CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG pon en marcha un novo control de realización dotado das últimas tecnoloxías, coincidindo coas eleccións

20/05/2011

O meirande estudio da sede da Galega en San Marcos renova completamente as súas infraestruturas de produción, tras un investimento de 2 millóns de euros

As novas dotacións, adquiridas con cargo a orzamentos de varios exercicios, permiten adaptar á canle ás esixencias técnicas da televisión actual, como a alta definición

Ademais a Televisión de Galicia instalou elementos técnicos específicos

A TVG pon en marcha un novo control de realización dotado das últimas tecnoloxías, coincidindo coas eleccións

Santiago, 20.05.2011.-  As eleccións municipais e autonómicas deste domingo non só supoñen un reto informativo para a Televisión de Galicia, senón tamén un reto tecnolóxico. Coincidindo coa xornada electoral, a canle pública vai por en funcionamento un grande cambio tecnolóxico coa renovación completa das súas infraestruturas de produción no meirande estudio da sede central de San Marcos, o número 5, e en especial a súa nova sala de control.

A actualización dos equipos de produción permiten adaptar a canle pública galega ás esixencias técnicas da televisión actual. A principal novidade é a nova sala de control do estudio 5, que vén a substituír a unha unidade móbil que ata o de agora facía ese labor desde o seu estacionamento xunto ao estudio. A nova sala está dotada de mesturadores de vídeo e de audio de última xeración, así como dun servidor de produción multicanle. Ademais dos sinais propios do estudio, poden recibir simultaneamente ata doce liñas externas.

Do mesmo xeito o estudio foi dotado de seis novas cámaras que, o mesmo que o resto dos novos equipos, están habilitadas para traballar en alta definición.

En total estes equipos, que foron adquiridos con cargo a orzamentos de varios exercicios, representan un investimento da orde de 2 millóns de euros, dos que o 75% corresponde a tecnoloxías da imaxe, o 20% as correspondentes a audio e o 5% restante a instalacións.

EQUIPOS ESPECÍFICOS PARA A XORNADA ELECTORAL

A maiores destas novas infraestruturas, o estudio 5 foi reforzado no aspecto técnico para a xornada electoral deste domingo, xa que a complexidade dos programas, sobre todo o "Especial Eleccións", que comeza ás 19.45 horas, esixe recibir e editar en moi pouco tempo distintos recursos audiovisuais e informativos.

Deste xeito, os presentadores contarán diante das cámaras con pantallas táctiles para marcar os puntos de referencia aos que se dirixe a actualidade, tanto nas conexións en directo coma no acceso a infográficos nos que se pode acceder dun xeito moi visual aos datos que vaian xurdindo nos escrutinios.

Ao mesmo tempo habilitouse un recinto para reforzar a área de edición mediante a incorporación dun servidor de produción multicanle e tres postos de control remoto, con dous sistemas multipantalla e sistemas de monitoramento de son para catro persoas. Para facilitar a realización do programa especial incrementarase ademais o número de cámaras ata oito.

Igualmente foi habilitado un espazo para a xeración de infográficos que un equipo de especialistas elaborará na noite deste domingo cos datos que vaian chegando en tempo real. A través deste apoio a audiencia poderá seguir nos seus televisores o reconto de votos en todos os concellos de Galicia, así como os das maiores cidades españolas, os das comunidades onde se elixen os parlamentos autónomos e tamén a nivel estatal.

Este equipo de especialistas, que realiza toda a infografía do programa especial da Galega, subministrará tamén os resultados electorais, en tempo real, á páxina web da CRTVG