CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Estrea do programa 'Embarcados', que dará a coñecer a realidade dos mariñeiros no seu centro de traballo, os barcos

18/10/2019

Os espectadores saberán como é a súa vida mentres están no mar, como se realiza cada traballo e as distintas artes de pesca e cales son as historias persoais dos membros da tripulación

Estrea do programa 'Embarcados', que dará a coñecer a realidade dos mariñeiros no seu centro de traballo, os barcos

Santiago, 18.10.2019.-    Para dar a coñecer como é a vida das xentes do mar no propio centro da súa realidade, a Televisión de Galicia estrea este domingo á noite (23.15 h) o programa ‘Embarcados’, que se realizará integramente a bordo dun barco durante unha xornada de pesca. Así, os espectadores coñecerán como é vida dos mariñeiros mentres están no mar, como se realiza cada traballo e as distintas artes de pesca e cales son as historias persoais dos membros da tripulación.

En xeral, coñécese a realidade dos mariñeiros cando están en terra, pero é moito menos coñecido o seu traballo nos propios barcos, onde transcorre unha parte importante da súa vida. Deste xeito, ‘Embarcados’, un formato de Producións Celta para a TVG, presentado por Xosé H. Rivadulla Corcón, achegaralles aos galegos unha realidade fundamental na vida e na cultura do país, transmitindo toda a emoción das historias dos mariñeiros a bordo dos barcos.

Na primeira entrega do programa, o equipo de ‘Embarcados’ subirá ao cerqueiro Ardorán, con base en Portosín e patroneado por Eduardo Carreño. Nunha época en que a pesca escasea, os homes do Ardorán traballarán hoxe no caladoiro O Profundo, a 20 millas de Portosín, fronte ao cabo Fistera. O patrón do Ardorán, que vén de familia mariñeira, contará como comprou o barco e en que consiste o seu traballo, mentres que o seu irmán, Ismael Carreño, comentará a incerteza do mundo da pesca e o inconveniente que supón pasar tempo lonxe da familia.

A media de idade da tripulación do Ardorán é moi baixa, arredor de 35 anos. Moitos menos ten Suso Avilés. O máis novo é Román Pouso, de 18 anos, que traballa de mariñeiro en cuberta e que agarda que sexa o traballo da súa vida, desexo que tamén comparte Juan Perol, de 19, que, aínda que está empezando no oficio, sabe ben o que é ser mariñeiro. O máis veterano é Rafael Rodríguez, que non vén de familia mariñeira, pero que se enrolou por amor, ao casar cunha rapaza de Portosín.