CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A programación da CRTVG sobre as Letras Galegas chegará este ano con máis intensidade aos máis novos a través das redes sociais

17/02/2020

Programas monográficos, estreas de cine, cápsulas coa voz de Carvalho Calero recuperadas do Arquivo Sonoro, un xogo en Instagram e unha campaña corporativa arredor do autor homenaxeado son as principais apostas dos medios públicos

No Museo Centro Gaiás avanzouse hoxe un conxunto de accións que abrangue máis de 200 iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, educativo, empresarial, musical, escénico, plástico e acadé

A programación da CRTVG sobre as Letras Galegas chegará este ano con máis intensidade aos máis novos a través das redes sociais

Santiago, 17.02.2020.-  Os medios públicos galegos desenvolverán o mes de maio unha programación especial arredor do Día das Letras Galegas 2020. Esta foi presentada hoxe no Museo Centro Gaiás, nun acto en que se expuxo o programa de actividades institucionais e no cal participaron o conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez, o presidente da Real Academia Galega Víctor F. Freixanes, familiares de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado este ano, e representantes de distintas institucións relacionadas coa cultura e a lingua galega. Como explicou a xefa de RSC e Asesoramento Lingüístico da CRTVG, Marta Fernández, “o obxectivo da Corporación é difundir todas as accións anunciadas hoxe e facer chegar esa mensaxe a todos os públicos, na radio, na televisión e, con máis intensidade este ano, nas canles dixitais, para estender a comunicación cos galegos e galegas, especialmente cos máis novos, nos formatos e coa linguaxe á que están máis afeitos”.

Un xogo sobre Carvalho Calero no Instagram
    
A Corporación vaille dar especial importancia á comunicación nas redes sociais, nas que xa existen proxectos para divulgar a lingua (#Instagal e #DígochoEu). Crearase un vídeo, en formato para redes sociais, para divulgar o perfil e o traballo do escritor e tamén se proporá un xogo sobre Carvalho Calero, a través de stories de Instagram e do IGTV. Este xogo comezará semanas antes do 17 de maio. Ademais, este ano aproveitarase o #DigochoEu, espazo divulgativo arredor da lingua nas redes sociais da TVG, para espallar o legado de Carvalho Calero.
    
Arredor deste día, a CRTVG desenvolverá, coma cada ano, unha das súas campañas de Responsabilidade Social Corporativa. Complementará así toda a cobertura que os medios públicos dedican ao día da lingua e a literatura galegas. A campaña terá toda a súa proxección nos medios públicos e contará con soportes para todas as plataformas: cortinas para televisión, cuñas radiofónicas, web específica dentro de #AcciónsG e difusión nas redes sociais.

Televisión de Galicia e Radio Galega
    
O informativo cultural Zigzag realizará o domingo 17 de maio un programa monográfico sobre Ricardo Carvalho Calero. O día anterior, o sábado 16, o espazo Vivir Aquí será tamén un especial sobre o autor, "Os lugares polos que pasou Ricardo", que lembrará as distintas etapas da súa vida. Tamén, ao redor do 17 de maio programaranse dúas películas baseadas en libros galegos: a estrea na TVG de A estación violenta (novela de Manuel Jabois) e A praia dos afogados, baseada no libro de Domingo Villar. Pola súa parte, a G2 programará unha semana enteira as Noites Temáticas das Letras, en que se incluirán documentais sobre homenaxeados en anos anteriores, programas en que se afonda na lingua galega e máis títulos de cine galego.

Ademais, tirando do arquivo sonoro da Radio Galega, a CRTVG recuperará a voz de Carvalho Calero para preparar cápsulas que se emitirán ao longo de toda a programación e que se empregarán tamén en reportaxes e entrevistas. E o magazine matinal da RG Galicia por Diante emitirase en directo o domingo 17 desde o lugar onde se celebre o acto central da Real Academia Galega. O resto do mes, toda a programación estará salferida de contidos relacionados coas letras e con Carvalho Calero, con entrevistas aos autores das publicacións sobre a vida e obra do autor.