CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Ayuda en Acción desenvolve unha campaña na CRTVG contra a pobreza infantil

19/05/2016

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia acolle a campaña "Contra a Pobreza infantil, apadriña" co obxectivo de mellorar a vida de miles de nenos e nenas e familias que viven en situación de pobreza 

Ayuda en Acción desenvolve unha campaña na CRTVG contra a pobreza infantil

Santiago 19.05.2016.-  Nas próximas tres semanas, a CRTVG ofrecerá unha programación especial dedicada á campaña “Contra a pobreza infantil, apadriña” de Ayuda en Acción, co reto de acadar que se apadriñe o maior número posible de nenos e nenas para mellorar as súas condicións de vida e as das súas familias. Os días máis sinalados da campaña serán o vernes 3 e o sábado 4 de xuño, datas en que se poderán ver dous programas especiais de “Luar” e “Bamboleo”, nos seus horarios habituais de emisión.

A campaña, froito dun convenio de colaboración entre CRTVG e Ayuda en Acción, ten como embaixadora a presentadora galega Silvia Jato, quen coñeceu persoalmente o traballo da organización nunha recente viaxe solidaria ao Perú. Silvia Jato participará en diversos espazos televisivos e radiofónicos para compartir a experiencia da súa viaxe e as realidades que coñeceu.

Os dous programas especiais solidarios, o “Luar” do venres 3 de xuño e o programa “Bamboleo” do sábado 4 de xuño contarán coa participación de numerosos artistas e invitados que animarán as galegas e galegos a apadriñar un neno con Ayuda en Acción. A campaña inclúe tamén a difusión de contidos informativos, entrevistas e mensaxes dos presentadores e colaboradores de CRTVG que se suman á campaña para dar a coñecer a situación de pobreza e desigualdade no mundo, e concienciar a opinión pública sobre a necesidade de apoiar estas familias.