CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Televisión de Galicia consolídase como a canle autonómica máis vista en España

01/03/2017

No mes de febreiro obtivo unha cota de pantalla do 10,9% no total día, superando o resto das televisións integradas en FORTA

Foi a segunda máis seguida polas galegas e galegos no 'prime time', e repite como a preferida pola audiencia na faixa informativa do mediodía

Santiago, 01.03.2017.-  A Televisión de Galicia consolídase como a canle autonómica máis vista en España ao rematar o mes de febreiro cos mellores datos de cota de pantalla entre as televisións da FORTA, como xa fixera o pasado mes de decembro en que superara por primeira vez a TV3. En concreto, a TVG acadou no total día unha cota de pantalla do 10,9 %, o que representa tres décimas máis que a seguinte, que volve ser a canle catalá.

Por outra parte, a Televisión de Galicia foi a segunda canle máis seguida polas galegas e galegos no horario de prime time, en que rexistrou unha cota ou share do 11,4 % de media mensual, superando a Antena 3 e La1 e só por detrás de Telecinco. Ademais, a televisión pública foi de novo a preferida polos espectadores na faixa informativa do mediodía, en que se sitúa como líder absoluta cunha cota do 23,2 %, dez puntos por riba da segunda, Antena 3.

A programación da fin de semana de TVG ten tamén o apoio da audiencia, que a tivo como primeira opción tanto os sábados coma os domingos ao longo do pasado mes.

A canle pública galega mellora en catro décimas os seus datos de audiencia no total día respecto a xaneiro. En termos interanuais, só a Televisión de Galicia, cun incremento de 1,1 puntos, e Antena 3 conseguiron aumentar o seu share.

Ademais, a segunda canle da TVG acadou en febreiro un 0,7%, co que o total das canles da Televisión de Galicia sumaron un 11,6%.