CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Bamboleo" comeza unha nova temporada, en que volverá contar con artistas consagrados e coas mellores orquestras do país

07/06/2014

Xosé Manuel Piñeiro ponse unha vez máis á fronte deste grande espectáculo, que esta noite contará coas actuacións de Falete, Diego Calviño e a orquestra Marbella (22.05 h.)

"Bamboleo" comeza unha nova temporada, en que volverá contar con artistas consagrados e coas mellores orquestras do país

Santiago, 07.06.2014.- As noites do sábado na Televisión de Galicia acollen a partir semana unha nova temporada de “Bamboleo” (22.05 h.), o grande espectáculo que presenta Xosé Manuel Piñeiro. As mellores orquestras do país e artistas ben coñecidos polos espectadores actuarán no estudio de gravación do programa.

O espazo da TVG estreará hoxe esta nova etapa co cantante de flamenco e copla Falete como artista convidado. “Bamboleo” tamén contará esta noite coa actuación do cantante galego Diego Calviño e da orquestra Marbella.

Ademais, cada sábado, o programa contará cun elenco de colaboradores que se apoderarán do escenario, entre os que figuran Pepe Capelán, Claudio Pan e o pianista Javier Varela.

Nesta nova temporada, o espazo da TVG ofrecerá as súas seccións habituais, como a atrevida “A ITV do amor”, en que o público terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas. Con “Canción dedicada”, continuarase a facerlles unha homenaxe ás parellas que levan máis de medio século xuntas. “Bamboleo” realizará esta noite un percorrido pola historia de Isabel e Dionisio, de Vila de Cruces, que contarán as súas vivencias máis sinaladas.

Na sección “Agora ou Nunca”, dedicada aos cantantes amateurs, medirán as súas voces Amalia Morales, que interpretará “Homeless”, de Leona Lewis, e Manuel Riopa, que cantará “Como un vagabundo”, de Bertín Osborne. Ademais, parellas de distintas xeracións bailarán na sección “Dirtidansi”.