CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG lidera a xornada electoral do 22-M, cun 27,3% no prime time do día

23/05/2011

 

En concreto, o programa "ESPECIAL ELECCIÓNS" foi visto por 1.225.000 espectadores, o 46% da poboación galega

A nova web da CRTVG incrementou o número de visitas ata acadar a noite electoral un total de 42.189

 

A TVG lidera a xornada electoral do 22-M, cun 27,3% no prime time do día

 

Santiago, 23.05.2011.- As audiencias da xornada electoral do 22 de maio foron lideradas pola TVG, que chegou aos seus máximos rexistros na faixa de maior consumo televisivo, o prime time, en que a canle pública galega acadou un 27,3% de cota de pantalla. En concreto, entre os dous tramos do programa "ESPECIAL ELECCIÓNS", emitido a pasada noite, que comezou ás 19.45h, a información electoral foi vista nalgún momento por 1.225.000 espectadores, que representa o 46,3% dos galegos de catro e máis anos.

O "ESPECIAL ELECCIÓNS", que fixo que a TVG lograse no conxunto do día a maior cota de pantalla rexistrada en Galicia, cun 17,6%, por diante de La 1 (12,7%), La Sexta (12,4%) e Tele 5 (8,1%), tamén foi quen de acadar, ás 22.38h, o "minuto de ouro" de entre todas as canles de televisión que operan en Galicia, ao reunir 389.000 espectadores. A cota de 27,3% obtida polo espazo electoral no prime time deixou o seguinte competidor, La 1 (12,7%), a 14,6 puntos de distancia, seguida de Tele 5, que quedou 17,7 puntos por debaixo.

Canto ao conxunto das televisións autonómicas, este domingo a TVG foi a terceira canle autonómica máis vista no prime time, xa que o seu 27,3% só foi superado en nove décimas pola asturiana TPA e en tres décimas pola vasca ETB2; mentres que a seguinte á Galega foi a catalá TV3, a 5,1 puntos de distancia.

Os datos de audiencia da TVG tamén destacaron na fin de semana, xa que liderou o prime time do venres cunha cota do 15,8%, e así mesmo a clasificación dos programas máis vistos do día ao contar con 4 espazos entre os 5 con maior audiencia: "Telexornal Mediodía" (líder do día); "Galicia Noticias Mediodía" (segundo); "Luar" (terceiro) e o "Especial Eleccións" de peche de campaña, que ocupou a quinta posición.

ÉXITO DA NOVA WEB DA CRTVG

A xornada electoral tamén foi seguida polos galegos a través da nova web da CRTVG, que, desde a súa posta en marcha o 17 de maio, incrementou o número de visitas, ata acadar a pasada noite un número total de 42.189, segundo a medición da auditora Nielsen, é dicir, o dobre de visitas das que dispón normalmente.

A web foi unha canle máis da CRTVG, que permitiu seguir en directo o programa especial das eleccións realizado pola TVG, nas súas canles TVG Europa e TVG América, ao mesmo tempo que o especial da Radio Galega, tamén a través do seu directo. Amais, creouse unha sección dedicada ás eleccións, onde se podían seguir os datos en tempo real, tanto das municipais coma das autonómicas, a través de gráficos sinxelos.