deste deporte

Carlos Alonso, Alfonso Pardo e Roberto Carlos Carballo, da RG, recollen o premio da Federación Galega de Piragüismo

Santiago, 23.12.2019.-      Os xornalistas da Radio Galega Alfonso Pardo (‘Convivir Deportivo’), Roberto Carlos Carballo (‘Galicia en Goles’) e Carlos Alonso (‘Zona Mixta’) recolleron o pasado sábado, na Gala do Piragüismo Galego, un premio que recoñece o seu labor xornalístico na difusión desta disciplina deportiva, que ten unha forte presenza nos medios públicos galegos.
    
No caso de Roberto Carlos Carballo, a Federación Galega de Piragüismo premiouno polo seu traballo á fronte do ‘Galicia en Goles’ diario, espazo que dirixiu desde 2011 ata agosto de 2018. A Federación premiou tamén os xornalistas Alfonso Pardo, director do programa ‘Convivir Deportivo’, que amosa a actualidade do deporte desde a óptica social e que narra cada fin de semana historias de superación e voluntariado, e a Carlos Alonso, director do programa diario de deportes ‘Zona Mixta’.

Na Gala do Piragüismo Galego entregáronse outros moitos premios, entre os que destacan o galardón ao mellor deportista senior masculino, compartido por Carlos Arévalo e Tono Campos, e o da categoría feminina, que volve caer, por segundo ano consecutivo, na dupla formada por Tania Álvarez e Tania Fernández.

ler máis