CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG busca talento desde a casa co concurso da canción #EstamosXuntosNisto

08/04/2020

Seleccionará o mellor tema musical ata o 24 de abril e premiará o gañador con 1.000 euros

As cancións, que poden ser versións ou totalmente orixinais, teñen que estar interpretadas en galego e deben ir acompañadas dun vídeo

A TVG busca talento desde a casa co concurso da canción #EstamosXuntosNisto

Santiago, 08.04.2020.-    A música estase a revelar como un poderoso bálsamo contra a difícil situación que estamos a vivir con motivo da pandemia do Covid-19. Por iso, a partir de hoxe, a TVG busca a banda  sonora que acompañe o seu cancelo #EstamosXuntosNisto, un dos lemas principais da campaña corporativa que a CRTVG está a desenvolver para reforzar as indicacións das autoridades sanitarias e acompañar a audiencia durante esta crise.

A TVG seleccionará a mellor canción entre as propostas que cheguen dos galegos e galegas ata o 24 de abril. As bases, que se atopan completas en crtvg.gal, indican que os temas teñen que ser interpretados en galego e non deben superar os catro minutos de duración. Poden ser versións de temas xa existentes coa letra adaptada, para o que deben contar coas autorizacións dos titulares dos dereitos, ou cancións totalmente orixinais. O estilo e a temática é libre, pero debe gardar relación con estes días excepcionais que estamos a vivir e co sentimento de que #EstamosXuntosNisto.

As cancións, xunto coa documentación requirida, serán enviadas ao mail estamoxuntosnisto@crtvg.es en formato mp4 e dentro do prazo de presentación de solicitudes. O día 28 de abril coñecerase o nome da canción gañadora do concurso, en que o xurado valorará especialmente a orixinalidade e a calidade técnica. O seu autor recibirá un premio de 1.000 euros.