CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A tvG2 acompaña esta fin de semana o Lobelle e o Obradoiro, os equipos composteláns de fútbol e de baloncesto

13/01/2012

A segunda canle da Galega ofrecerá o sábado ás 16.15 h o partido Lobelle-Santa Coloma, mentres que o domingo se transmitirá en directo o encontro de ACB entre o Blusens Monbus e o Cajasol

O partido de fútbol de Segunda División entre a Unión Deportiva As Palmas e o Barcelona B e o Cross de Itálica son outras das transmisións deportivas desta fin de semana

A tvG2 acompaña esta fin de semana o Lobelle e o Obradoiro, os equipos composteláns de fútbol e de baloncesto

Santiago, 13.01.2012.-    Unha fin de semana máis, a tvG2 ofreceralles aos espectadores unha completa oferta deportiva en que destacan os compromisos de liga do Lobelle e do Blusens Monbus, os equipos composteláns de fútbol sala e de baloncesto.

As transmisións deportivas comezarán o sábado ás 16.15 h co partido entre o Lobelle e o Santa Coloma, correspondente á décimo oitava xornada da Primeira División de fútbol sala, que será narrado por Bibiana Cabo. Neste último partido de liga antes do parón polo Campionato de Europa, o conxunto catalán chega á capital galega coa intención de sorprender os composteláns, aínda que non está a atravesar polo seu mellor estado de forma.

A continuación, a partir das 18.00 h, a segunda canle da Galega ofrecerá en directo o enfrontamento entre a Unión Deportiva As Palmas e o Barcelona B, un choque entre dous equipos que se atopan empatados a puntos na clasificación da división de prata do fútbol español. Os comentarios do encontro correrán a cargo de Sergio Delpont e Manuel Canabal.

Xa na xornada dominical, a primeira cita dos afeccionados ao deporte será o partido de Liga ACB entre o Blusens Monbus e o Cajasol, ás 12.30 h, coa narración de Óscar Suárez e os comentarios a pé de campo de Gustavo Varela. Neste segundo compromiso da serie de catro partidos consecutivos na casa, o Obradoiro cumprirá este domingo no Multiusos Fontes do Sar o seu partido número 50 na máxima categoría do baloncesto nacional e intentará celebralo cun triunfo que poida paliar un pouco a situación en que se atopa o equipo, despois de sufrir tres derrotas nos tres últimos partidos e ocupar postos de descenso. Para isto, deberá imporse ao conxunto sevillano, que hai dúas campañas gañou os dous partidos contra os composteláns.

Como cada domingo, a partir das 16.30 h, tocaralle a quenda ao programa “A Liga das Cidades”, un espazo presentado por Óscar Benito que ofrece o mellor do fútbol galego de 2ª B e de Terceira División. Esta tarde establecerase conexión co partido entre o Lugo e o Celta B, correspondente á vixésima xornada do Grupo I de 2ª División B. O conxunto lucense intentará continuar coa súa extraordinaria traxectoria desta campaña, en que ocupa o segundo posto da clasificación.

Ademais, “A Liga das Cidades” conectará cos encontros da vixésimo primeira xornada de Terceira División Cerceda-Pontevedra, un enfrontamento na parte alta da táboa; e Rácing de Ferrol-As Pontes.

Outra transmisión deportiva que a tvG2 realizará este domingo, ás 14.30  e ás 21.00 h, é o Cross Internacional de Itálica. Xosé Manuel Moldes narrará os pormenores da trixésima edición dunha carreira que se disputará no conxunto arqueolóxico de Santiponce, en Sevilla, e que volverá contar cos mellores corredores mundiais desta modalidade, incluídos os campións do mundo de cross.