CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG ofrece esta noite un especial sobre os dez días que viviu a delegación galega no Festival de Lorient

20/08/2019

Recolle as principais actividades e, sobre todo, as actuacións dos músicos galegos no maior encontro musical e cultural dos pobos celtas

A TVG ofrece esta noite un especial sobre os dez días que viviu a delegación galega no Festival de Lorient

Santiago, 20.08.2019.-  Televisión de Galicia estrea esta noite ‘Destino Lorient’ (22.25 horas), un especial sobre a 49 edición do encontro musical e cultural máis importante do mundo céltico, o Festival Intercéltico de Lorient, que se poderá ver na canle pública en catro entregas. Presentado polo xornalista Arturo Fernández, amosaranse os 10 días que viviu a delegación galega neste certame que se celebra na Bretaña francesa e que este ano homenaxeou a cultura galega.

‘Destino Lorient’ ofrecerá, pois, o percorrido da delegación galega, formada por uns 300 artistas da nosa terra, así como as actividades en que interviñeron. Poderase ver en que consistiu a Gran Noite de Galicia, en que soou Tiruleque e Aligoria, amais de músicos consagrados como Abraham Cupeiro, Suso Bahamonde, Pablo Seoane, a Banda de Gaitas de Forcarei e María López, a gañadora da 34 edición do torneo McCrimmon de Gaita, entre outros moitos. Tamén se mostrará como foi a participación dos grupos galegos na Gran Noite Intercéltica, coas intervencións de artistas de sona internacional como Carlos Núñez, Milladoiro e Mercedes Peón, e o Desfile das Nacións Celtas deste evento único, en que se dan cita arredor de 4.500 artistas internacionais e preto dun millón de persoas, polas rúas de Lorient.

No Festival Intercéltico de Lorient, músicos, bandas de gaitas e agrupacións de bailes tradicionais reúnense na Bretaña para facer homenaxe ás súas tradicións, cultura e sons, desde Cornualles, Gales, illa de Man, Irlanda, Escocia, Bretaña, pasando por Galicia e Asturias e coas últimas incorporacións desde a diáspora no Canadá, Australia, Cuba, A Arxentina e México.  

Na foto superior, actuación da nova gaiteira galega María López.