CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG estrea "Sopa de Festa", unha guía imprescindible para seguir o verán gastronómico galego (22.50 h.)

02/06/2014

O programa ofrecerá un especial monográfico dalgunha das exaltacións gastronómicas con máis sona da nosa comunidade. Hoxe, a XLVIII Festa da Troita de Ponte Caldelas, declarada de interese turístico.

 

“Sopa de Festa” preséntase cun formato  fresco, divertido e dinámico onde a cámara recollerá o espírito, o ambiente e o bo comer dos galegos.

 

A TVG estrea "Sopa de Festa", unha guía imprescindible para seguir o verán gastronómico galego (22.50 h.)

Santiago, 02.06.2014.- Que en Galicia somos de bo comer non é nada novo, que non precisamos moito para organizar unha festa arredor da mesa, tampouco. Baixo esta premisa, a partir deste luns, os espectadores da Televisión de Galicia poderán ver, ás 22.50 h., “Sopa de Festa”, un programa producido por Ficción Producciones para a TVG, que nace co obxectivo de ser unha guía imprescindible para seguir o verán gastronómico galego. 

Cada programa ofrecerá un especial monográfico dunha das exaltacións gastronómicas con máis sona da comunidade. Un equipo de reporteiros viaxará ata calquera vila, cidade ou recuncho de Galicia, en que un dos nosos produtos gastronómicos sexa o protagonista da exaltación. Desde a pataca, pasando polo queixo, o marisco, o viño, o pemento ou mesmo o mel será unha boa excusa para que ata alí se acheguen as cámaras de “Sopa de Festa”.

“Sopa de Festa” preséntase como un programa fresco, divertido e moi dinámico onde a cámara converterase nos ollos do espectador para que goce do espírito e do ambiente de festa da man dos seus veciños, visitantes, organizadores, e como non, dos cociñeiros e hostaleiros do lugar.

Nesta primeira edición, “Sopa de Festa” achegaralles aos espectadores da Televisión de Galicia todo canto aconteceu na XLVIII Festa da Troita de Ponte Caldelas, unha das principais festas gastronómicas de Galicia e declarada de interese turístico. 

Unha celebración que, ademais de degustar o produto estrela da vila, volve converter a Ponte Caldelas en punto de destino para os amantes da pesca deportiva coa celebración do Concurso Internacional de Pesca.