CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Adiviña quen vén esta noite' indaga cal é a capital galega do verán e asiste ao concerto de Alaska en Ferrol

23/08/2019

Os reporteiros do programa amosan hoxe os tesouros das localidades máis turísticas da Mariña lucense e das Rías Altas e Baixas

'Adiviña quen vén esta noite' indaga cal é a capital galega do verán e asiste ao concerto de Alaska en Ferrol

Santiago, 23.08.2019.- O equipo de ‘Adiviña quen vén esta noite’ (22.00 h.) continúa imparable este venres percorrendo o noso país na procura das citas musicais máis destacadas e concorridas. Por iso, nesta ocasión, Beatriz Serén daralles a benvida aos espectadores desde o Cantón de Molíns de Ferrol, onde esta noite ofrecerá Fangoria un concerto moi agardado, co que arranca a semana grande das festas da cidade. Amais, os reporteiros do programa estarán espallados por toda Galicia para descubrir, en directo, cal é a capital galega do verán.

Como é habitual, Fran Cañotas, situado na praza de España de Ferrol, onde se celebra o concerto, terá como misión conseguir falar con Alaska e darlle o chapeu oficial de ‘Adiviña quen vén esta noite’. Pola súa parte, Duarte Galbán estará no porto deportivo de Baiona para mostrar como é o ambiente que se vive nesta localidade turística en pleno agosto.

Os reporteiros do programa comezarán o seu percorrido polas capitais galegas do verán, desde Ribadeo e Viveiro, na Mariña lucense. Raquel Castro falará con turistas e veciños destas vilas, en que destaca a boa gastronomía, as paisaxes abraiantes e un clima propio. Fátima Mella achegarase ata Ferrol e A Coruña, como localidades destacadas das Rías Altas galegas. Historia, tradición e modernidade danse a man nestas urbes que viven cara ao mar e que están acostumadas a recibir turistas e visitantes, tanto por terra coma por mar. As dúas capitais das Rías Baixas son Pontevedra e Vigo; as súas zonas históricas e a súa trepidante actividade industrial e comercial fan as delicias dos numerosos viaxeiros que as coñecen. Nesta zona, Aitana Crespo amosará tamén polo miúdo Baiona, a ría de Aldán e Sanxenxo.