CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG e a Consellería de Cultura presentaron dúas pezas audiovisuais para a difusión da obra poética de Díaz Castro

09/05/2014

Rosa Vilas e Anxo Lorenzo indicaron que estes microespazos animados con versos do poeta emitiranse na canle autonómica a partir do próximo 12 de maio

A directora da Galega avanzou a programación especial da canle pública na Semana das Letras e salientou "a calidade e a creatividade das dúas pezas realizadas por Algarabía" e "o gran traballo da Radio Galega na recuperación das gravacións orixinais de Díaz Castro"

O obxectivo de

A TVG e a Consellería de Cultura presentaron dúas pezas audiovisuais para a difusión da obra poética de Díaz Castro

Santiago, 09.05.2014-  A Televisión de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colaborarán coa difusión pública da obra de Xosé María Díaz Castro, a través de dúas pezas audiovisuais, realizadas a partir dos versos do escritor, ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
 
 As dúas pezas, que se emitirán na Televisión de Galicia a partir do vindeiro día 12 e durante o mes de maio, foron presentadas esta mañá pola directora da canle autonómica, Rosa Vilas, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

 A directora xerente da TVG fixo un repaso da achega da CRTVG á conmemoración do Día das Letras Galegas, unha data en que, "un ano máis, se volcan os medios públicos galegos". Vilas destacou que durante toda a semana vai haber unha programación especial sobre as letras nas distintas canles (TVG, Radio Galega e web). Ademais, salientou "a calidade e a creatividade das dúas pezas realizadas por Algarabía" e "o gran traballo da Radio Galega na recuperación das gravacións orixinais de Díaz Castro".

 Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura cualificou a celebración do 17 de maio como “unha oportunidade valiosa para poñer en valor os nosos mellores escritores e escritoras, e a nosa mellor literatura, así como a lingua e a capacidade creativa arredor dela”. Así mesmo, incidiu no interese compartido entre a Xunta de Galicia e Televisión de Galicia por “contribuír coa difusión social da figura e da obra de Díaz Castro, coa celebración das Letras Galegas e coa apertura de espazos para a poesía desde os medios de comunicación públicos”.

Microespazos animados para animar á lectura do autor

 Os microespazos animados baséanse en versos de dous poemas de Díaz Castro, pertencentes ao seu poemario ‘Nimbos’: o propio poema homónimo, “Nimbos”, e o poema “Esmeralda”, ao que se lle deu un enfoque máis infantil para dirixilo á poboación máis nova.

 Segundo explicou tamén o responsable de Cultura, “non se trata de pezas explicativas de carácter pedagóxico, senón de propostas visuais para animar os espectadores á lectura deste autor, abrindo boca con algúns dos seus versos, acompañados de imaxes suxestivas”. Tamén lle agradeceu á Radio Galega a súa colaboración para a gravación dunha das locucións das pezas, que realizou Xiana Arias.